"Os contratos de privatización non están feitos para que se xestione ben, senón para asegurar que se gañe moito diñeiro"

Luis Babiano, xerente de AEOPAS © blogdelagua.com

Nas últimas dúas décadas moitos concellos privatizaron a xestión dos seus servizos de auga e saneamento, moitas veces acompañado este proceso dun argumentario que defendía unha maior eficiencia na xestión privada e mesmo un aforro para a administración. Porén, este argumentario foi desmentido pola práctica e a realidade. "Por que se privatiza? Non se privatiza para ter un mellor servizo, privatízase porque os nosos concellos, mal financiados e ás veces mal xestionados, viron a oportunidade de venderlle a unha multinacional algo moi valioso: os clientes seguros deste monopolio natural", afirma Luis Babiano, xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS).

"Eses cartos que paga a multinacional na maior parte dos casos non foron destinados a mellor a infraestrutura de auga e saneamento, senón que se dedicaron a reducir a débeda, a facer rotondas ou a calquera outro proxecto"

"Eses cartos que paga a multinacional na maior parte dos casos non foron destinados a mellor a infraestrutura de auga e saneamento, senón que se dedicaron a reducir a débeda, a facer rotondas ou a calquera outro proxecto. Eses cartos que a empresa amortiza cos seus beneficios ao longo de 25 anos son gastados habitualmente nunha soa lexislatura. Polo tanto o servizo non só non mellorou, senón todo o contrario", explica. Ademais, engade Babiano, "as máis das veces os pregos de contratación elaborados polos concellos non favorecen esta mellora do servizo, senón que benefician a empresa concesionaria. Porque canto menos lle esixas ao concesionario, mellor prezo che vai ofrecer". "Todo isto desmonta un argumentario, un mantra que circulou sen unha correcta validación: que a iniciativa privada xestiona mellor que a pública. O debate non é entre público e privado. Hai que preguntarse por que se privatiza, e os contratos non están feitos para que se xestione ben, senón para asegurar que se gañe moito diñeiro", destaca.

"Hai que preguntarse por que se privatiza, e os contratos non están feitos para que se xestione ben, senón para asegurar que se gañe moito diñeiro"

Na actualidade, o 53% da xestión da auga en España está en mans privadas. E desa porcentaxe unha parte moi significativa -un 80%- concéntrase en dúas grandes multinacionais: FCC a través de Aqualia e Aguas de Barcelona-Suez a través de numerosas ramas, "pois dende que se coñeceu o escándalo Pokémon Aquagest dividiuse en moitos nomes diferentes", sinala Babiano.

A tendencia nos últimos anos en todo mundo é a remunicipalización. Así sucedeu en París e noutras 38 cidades francesas, en Berlín e outras zonas de Alemaña, en Atlanta e Indianápolis nos Estados Unidos ou en varios países de América Latina. Tamén está comezando en España e a tendencia pode acelerarse nesta lexislatura, trala chegada ao poder en moitas localidades de candidaturas que situaron a recuperación da xestión pública dos servizos básicos como unha prioridade. AEOPAS leva a cabo un labor de colaboración e asesoramento nestes procesos, e o vindeiro luns 21 tanto Luis Babiano (xerente) coma Jaime Morell (secretario xeral) estarán en Galicia para coñecer os proxectos de remunicipalización de Santiago, Teo ou Ferrol e o funcionamento da empresa municipal da Coruña, que pode servir de modelo.

Entre as cidades galegas tan só A Coruña conta cun servizo de augas xestionado por unha empresa pública

Entre as cidades galegas tan só A Coruña conta cun servizo de augas xestionado por unha empresa pública (Emalcsa, que se encarga tamén do subministro noutros sete concellos da área metropolitana). A xestión en Ferrol é responsabilidade de Urbaser (a través da empresa mixta Emafesa), en Lugo pertence a Saur International (a través de Gestagua), en Compostela está xestionada por Aguas de Barcelona (Viaqua), o mesmo que en Pontevedra e Ourense; finalmente, a xestión en Vigo corresponde a FCC (Aqualia). En Compostela a concesión está a piques de caducar, o que abrirá a vía da remunicipalización. En Pontevedra a concesión finaliza en 2017.  

