Na primavera de 2007, pouco antes das eleccións municipais, o daquela alcalde do Concello de Teo, Armando Blanco (PP), impulsaba xunto aos seus socios dun partido independente a prórroga da concesión do servizo municipal de augas coa empresa Aquagest, actualmente denominada Viaqua. O contrato pasaba de expirar en 2009 a facelo en 2029 a cambio, segundo o histriónico rexdor, de 1,7 millóns "para obras" e de "cancelar os recibos que faltan por pagar". En agosto dese ano, xa con Martiño Noriega como alcalde, o goberno local tentou sen éxito revisar o contrato -PP e InTeo votaron en contra e o PSOE abstívose- ao considerar que podía ser nulo de pleno dereito, nulidade que agora vén de avalar o Consello Consultivo.
Tras seis anos asumindo, en verbas de Noriega, "todas as obrigas e os poucos beneficios establecidos" naquela prórroga, en maio de 2013, xa coa lupa informativa sobre si polas presuntas implicacións no caso Pokémon, a empresa propuxo unha nova modificación do contrato. Desta volta Viaqua reclamaba, entre outros aspectos, unha suba de tarifas. Os servizos xurídicos do consistorio teense consideraron que a nova modificación "non se podía realizar" pero, ademais, un dos informes incluídos no expediente considerou "conveniente aludir á posible relevancia penal derivada da adopción do acordo plenario discutido". "A asesoría xurídica -explican dende o Concello- considera que as circunstancias observadas nesta ampliación poden levar a concluír que naquela decisión concorreron indicios de delito".
O Consultivo avala a nulidade da prórroga, que segundo a asesoría xurídica puido incorrer nun delito
Convencido de que a "modificación do contrato é nula porque non cumpría as condicións legais para facerse a través dunha modificación ou ampliación por variar substancialmente as condicións do contrato orixinal" o pasado marzo o Concello iniciou un dobre movemento: a remisión do expedente á Fiscalía e, ao tempo, o seu envío ao Consello Consultivo para procurar un aval á anulación do contrato. O Consultivo vén de se pronunciar "favorablemente a esta petición e na súa exposición de motivos avala a posición defendida polo Concello", segundo a cal "o procedemento tería que ter sido unha nova licitación do servizo que respectase os principios de libre concorrencia e igualdade de oportunidades".
Noriega: "Queremos recuperar a xestión da auga"
Neste escenario, o goberno local disponse a "pechar este proceso" coa convocatoria dun pleno extraordinario para este xoves "no que se acorde a resolución do contrato" ao abeiro do ditame do Consultivo. O gabinete de Noriega agarda desta volta o apoio de BNG e PSdeG, que xa "apoiaron o inicio do expediente de revisión en decembro de 2013" e disponse a "traballar no deseño da xestión da auga para os próximos anos". "Ante este novo escenario -sinala o alcalde- queremos recuperar a xestión da auga", polo que "traballaremos para poder municipalizar este servizo, dentro das posibilidades que nos dea o marco normativo actual". Viaqua, pola súa banda, debe "seguir prestando o servizo" con "normalidade" ao ser "un servizo esencial".