París e Grenoble en Francia, Berlín e Potsdam en Alemaña, Budapest en Hungría, Varese en Italia, Dar es Salaam en Tanzania, Buenos Aires en Arxentina, Hamilton en Canadá ou varias mucipalidades de Malasia. Cidades e vilas de todo o planeta están levando a cabo nos últimos anos procesos de recuperación da xestión pública directa do servizo de auga e saneamento. En Galicia, Teo está a piques de completar o proceso que lle permitirá facelo, e nos programas electorais para as municipais de BNG e de varias candidaturas municipalistas de esquerda tamén inclúen a remunicipalización da auga e doutros servizos básicos.
En Andalucía, Aragón, Cataluña, Euskadi ou Murcia creáronse plataformas para traballar pola remunicipalización
En distintos terriorios do Estado español están en marcha iniciativas semellantes. A pasada semana presentouse en Madrid a #Iniciativagua2015, unha plataforma formada por organizacións veciñais, ecoloxistas, de consumidores, científicas e sindicatos, que promove un debate público sobre a remunicipalización do subministro de auga. Naceu en Andalucía, pero xa se está a estender polo resto de España, esixíndolles un posicionamento claro sobre a cuestión ás distintas forzas políticas e plataformas cidadáns, de cara ás próximas eleccións municipais. En Cataluña sindicatos, organizacións sociais e ecoloxistas conforman a plataforma Aigua és vida, denunciando que a privatización da xestión afecta ao 83% da poboación catalá. En Aragón a Red Agua Pública de Aragón conta co apoio das forzas de esquerda da rexión e dunha ducia de organizacións sociais. En Euskadi, o pasado mes de novembro a Asemblea Xeral do Consorcio de Augas de Guipúscoa aprobou o Pacto Vasco da Auga, comprometéndose cunha xestión pública, integrada e participativa do ciclo intergral da auga. Tamén en Murcia se presentou hai unhas semanas a Asamblea Agua Pública 100%.
En 1996, o 63% da poboación española aínda recibía un servizo de subministro de auga xestionado por entidades públicas. Porén, os procesos de privatización foron avanzando, chegando ao 53% en 2010 e ao 57% na actualidade
En 1996, o 63% da poboación española aínda recibía un servizo de subministro de auga xestionado por entidades públicas, fronte a un 37% de xestión privada. Porén, os procesos de privatización foron avanzando, chegando ao 53% en 2010 e ao 57% na actualidade. Os defensores da remunicipalización destacan que a xestión privada non só encarece o servizo para a cidadanía, senón que incrementa o gasto de auga, xa que a maior consumo maior beneficio. Ademais, en moitas ocasións a actividade das concesionarias é pouco transparente. Finalmente, chámase a atención sobre a necesidade de que os beneficios xerados polo subministro de auga revertan na súa totalidade na mellora do servizo, algo que se podería asegurar cunha xestión pública, no canto de servir para engrosar os beneficios de grandes corporacións.
O BNG propón "rescatar" servizos públicos privatizados
"FCC, Ferrovial, Sacyr, ACS, Vendex, Viaqua..., lobbies madrileños que xestionan servizos municipais privatizados por valor de 3.000 millóns de euros anuais, un 6% do PIB do país, 350 euros por cada galego e galega"
O Bloque Nacionalista Galego presentou unha das propostas que encabezan o programa marco das listas BNG-Asembleas Abertas para as eleccións municipais do 24 de maio: o rescate progresivo e xeneralizado dos servizos públicos privatizados ao longo das dúas últimas décadas, "que está sendo o gran negocio" para un pequeno grupo de oligopolios beneficiados polas concesións, destaca a formación, que fai especial fincapé naqueles servizos "relacionados co medioambiente", coma a xestión da auga e do saneamento.
"FCC, Ferrovial, Sacyr, ACS, Vendex, Viaqua..., lobbies madrileños que xestionan servizos municipais privatizados por valor de 3.000 millóns de euros anuais, un 6% do PIB do país, 350 euros por cada galego e galega", explica o BNG, que engade que estas concesións non só “colonizan” o 50% do orzamento dos concellos, engrosano as contas de resultados destas grandes empresas, senón que ademais se teñen revelado como "unha fonte de corrupción".
O BNG propón iniciar os procesos para a recuperación da xestión directa de auga, lixo, limpeza, saneamento, parques e xardíns, transporte, servizos sociais de residencias, gardarías, xestión do deporte (multiusos) ou da cultura (auditorios)
O BNG propón iniciar os procesos para a recuperación da xestión directa de auga, lixo, limpeza, saneamento, parques e xardíns, transporte, servizos sociais de residencias, gardarías, xestión do deporte (multiusos) ou da cultura (auditorios). “Quen vai crer que unha empresa de autobuses é o mellor xestor dun multiusos, dun pazo de congresos ou de servizos sociais, quen vai crer que unha gran empresa da construción é o mellor xestor das garderías, das residencias ou centros de día?”, preguntou Xavier Vence, portavoz nacional da formación, na presentación pública da iniciativa.