 

Privatizacións que deixan as administracións e a cidadanía indefensas

"O concello queda co 51% das accións da empresa pero en realidade non controla nada, pois o xerente é designado pola empresa privada"

Luis Babiano explica que a forma en que se levaron a cabo os procesos de externalización derivou en consecuencias moi negativas. "O habitual é que se creen empresas mixtas, o que se denomina modelo francés, para disimular a privatización. O concello queda co 51% das accións da empresa pero en realidade non controla nada, pois o xerente é designado pola empresa privada", di. "Ademais, o 10% da facturación vai directamente para a parte privada, independentemente da rendibilidade. É dicir, xoga cunha marxe de seguridade moi alta", engade.

Ademais, sinala que "habitualmente o xerente nin sequera está obrigado a elevar ao consello de administración da empresa [onde está representado o concello] as contratacións iguais ou inferiores aos 600 mil euros. Polo tanto a empresa privada tende a auto-mercarse a maior parte dos servizos: software, obras, análises... Eliminan a competencia, converten este sector no negocio dun só provedor". "É un modelo completamente insostible e moi negativo para as economías locais e para as pequenas e medianas empresas. A privatización impide a creación dun tecido económico propio, porque a consecuencia práctica é a subrogación de toda a actividade aos intereses dunha multinacional", explica. "Ten ademais consecuencias medioambientais igualmente insostibles, pois a maior consumo, maior beneficio empresarial", engade.

"Que consecuencias ten a privatización?" -resume- "Suba de tarifas, desinvestimento, exclusión social, opacidade e ausencia de democratización na xestión, de control público"

"Que consecuencias ten a privatización?" -resume- "Suba de tarifas, desinvestimento, exclusión social, opacidade e ausencia de democratización na xestión, de control público". Babiano incide neste punto, o das dificultades para controlar e fiscalizar a xestión destas empresas: "Ao ser un ben público, xestionado a través dunha concesión, as administracións deberían velar pola calidade e o funcionamento deste servizo básico. Pero estas empresas conseguiron que os mecanismos de control fosen cada vez máis laxos". "Nos pregos mesmo se adoita recoller que a parte privada se encarga da representación ante outras administracións. Este é un dos factores que provocou a situación que se deu en Ferrol, pois hai unha negociación entre a empresa concesionaria e Augas de Galicia, é dicir, a Xunta, na que o alcalde da cidade non intervén", engade.

 

Os procesos de remunicipalización e o labor de AEOPAS

"A tendencia en todo o mundo é a remunicipalización" -destaca Babiano- "A remunicipalización supuxo en París nun só ano a redución nun 8% das tarifas, con beneficios de 35 millóns de euros que se reinvisten no servizo, o establecemento de sistemas de garantías de dereitos humanos na poboación coa eliminación de cortes de auga". "É o 2.0 da auga pública. Non abonda con que sexa pública, senón que debe ser eficaz e participada", di, salientando tamén a Iniciativa Cidadá Europea que se conseguiu aprobar no Europarlamento.

"Debido ás medidas austericidas, é moi difícil designar persoal propio das administracións para o control dos concesionarios, porque non podes contratar novo persoal"

"En España imos por detrás, e temos un problema" -denuncia- "Porque un lobby económico moi forte e os políticos do saqueo fixeron unha malla xurídica para dificultar a desprivatización dun dereito humano fundamental". "En primeiro lugar, debido ás medidas austericidas, é moi difícil designar persoal propio das administracións para o control dos concesionarios, porque non podes contratar novo persoal", explica. "E, segundo, para poder devolver ese canon concesional pagado polas empresas privadas, as administracións locais podería optar por crear sociedades públicas, de xeito que esa débeda se convertese en investimento, para pagala ao longo de 25 anos a través dos ingresos recollidos nos recibos. Porén, as leis estatais tamén impiden a creación de novas sociedades instrumentais", critica. "A lexislación non é outra cousa que a posta en marcha dun programa político, e se ti cres no público, esa malla pode eliminarse. Hai que facer marcos legais que favorezan os cidadáns", conclúe.

