"Non hai alternativa ao PP se non acordamos con forzas que defenden o dereito a decidir"

Rocío de Frutos, nun acto do PSdeG en Compostela © PSdeG

Rocío de Frutos foi a única deputada galega do grupo parlamentario socialista que o pasado sábado saltou a disciplina e votou non á investidura de Mariano Rajoy. Di que o faría "mil veces máis" e acusa a xestora de xestionar mal a decisión tomada, "facer sangue e facelo máis doloroso". Defende a Pedro Sánchez, coincide con el en que non lle permitiron ao PSOE conformar un goberno alternativo e cre que o seu partido debe ter como "obxectivo" gobernar "con outras forzas de esquerda". Ademais, advirte, "calquera alternativa ao PP, en Galicia e no Estado, pasa por acordos con formacións que están a favor do dereito a decidir". "Se cadra o PSOE ten que reformular o seu discurso sobre a unidade de España", asegura quen, xunto ao resto de díscolos, vén de recibir unha carta que lle advirte da apertura dun expediente por parte da súa organización. 

Como se sentiu tras a votación de investidura do pasado sábado?

Sentinme triste pola situación, polo novo goberno do PP e de Mariano Rajoy. Pero como Rocío de Frutos, deputada por Ourense e persoa, síntome ben por ter votado non

"Votaría 'non' mil veces máis; coa mesma responsabilidade que votei asumirei a sanción"

Agarda algunha sanción por parte do PSOE?

Aínda non sei nada. Cando tomei esa decisión, que xa tiña tomada de hai tempo e que tomaría mil veces máis, era ben consciente de que me podían sancionar, pero asúmoo. Coa mesma responsabilidade que votei non asumirei a sanción, ben sexa económica ou a retirada dos cargos no grupo parlamentario, que no meu caso tan só serían algunhas portavocías adxuntas. O que si que non me gustaría é que me expulsasen do grupo parlamentario socialista porque non creo que mereza unha sanción tal.

"O único que fixen foi defender o que dixemos na campaña, o que prometemos aos cidadáns e o que defendemos ata hai unha semana" 

Cre que será fácil que tantas sensibilidades diferentes convivan no grupo parlamentario socialista?

O grupo parlamentario do PSOE, como o mundo, pensa diferentes cousas. Ou é que hai que ter pensamento único? Eu lévome moi ben con todos os meus compañeiros, cos deputados de Galicia e cos que convivo nas diferentes comisións. Non creo que haxa problema ningún á hora de traballar. Entendo que as organizacións non teñen por que anular as persoas e a variedade á hora de pensar é o positivo. O único que fixen eu fun defender o que defendemos na campaña e o que prometemos aos cidadáns. Dixemos sempre que non podíamos permitir gobernar a un partido corrompido até a médula e que adoptou políticas restritivas de dereitos, de precariedade e que teñen empobrecido a cidadanía. Ata hai unha semana estivemos defendendo o non e non entendo que unha semana despois defender o mesmo teña que ser motivo para que te expulsen. A min que mo expliquen. 

"Volver votar nunca se debe considerar daniño; outra cousa é que haxa persoas no PSOE que nos colocasen nunha situación de non poder presentarnos con dignidade"

Na súa opinión, eran as terceiras eleccións un mal menor para o PSOE?

Hai dous enganos grandes que nos venderon nos últimos tempos: que debe gobernar o partido máis votado e que é unha distorsión da democracia ir a terceiras eleccións. Ambas son mentira. A Constitución di que debe gobernar quen máis apoios parlamentarios ten e o PP non ten apoios, que eu saiba, porque senón xa tería gobernado sen a nosa abstención. E non pode considerarse nunca daniño votar, outra cousa é que haxa determinadas persoas que puxesen o noso partido nunha situación de non poder concorrer con dignidade a unhas terceiras eleccións. De todos os xeitos, máis que as terceiras eleccións, eu defendín sempre un goberno alternativo.

Con quen?

Con outras forzas de esquerda, coma nós. Pero non puido ser e, desde logo, nunha semana non cambio de opinión e non vou ir en contra do que prometemos aos cidadáns e aos militantes. Estou moi contenta co apoio da militancia, esa é unha das cousas das que máis satisfeita me sinto.

Se a militancia puidese ter opinado, cre que o apoio ao non sería maioritario?

De térselle consultado á militancia, eu creo que terían apoiado o non, pero respecto tamén a posición do resto de compañeiros. Eu non formo parte da estrutura orgánica do PSOE, son unha militante con escano que tiña unha idea clara e que ese día, con certo medo escénico, defendina. 

"A xestora fíxoo peor; a abstención técnica permitía manter mellor a dignidade e non había necesidade de facer sangue e provocar dor"

A tensión e tristeza que se vían desde fóra eran tan cal dentro?

Si, si... Foi unha sesión de investidura horrible. A decisión foi tremenda e triste. Non foi doado de ningunha das maneiras. A forma en como o xestionou a xestora fíxoo aínda peor. A abstención técnica, con todo o triste que fose por terlle que dar o goberno ao PP, tería permitido manter mellor a dignidade dos deputados que querían votar non. Cando se toma unha decisións, que necesidade hai de facer sangue e provocar dor cando se podía facer doutro xeito? Non o entendo. Eu non fun indisciplinada. Había outras maneiras e as organizacións non poden ningunear desta maneira os individuos que as conforman porque, no fondo, os individuos son a organización. Iso penso eu, pero eu non son ninguén. 

