A xestión municipal da auga en Teo supuxo un aforro de 200 mil euros

O Concello fíxose coa xestión do servizo de augas e saneamento hai algo máis dun ano Dominio Público Augas de Teo

"É importante que se visibilice que o modelo público é posible e solvente", destacaba en 2015 en conversa con Praza Luís Babiano, xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS). Sinalando a importancia de que os concellos que se fixesen cargo da xestión de servizos coma a auga e o saneamento amosasen que a súa xestión podía ser máis eficaz e eficiente que a realidade polos operadores privados e denunciando a este respecto que "os contratos de privatización non están feitos para que se xestione ben, senón para asegurar que se gañe moito diñeiro".

O Concello de Teo vén de presentar a Memoria do primeiro ano de funcionamento do servizo público Augas de Teo, destacando que neste primeiro exercicio a xestión municipal logrou reducir o déficit do servizo en máis de 200.000 euros con respecto ao último ano de xestión privada, "o que confirma a eficacia da xestión pública do ciclo integral da auga”, di o alcalde Rafael Sisto.

Sisto destaca que os datos do primeiro ano de Augas de Teo "confirman a eficacia da xestión pública do ciclo integral da auga”

Teo viña destinando ao redor de 1.369.385 euros anuais ao servizo, unha cantidade que dende o inicio se considerou que sería menor coa xestión directa. A Memoria publicada este martes detalla que no cuarto trimestre de 2015 e nos tres primeiros de 2016 o gasto real estivo 225.203 euros por baixo do custo medio de xestión do servizo coa operadora privada. Un dos motivos que explican este mellor resultado é que neste primeiro ano de xestión directa deuse “unha importante redución de custos na execución de obras de ampliación de rede ao conseguir aforros superiores ao 40% do que viña facturando a empresa concesionaria”, sinala o alcalde. A Memoria destaca igualmente o "deficiente mantemento constatado nas diversas instalacións", o que obrigou nestes doce meses a que o Concello levase a cabo varias "actuacións urxentes", quedando outras pendentes a acometer neste neste 2017.

Un dos motivos que explican este mellor resultado é a "importante redución de custos na execución de obras de ampliación de rede ao conseguir aforros superiores ao 40% do que viña facturando a empresa concesionaria”

O servizo segue presentando un deficit de 178.198 euros anuais, pero moi inferior ao rexistrado en 2014 (383.559 euros). Neste senso, o Concello destaca que "o sistema segue a ser deficitario" e aposta por "mellorar a eficacia do servizo na redución de custos, na ampliación da rede e do número de abonados/as, e no incremento da eficacia recadatoria". Sisto alerta, ademais, que "o elemento con maior incidencia nos resultados foi o custo enerxético, que supuxo máis dun 37% do custo total do servizo". Á vista destes resultados o Concello xa procedeu a encargar unha auditoría enerxética para establecer medidas redutoras desta factura, "sobre todo na ETAP e nos bombeos, sempre facendo compatibles estas accións co mantemento da calidade do servizo".

 

A auga e o saneamento, un negocio

Os datos do INE sobre os importes facturados polas empresas -públicas, privadas ou mixtas- que xestionan o subministro e o saneamento das augas en Galicia constatan que este servizo move cada vez máis diñeiro, o que o converteu en obxecto de desexo para as macroempresas do sector. O importe facturado polas empresas responsables do subministro, sumidoiro e depuración en Galicia era de 156,5 millóns de euros en 2003. E en 2008 crecera moi lixeiramente, ata os 162 millóns. Porén, entre 2008 e 2013 o custe total motivado pola xestión da auga disparouse en Galicia, pasando deses 162 millóns ata os 231. No 2014, último dato publicado, o total descendeu lixeiramente (ata os 219 millóns). 

 

Un ano de xestión pública trala recuperación do servizo

Entre 2008 e 2013 o custe total motivado pola xestión da auga disparouse en Galicia, pasando dos 162 millóns ata os 231, un incremento do 43%

Augas de Teo comezou a operar en o 1 de outubro de 2015, completando o proceso iniciado o ano anterior. En xuño de 2014 o Consello Consultivo avalara a fin do contrato de Aquagest, que fora prorrogado por Armando Blanco (por 30 anos) pouco antes das eleccións de 2007. E en outubro dese ano 2014 o pleno municipal deu comezo ao procedemento administrativo necesario para recuperar para o Concello "a xestión dun ben público como é a auga", destacaban daquela dende o Goberno local.

 

O Concello fíxose coa xestión do servizo de augas e saneamento hai algo máis dun ano Dominio Público Augas de Teo
O Concello destaca que a xestión pública mellorou o servizo e supuxo un aforro © Augas de Teo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.