“BNG-AA propón que eses 3.000 millóns de euros deixen de ser pasto do negocio dos grandes lobbies que están colonizando os nosos recursos públicos, os impostos que pagamos aos nosos municipios os galegos e as galegas, e romper con ese cordón umbilical que une ao capitalismo madrileño improdutivo e parasitario que fomenta a corrupción por todo o país, amigo do PP ao que financian xenerosamente”, dixo.
A proposta do BNG levaríase a cabo en catro pasos
A proposta do BNG levaríase a cabo en catro pasos: en primeiro lugar, impulsando unha axenda de rescate progresivo dos servizos públicos privatizados, dando prioridade neste rescate aos que teñen un maior contido social e aos relacionados co medioambiente como a xestión da auga e do saneamento. En segundo lugar, o Bloque propón modificar a normativa aprobada polo PP nos últimos anos que dificulta este rescate: suprimindo a taxa de reposición, o límite de financiamento dos concellos e devolvéndolles aos municipios as competencias “usurpadas” pola Lei de reforma local. Como terceira medida, e mentres as concesións sigan en vigo, o Bloque propón implantar sistemas efectivos de control e de inspección dos servizos privatizados, "porque hai un incumprimento dos contratos que, en moitos casos, non poden ser controlados polos concellos", din. Finalmente, a formación propón "elaborar unha estratexia para romper coa posición de dominio que teñen as grandes contratistas madrileñas" pois os recursos públicos dos concellos “deben ter como fin servir con calidade á cidadanía, non enriquecer a conta de resultados destes lobbies”, sinalou Vence.
Exemplos de remunicipalizacións recentes
En 2012 o Municipal Services Project publicou o libro Remunicipalización: El retorno del agua a manos públicas, traducido recentemente ao castelán. Na obra analízanse os procesos de recuperación da xestión levados a cabo nos últimos anos por París, Buenos Aires ou Berlín, entre outras cidades de catro continentes distintos. O libro destaca que as razóns da remunicipalización derivan en gran parte dos "fracasos da privatización da auga" e que mesmo o Banco Mundial fixo un chamamento a "repensar" as políticas de privatización, "á vista dos efectos sobre traballadores, familias de baixos ingresos e o medio ambiente dun modelo de prestación de servizos con fins de lucro".
En todos os casos analizados "a entidade remunicipalizada ofreceu servizos máis equitativos, máis transparentes e máis eficientes que o proveedor privado que a antecedeu, con máis calidade no servizo e mellor sostibilidade a longo prazo"
O estudo conclúe que "a remunicipalización funciona" pois en todos os casos analizados "a entidade remunicipalizada ofreceu servizos máis equitativos, máis transparentes e máis eficientes que o proveedor privado que a antecedeu, con máis calidade no servizo e mellor sostibilidade a longo prazo". Tamén destaca o aforro económico para as arcas municipais, sinalando por exemplo que París aforrou 35 millóns de euros só no primeiro ano de aplicación da xestión pública. Tamén salienta outras vantaxes, como "asegurarlles aos máis pobres o acceso á auga" en Buenos Aires ou "xestionar de forma consistente e reunificada todo o ciclo da auga". Os autores tamén subliñan que "o crecente fenómeno da remunicipalización tamén desafía o mito de que a privatización é irreversible”.
O estudo tamén alerta de que non resulta nada doado reverter a privatización
Con todo, o estudo tamén alerta de que non resulta nada doado reverter a privatización: "Mesmo onde a vontade política é forte e a capacidade financeira e técnica existe, a reversión da propiedade e a administración estatal están infestadas de dificultades. Por exemplo, hai perda da memoria institucional, activos degradados, sistemas de comunicación e contabilidade que non engranan cos sistemas do sector público, herdanzas negativas recibidas da compañía privada saínte, e moitos outros problemas".
"O éxito da remunicipalización no sector da auga expón a cuestión de se puidese funcionar noutros sectores"
Nas súas conclusións, o documento tamén afirma que "o éxito da remunicipalización no sector da auga expón a cuestión de se puidese funcionar noutros sectores", citando por exemplo a electricidade ou a xestión de residuos. "Nalgúns aspectos xa funcionou. A privatización non logrou cumprir en ningunha destas áreas, e tanto cidadáns como directivos estiveron presionando para reformular o modelo de comercialización", di.