Os concellos galegos esixen poder gastar en servizos á veciñanza os cartos que aforran

Presentación do estudo sobre as demandas dos concellos galegos, na sede da Fegamp © Fegamp

"Os máis cumpridores" e os "menos endebedados", pero "discriminados" e con restricións para gastar os cartos dos que dispoñen en servizos á veciñanza. É o retrato robot que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de trazar sobre os concellos do país tras analizar, a través dunha comisión de persoas expertas presidida polo catedrático da Universidade de Santiago Antonio López, ex-conselleiro maior de Contas, as principais necesidades do tecido municipal e sintetizar as "cen medidas necesarias para garantir un trato xusto co territorio galego" e os seus gobernos locais.

"Os concellos galegos perderon nos últimos dez anos máis de 1.400 millóns de euros", di a Fegamp

Coa vista posta en catro "piares" -financiamento, orzamentos, competencias e territorio" o estudo da Fegamp parte da "discriminación" que, destacan, supón un reiterado financiamento dos concellos galegos por baixo da media estatal. No período analizado, de 2004 a 2014, a participación do municipalismo galego nos ingresos do Estado viu incrementada a súa fenda a respecto da media dende algo menos dende os 40 ata case os 50 euros por habitante. Isto, destaca a organización presidida polo socialista Alfredo García, alcalde do Barco, supón que "os concellos galegos perderon nos últimos 10 anos" máis de 1.400 millóns de euros " a respecto da media estatal.

Partindo dunha situación de desvantaxe, salientan, os concellos galego teñen que atender "con menor volume de recursos uns servizos que, polo simple efecto da dispersión" da poboación, "resultan especialmente custosos". Malia isto, salientan, "os concellos son os que mellor cumpren". Non en van, "a Administración local é a menos endebedada de todas" e, "en particular, a galega", xa que os concellos de Galicia "teñen a menor débeda de todo o Estado", un cumprimento que é especialmente salientable "nos de menor poboación", o cal, di a Fegamp, debera servir para "desbotar "a persecución que sofren".

"As cifras avalan os concellos como os máis responsables, polo que deben poder gastar o seu remanente sen restricións"

"Os gobernos locais consolidáronse como a mellor Administración en termos financieros" e como a "única con superávit". Pero, no entanto, a normativa imposta polo Goberno de España impide que gasten todos os cartos dos que dispoñen en mellorar os seus servizos. "As cifras avalan aos concellos como os máis responsables e eficientes, polo que deben poder gastar o seu remanente sen restricións: son aforros propios", di a Fegamp, nun contexto no que, ao cumpriren a estabilidade orzamentaria -equilibrio de ingresos e gastos-, agregan, o Estado deberían deixar de "impoñer a regra de gasto, ao ser innecesaria".

Os concellos galegos apostan por que Xunta e Estado prioricen o financiamento directo por riba dos sistemas de subvencións

Neste contexto, a federación que aglutina os gobernos locais galegos detalla nun documento un centenar de demandas encabezadas pola "esixencia dun equilibrio no reparto de fondos". O Goberno de España, pero tamén a Xunta, advirten, deben "ter en conta os factores que incrementan o custo da prestación de servizos" e apostar pola "progresiva desaparición do sistema de subvencións", substituíndoo por "transferencias directas con criterios obxectivos de reparto".

Ligado con financiamento a Fegamp reitera outra demanda histórica das Administracións locais: unha nova lei de bases que "clarifique as competencias" de Estado, autonomías e concellos, e no caso dos municipios "as acompañe do correspondente financiamento". "Pendentes do cambio da lei por parte do Goberno central -subliñan- agardamos que a Xunta si execute o seu compromiso de elaborar unha nova normativa local galega", din, nun contexto no que apostan ademais por "unha carta de servizos mínimos" das deputacións aos concellos que sexa "homoxénea" e polas "fórmulas de cooperación" intermunicipal como as "máis axeitadas e viables".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.