"O tema de Catalunya, Euskadi e Galicia haino que afrontar con valentía; se cadra o PSOE ten que reformular o seu discurso sobre a unidade de España"

Está de acordo co que dixo Pedro Sánchez na entrevista con Jordi Évole?

Hai unha cousa coa que estou moi de acordo: puidemos facer un goberno alternativo e non nolo permitiron. Iso é o fundamental. Ademais, hai determinados problemas en España que hai que afrontalos con valentía, como o tema de Catalunya, o País Vasco ou mesmo Galicia. Nisto da unidade de España, se cadra o PSOE ten que reformular o seu discurso. Debemos falar entre todos e dialogar.

"Teño claro que o obxectivo do PSOE debe ser gobernar con outras forzas de esquerda"

É evidente que apoia a Pedro Sánchez...

A min paréceme estupendo que Pedro Sánchez decida optar á secretaría xeral e se finalmente se presenta, eu apoiareino, pero a decisión de votar non tomeina por min e non por outros. Gústanme as súas formulacións e teño claro que o obxectivo do PSOE debe ser gobernar con outras forzas de esquerda e recuperar a nosa posición hexemónica. Estamos atravesando un momento moi doloroso pero debemos recuperar a confianza da xente, que debe saber que había moitos deputados máis que terían votado que non...

"É coherente e lexítimo plantarlle cara a un partido que tomou unha decisión da forma que máis dor causa"

Non se atreveron?

Algúns teñen cargo orgánico e cren que o axeitado é seguir a disciplina do partido. Cada un tería o seu motivo. Entendo que mesmo é coherente plantarlle cara a unha organización que, tendo tomado unha decisión para garantir un resultado, fíxoo da forma que máis dor causa. É lexítimo. 

Volvendo ao tema catalán, en Galicia tamén é imposible unha alternativa ao PP que non pase por apoiarse en partidos que defenden o dereito a decidir... 

Haberá que meterse na cabeza que existe esta situación. Esa alternativa ao PP sen contar con estes partidos non é posible nin en Galicia nin no resto do Estado. Se os partidos nacionalistas valen para unha cousa, por que non han valer para outra? Os parlamentarios soberanistas son deputados que teñen o seu escano e están no Congreso. Entre todos temos que solucionar os problemas, pero o que non se pode permitir baixo ningún concepto é o discurso de Mariano Rajoy no segundo debate de investidura. Sabendo que non ten apoios parlamentarios, advirte de que vai continuar coas súas políticas. É totalmente abusivo. 

"Non hai alternativa ao PP, nin en Galicia nin no Estado, que non pase por acordos con partidos a favor do dereito a decidir"

Como de complicado ve o futuro do partido a nivel estatal e en Galicia?

O complicado para min é que non sexamos capaces de entendernos as forzas de esquerda. Na esquerda non vai haber maiorías absolutas, por moito que nos queiran vender a moto. O máis sensato sería que aprendésemos a falar, a negociar e a acordar entre todos. Isto que pasou non é só culpa do PSOE. Cada un dos grupos parlamentarios que están no Congreso e que non acordaron un goberno alternativo ao PP teñen a súa culpa. O PSOE asumiu esta resposabilidade non sei por que, pero todos teñen parte de responsabilidade, todas as forzas alternativas ao PP. 

"Eu non tería pactado con Ciudadanos se quero pactar con Podemos"

Inclúe a Ciudadanos ou cre que aquel pacto asinado por Sánchez e Rivera foi un erro?

Ben... Eu non tería pactado con Ciudadanos se quero pactar con Podemos. Pedro Sánchez non tiña moita alternativa e optou pola transversalidade, pero xa se viu que non funcionou. 

Non se fía de Ciudadanos?

Eu fíome de todos pero Ciudadanos non está na miña liña ideolóxica. 

Ve a situación no PSdeG máis ou menos difícil que no PSOE?

Non é que queira zafarme da pregunta pero non teño cargo orgánico nin controlo moito as diferentes sensibilidades que hai no PSdeG. Sexa como for, véxoo difícil.

Que futuro lle ve ao seu partido a medio prazo?

Véxolle un gran futuro, creo que é un gran partido, con gran xente. Malia esta decisión que tomamos, dolorosa e dificilmente entendible, espero que poidamos facer oposición como dixemos... Iso espero. Pouco a pouco temos que ir recuperando a confianza da cidadanía porque non creo que 137 anos de historia se teñan que tirar pola borda. Fixemos grandes cousas, temos persoas moi válidas e creo que traballando e asumindo que pode haber diferentes formas de pensar no partido podemos avanzar.

"Non penso deixar o escano baixo ningún concepto; se cren que non son digna de estar no PSOE, que me boten eles"

Diferentes dirixentes cren que os que votaron 'non' deberían deixar o seu escano por coherencia.

Non penso deixar o escano baixo ningún concepto porque tampouco o van facer o resto de compañeiros que votaron non. Se a dirección considera que non son digna de estar no partido, serán eles os que me teñan que botar. E eu marcharei sen problema. 

"Se me expulsan, marcharei e non irei ao grupo mixto, que non teñan medo diso"

Sen problema?

Non marcharei ao grupo mixto, que non teñan medo diso. Igual que eu son coherente e non vou ao grupo mixto, espero que eles sexan coherentes e non me boten por votar o que defendemos ata hai unha semana e o que lles dixemos aos cidadáns. Que me expulsen por votar non sería bestial, pero se me expulsan, eu marcho. 

Rocío de Frutos, nun acto do PSdeG en Compostela © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.