"A lexislación non é outra cousa que a posta en marcha dun programa político, e se ti cres no público, esa malla pode eliminarse. Hai que facer marcos legais que favorezan os cidadáns"

Aí entra tamén o labor que realiza AEOPAS: "Traballamos para o establecemento de mecanismos de colaboración público-público, entre distintas administracións, para reforzar as políticas públicas. Pedimos unha normativa que regule o canon concesional, para que se destine obrigatoriamente a investimentos en auga. Loitamos tamén polo recoñecemento do dereito humano á auga e pola aprobación dunha serie de medidas que aseguren un mínimo vital para aquelas persoas que non poidan pagar pola auga. E demandamos igualmente que a auga pase a cobrar un IVE reducido, como servizo básico que é".

"O ideal sería que o goberno autonómico puxese en marcha uns mecanismos que facilitasen a colaboración entre administracións. Iso non existe e a nosa asociación vén suplir a súa falta, facilitando a creación dunha rede de actores públicos, achegando a nosa experiencia e a solvencia de estar integrados na rede Aqua Pública Europea, na que están todas as empresas públicas do continente", explica.

 

Os procesos de remunicipalización en Galicia

"Se o concesionario é a causa, pódese demostrar que está incumprindo o contrato de concesión e pode ser sancionado. O control é o primeiro paso cara á remunicipalización"

Os procesos de remuncipalización varían en cada lugar, en función sobre todo de se a concesión caducou ou está a piques de caducar, o que facilita moito o labor, como en Compostela. Ou se, pola contra, a concesión está aínda vixente e con moitos anos por diante, como sucede en Ferrol. Nestes casos, sinala Babiano, "o primeiro que hai que facer é controlar e Ferrol está xa nese camiño, coa auditoría que anunciou e que debe analizar cal é o problema e cales son as súas causas". "Se o concesionario é a causa, pódese demostrar que está incumprindo o contrato de concesión e pode ser sancionado. O control é o primeiro paso cara á remunicipalización", conclúe. Así sucedeu recentemente en Torrelavega. "Cangas do Morrazo tamén iniciou contactos con nós, por unha situación semellante á de Ferrol, de rexeitamento da xestión privada, pero nunha situación na que o concello se ve atado de pés e mans, con pouca marxe para garantir que os seus cidadáns reciben un servizo de calidade", destaca Babiano.

"A recuperación do servizo é tamén a recuperación da democratización, dun modelo transparente, comprometido cos seus veciños e desligado dos intereses duns saqueadores, que se beneficiaron da privatización"

"A situación de Ferrol hai que investigala, e ese é o traballo que debe levar a cabo a auditoría. Que un alcalde vaia visitar unha depuradora e atope a situación que atopou, que o concesionario recoñeza que a depuradora non funciona pero que días despois se ía cobrar unha taxa para pagar ese servizo, que Augas de Galicia se reunise co concesionario sen que o alcalde recibira comunicación desta xuntanza, todo isto parécenos un asunto moi turbio", comenta sobre o sucedido na cidade departamental. "O caso de Ferrol é interesante, porque o seu alcalde está facendo o que debe facer unha institución pública: velar polos intereses da súa cidadanía", destaca.

"Debido ás privatizacións, a maior parte dos concellos perderon o saber facer, e neste tema non se pode improvisar. É importante que se visibilice que o modelo público é posible e solvente. E na Coruña hai un exemplo claro e próximo"

Outros procesos están máis avanzandos, coma o de Teo, xa en marcha, e o de Compostela, que tamén comezará en breve. "En Santiago, ademais, todo este proceso está moi relacionado co escándalo de corrupción ao redor de Aquagest" -salienta- "e a recuperación do servizo é tamén a recuperación da democratización, dun modelo transparente, comprometido cos seus veciños e desligado dos intereses duns saqueadores, que se beneficiaron da privatización dese servizo".

A visita que os responsables de AEOPAS realizarán a Galicia terá na Coruña e en Emalcsa unha das súas claves. "A empresa de augas da Coruña debe ser un dos espellos máis importantes no que se miren as restantes localidades que traballan por ter un modelo semellante", di Babiano. "Debido ás privatizacións, a maior parte dos concellos perderon o saber facer, e neste tema non se pode improvisar. É importante que se visibilice que o modelo público é posible e é solvente. E na Coruña hai un exemplo claro e próximo", sinala.

Luis Babiano, xerente de AEOPAS © blogdelagua.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.