O pleno de Santiago aproba a municipalización dos servizos de ORA e guindastre

Votación no pleno de Santiago © Concello de Santiago

O pleno de Santiago de Compostela aprobou a municipalización dos servizos de ORA e guindastre. Fíxoo cos votos a favor de Compostela Aberta e BNG, logo de que fose aceptada unha emenda do grupo nacionalista e despois de que tamén os votos de ambas formacións aceptasen o levantamento do reparo suspensivo da Intervención municipal.

"Estamos obrigados a demostrar que podemos prestar os servizos de xeito directo mesmo con máis garantías que se están externalizados"

"Estamos obrigados como institución a demostrar que podemos prestar os servizos de xeito directo mesmo con máis garantías que se están externalizados", expresou o alcalde, Martiño Noriega, durante o debate no pleno, no que aclarou que o proceso iniciouse xa "cando un xuíz declarou ilegal a concesión feita no ano 2012 polo goberno do PP". "Esa é a única ilegalidade constatada na ORA neste Concello", asegurou o rexedor. 

Segundo Noriega, o Concello de Santiago está agora "preparado para aprobar a municipalización despois de dous longos anos de traballo" e, aínda que asegurou que "non é razoable que a unha administración pública se lle pidan cinco ou seis veces máis garantías que para prestar un servizo directamente que para externalizalo", hoxe a administración local xa está lista para certificar o proceso de reversión ao público deste servizo. 

Desde o BNG, o seu voceiro Rubén Cela explicou que o grupo votouu a favor de asumir a xestión directa da ORA e do guindastre logo de que Compostela Aberta aceptase a emenda in voce de tipo transacción por motivos técnicos, co que se logrou a aprobación definitiva da municipalización. O portavoz nacionalista argumentou o visto e prace ante "o mantemento dos 50 postos de traballo do persoal que presta este servizo e o convencemento ideolóxico a favor dos servizos públicos".

A emenda do BNG recolle que “é materialmente imposíbel que a empresa municipal Tussa se poña a prestar o servizo de xestión da ORA e o guindastre municipal, inmediatamente despois da eventual aprobación no pleno deste punto e do modificativo de crédito, por non ter nese intre liquidado o anterior contrato e posto a súa disposición os medios materiais para a prestación de dito servizo, que deberían ser o resultado da reversión dos mesmos ao Concello e posterior adscrición á empresa municipal Tussa”.

Por este motivo, aclara o Bloque, incluíuse o seguinte texto: “Este acordo está condicionado á aprobación definitiva do expediente modificativo de crédito así como a materialización efectiva do encargo de xestión á empresa Tussa, unha vez se proceda á recuperación da maquinaria polo Concello que logo se deberá pór a disposición da empresa empresa municipal Tussa".

Desde o PSdeG, pola súa banda, optouse pola abstención. Segundo o seu voceiro, Paco Reyes, "nada cambiou" desde que se abstiveran reclamando "máis seguridade xurídica". "As únicas inseguridades xurídicas que houbo no proceso foron as que se tomaron no seu momento, e non foron nosas", respondeu Noriega ante as palabras tamén do grupo do PP, que cre que "entre a memoria inicial e a memoria final non hai melloras e non se ven vantaxas na municipalización"

 

Un proceso longo

O proceso iniciouse en setembro de 2015 cando o TSXG anulou a concesión da ORA e o guindastre e un mes máis tarde a Xunta de Goberno Local acordou executar a sentenza, ordenando a continuidade dos efectos do contrato ata que a Corporación adoptara unha decisión sobre a xestión dos servizos. En xaneiro de 2016, o consello de administración de Tussa aprobou a modificación dos seus estatutos para poder ampliar o seu obxecto social aos servizos da ORA e o guindastre.

En maio, ao expediente aberto incorporouse un informe elaborado por unha auditoría externa, Faura-Casas, sobre os custos efectivos, a situación económico-financeira e as estimacións futuras do contrato de xestión dos servizos, así como outro informe xurídico sobre cuestións de persoal derivadas da posible remunicipalización. Os dous eran favorables á medida, polo que a Xunta de Goberno lle solicitou a Tussa que se pronunciara sobre a viabilidade da encomenda de xestión. Ese informe de viabilidade chegou no mes de setembro, e xa en outubro Faura Casas emitiu un novo informe económico sobre a liquidación do contrato con Setex. Todos os informes avalaban a viabilidade de que os servizos de ORA e guindastre sexan prestados pola sociedade mercantil Tussa, decisión que finalmente foi avalada polo pleno en decembro de 2016. 

Servizo de guindastre do Concello de Santiago, en proceso de remunicipalización © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.