A batalla das primarias socialistas chega a Galicia

Susana Díaz e Pedro Sánchez © PSOE

As primarias do PSOE desembarcan en Galicia. Logo da última visita dun candidato -a de Patxi López hai quince días con varios encontros coa militancia- os dous grandes aspirantes á secretaría xeral do partido aterran esta semana no país. Susana Díaz e Pedro Sánchez medirán a súa capacidade de convocatoria con varios actos en diferentes localidades a menos dun mes para a cita electoral socialista do vindeiro 21 de maio. 

Susana Díaz estréase na carreira das primarias en Galicia e Sánchez volve logo de actos multitudinarios hai un mes

Será a estrea de Díaz en Galicia nesta carreira. E farao con visitas a varias das grandes cidades. Polo momento, está confirmado un acto na Coruña á tardiña do vindeiro venres 28, mentres que o sábado desprazarase primeiro a Vigo e logo a Ourense e Lugo para reunirse con militantes. Na cidade das Burgas, celebrarase unha comida na asociación Aixiña, mentres que na lucense, a cita será nunha cea ás 20.30 horas no hotel Torre de Núñez. Antes da visita ourensá chegará a Vigo, onde ten no seu alcalde e presidente da FEMP, Abel Caballero, un dos principais valedores. 

Tan só un día antes da súa chegada, Pedro Sánchez volverá buscar o apoio en Galicia logo de que o pasado mes de marzo enchese dúas salas do campus universitario de Ourense nun acto multitudinario. Ás 11.45 do xoves estará en Monforte nun encontro coa militancia que repetirá en Viveiro, cunha comida ás 14.30 horas. Un día antes, o que fora candidato á presidencia do Goberno nas pasadas eleccións xerais terá os seus dous pratos fortes en Pontevedra, a partir das 20 horas, e en Compostela ás 21.30. 

Pedro Sánchez terá actos en Pontevedra, Compostela, Monforte e Viveiro

Pedro Sánchez chegará á capital galega dous días despois de que o faga un dos seus principais e máis importantes apoios: o alcalde socialista de Valladolid, Óscar Puente. O rexedor participará este luns nunha "conversa aberta" xunto ao seu homólogo compostelán, Martiño Noriega. Na Sala Capitol, ambos os dous debaterán nun acto titulado Recuperando o público; o desafío de remunicipalizar servizos. Todo un simbolismo en medio dunha carreira cara ao liderado socialista na que a colaboración ou non con Podemos ou ás mareas marca gran parte do debate. 

Moi a prol desta manifestouse sempre Rocío de Frutos, deputada ourensá do PSOE e unha das que mantivo o seu voto negativo a Rajoy malia a liña oficial que marcara o partido. Ela é un dos apoios máis visibles de Sánchez, pero hai moito máis. Entre a listaxe de representantes da candidatura enviada a Ferraz pola candidatura inclúense o ex-senador Miguel Fidalgo; o voceiro do PSOE no Concello de Pontevedra, Agustín Fernández; o ex-xefe de gabinete de José Ramón Gómez Besteiro, Javier Cerqueiro; ou o portavoz socialista en Culleredo, Diego Taibo. 

Pola súa banda, entre os apoios destacados de Susana Díaz á marxe de Abel Caballero, sitúanse figuras como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; ou a secretaria de Organización do PSOE nan provincia de Ourense, María Quintas, que hai tan só uns días saíu a desmentir unha das últimas polémicas entre sanchistas e susanistas en Galicia. Os primeiros acusaron os segundos de inflar o censo na capital ourensá ao pasar de 544 afiliados a 654 en pouco máis de tres meses. 

Tamén conta Díaz co apoio de destacados persoeiros do PSdeG nun pasado recente como Pachi Vázquez, ex-conselleiro e ex-candidato á presidencia da Xunta; o ex-alcalde de Lugo López Orozco; ou a aínda concelleira socialista na Coruña, Mar Barcón. 

Caballero, Silva, Mar Barcón, Pachi Vázquez ou López Orozco son algún dos apoios máis destacados de Díaz en Galicia

No fondo, a disputa das primarias traslada a Galicia o enfrontamento no PSdeG, cunha xestora provisional e en funcións tras rematar un prazo que xa fora prorrogado. Pedro Sánchez recollerá no país boa parte dos apoios que recibiu Fernández Leiceaga nas primarias galegas de hai tan só uns meses. Daquela, o actual voceiro parlamentario do PSdeG superara o 55% dos votos para ser o candidato á Xunta, mentres que Méndez Romeu quedara no 44%. Son a maioría dos apoios a este último os que parecen asegurados para Susana Díaz. No entanto, os que optaron por Leiceaga poderían dividirse agora entre os que manteñan o apoio que lle daban a Sánchez e os que viren cara á candidatura de Patxi López, que conta con importantes apoios na provincia de Lugo.

Desde o partido, diversas fontes advirten dunhas bases que poderían decantarse por Pedro Sánchez, pero tamén da importancia do voto útil que podería reducir moito os apoios -non escasos- cos que contaría Patxi López. A cada vez máis inclinada elección entre Díaz e Sánchez podería deitar a balanza cara a un ou outro lado. 

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.