"Pode pasar calquera cousa". É un dos comentarios máis repetidos ao consultar entre as forzas implicadas na política ourensá sobre o posible resultado da votación da que, contra o mediodía do vindeiro sábado, sairá o novo alcalde da cidade de Ourense. A negociación é efervescente e está necesaria, case mecanicamente ligada á da presidencia da Deputación, que non se elixe ata xullo. O escenario muda case minuto a minuto e case todos os focos ollan cara a un dos protagonistas, a Democracia Ourensana que lidera Gonzalo Pérez Jácome.
O partido local freou o pasado 26M o seu meteórico ascenso das anteriores convocatorias, perdeu un concelleiro, pasando de 8 a 7 e da segunda á terceira posición porque, malia ter o mesmo número de edís que o PP, segunda forza, acadou menos votos. Pero malia esa relativa erosión segue a ser chave. Máis aínda porque tamén o é na Deputación e porque o propio Jácome vén repetindo dende hai días que non desbota ningunha opción combinada con PP ou PSOE no consistorio e na institución provincial. Está disposto a "pactar co demo" se a cambio obtén "a gloria para Ourense", reitera.
Democracia Ourensana é chave no Concello e na Deputación e o seu líder sinala como condición "fundamental" para calquera posible acordo con PP ou PSdeG a súa elección como novo alcalde de Ourense
Alén de cuestións máis concretas, a condición que Jácome presenta como "fundamental" para contar cos seus 7 votos na cidade e os 2 da Deputación é unha ben clara: quere ser alcalde da terceira cidade máis poboada de Galicia para "sacala adiante" tras a "parálise" do goberno ata agora presidido por Jesús Vázquez, da que culpa ao ex-conselleiro pero tamén aos socialistas e mais a Ourense en Común, que desta volta non obtivo representación, por non propiciar unha moción de censura con el á fronte durante o mandato. Se PP ou PSdeG lle outorgan o bastón de mando, el actuaría con reciprocidade na Deputación, onde un goberno que non sexa do PP pasa necesariamente tamén, cando menos na investidura, por Ciudadanos e o BNG ao mesmo tempo.
Na constitución da nova corporación municipal as posibles combinacións de votos son múltiples. Se ningunha acada a maioría absoluta -14 escanos- o alcalde será automaticamente o cabeza de lista da forza máis votada, isto é, o socialista Rafael Rodríguez Villarino. No entanto, se accede ao poder sen acordos veríase abocado a un mandato en minoría practicamente tan complexo como o do popular Vázquez.
Si sumarían maioría absoluta, por exemplo, os votos de PSdeG, DO e BNG ou do PSdeG, DO e Ciudadanos. Tamén os dos socialistas cos de Jácome para dar a alcaldía a Villarino ou ao líder de DO. E tamén traspasa o limiar da maioría a suma dos votos de Democracia Ourensana e do PP. Polo momento, a única formación que definiu a súa postura foi o Bloque, que xa advertiu de que no seu regreso á corporación ficará na oposición e favorecerá as combinacións que propicien a fin do baltarismo.
O dilema do PP: sen Baltar ou coa alcaldía para a terceira forza
Non é posible comprender o eléctrico escenario ourensán, con contactos e negociacións a todos os niveis, sen que a análise inclúa a Deputación provincial, onde o PP vén de perder a maioría absoluta que a familia Baltar exerceu durante as últimas tres décadas. Nesta institución os populares teñen ante si dúas posibles alianzas para reter o poder e as dúas implican unha renuncia.
Na Deputación os populares teñen ante si dúas posibles alianzas para reter o poder e as dúas implican unha renuncia
A primeira é a de explorar o acordo con Ciudadanos. Pero, cando menos de momento, o partido de Albert Rivera só está disposto a que o seu único voto sirva para manter a Deputación nas mans dos populares se José Manuel Baltar non é o presidente. O barón ourensán xa se presentou a si mesmo como "innegociable" e alimentou así implicitamente a vía do acordo con DO, que esixe a alcaldía de Ourense.
Acceder á petición de Jácome implicaría que os populares desbotasen a súa tese de que debe gobernar a "lista máis votada" para darlle o goberno á terceira formación en número de votos na cidade. Esa esixencia é a que o propio Alberto Núñez Feijóo vén axitando dende o 26M e que a dirección do PPdeG mesmo esixiu por carta ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, para concellos e deputacións. Caballero xa respondeu cunha negativa.