A dirección do PPdeG aférrase á doutrina da "lista máis votada" para defender que Baltar reteña o poder

Tellado (dereita), con José Manuel Baltar e Rosendo Fernández, nunha imaxe de arquivo na sede do PP de Ourense © PP Ourense

A cidadanía non vota as deputacións provinciais. O xogo de maiorías nos plenos que se constituirán a mediados de xuño dependen do resultado das eleccións municipais nos partidos xudiciais de cada provincia. Eses resultados municipais deron lugar o pasado 26M a un reparto de poder que será palpable o vindeiro sábado, 15 de xuño, cando se constitúen os novos concellos. 

En vésperas desa cita, que no caso do PP fará visible o fracaso da operación para recuperar os principais centros do poder local galego, a cúpula do partido que dirixe Alberto Núñez Feijóo volve axitar a doutrina da lista máis votada para defender unha desas cadeiras de poder en risco. Unha das que a veciñanza non vota. A da familia Baltar na Deputación de Ourense. Porque José Manuel Baltar precisa de pactos para seguir gobernando tras perder a maioría absoluta.

O PPdeG apela á "lista máis votada" nas deputacións, onde en rigor non existe nin lista, nin votación cidadá

Dende que o reconto definitivo das municipais ratificou que o PP perdera no partido xudicial de Ourense os dous escanos provinciais dos que dependía a maioría absoluta -un foi para o PSdeG e outro, para Ciudadanos- as negociacións para tentar reter o poder dependeron da dirección provincial e non da galega. Non en van, a cúpula de Feijóo nin sequera escenificou, polo momento, unha avaliación conxunta dos resultados do 26M nesa provincia, como xa fixo noutras. Pero dende Ciudadanos, unha das dúas forzas polas que pasa unha eventual presidencia popular, apelan directamente á dirección de Feijóo: o PP poderá reter o poder en Ourense se marcha Baltar, retan. 

Pérez Jácome (esquerda) e o edil de DO Armando Ojea, nun pleno do Concello de Ourense © DO

Tellado cualifica de "antidemocrático" o veto a Baltar por parte de Ciudadanos, que se pregunta "quen manda no PP galego", se Feijóo ou o barón ourensán

Nestas dúas semanas a dirección do PPdeG optou polo perfil baixo na cuestión ourensá, pero esta fin de semana o seu secretario xeral, Miguel Tellado, aproveitou unha entrevista en RNE para reciclar a cuestión da "lista máis votada", onde en rigor non existe nin lista, nin votación cidadá. "O lóxico sería que puidese gobernar o que gaña e non que os que perden se alíen para impedir a vontade maioritaria dos cidadáns", dixo razoar Tellado, de cuxo punto de vista un veto a Baltar é "ilexítimo" e "antidemocrático", xa que o barón ourensán é a aposta do partido que ten "a maioría absoluta menos un", o PP, que ademais presenta como sinónimo de "rexeneración".

Neste escenario Ciudadanos retruca tamén aos populares. A deputada no Congreso por Pontevedra Beatriz Pino, membro do comité negociador de C's para os pactos locais, reitera que a oferta da formación de Albert Rivera ao PPdeG é clara: "seguirán á fronte [da Deputación] sempre que Baltar quede fóra". O actual escenario, a xuízo de Pino, debe comezar por despexar un interrogante: "Quen manda realmente neste PP galego, Feijóo ou Baltar?".

A clave de Democracia Ourensana

Mentres a dirección do PPdeG reitera o seu argumentario sobre Ourense -segundo o cal o PSdeG debera "deixar gobernar" a Baltar e, a cambio, os populares poderían facer o mesmo cos socialistas no Concello da cidade, onde foron primeira forza-, Baltar desenvolve unha estratexia de seu. Admite contactos con Ciudadanos pero tamén con Democracia Ourensana, con quen nunha entrevista co xornal La Región dixo ter unha "vía aberta" para o pacto. Porque ambas formacións, asegura, afrontan os pactos sen "insultos" nin "vetos".

Baltar alimenta a tese dun pacto a dúas bandas como Democracia Ourensana, partido que advirte de que ten abertas as vías para posibles pactos tanto co PP como co PSdeG

O pacto a dúas bandas con DO, precisamente, é un dos escenarios que paira sobre a política ourensá mesmo dende antes de que abrisen as urnas. Os ruxerruxes da provincia apuntan a un intercambio: unha suma de votos de ambos partidos mantería a Baltar na Deputación e a mesma suma, pero en sentido inverso, daría a alcaldía de Ourense a DO na persoa de Gonzalo Pérez Jácome, quen á súa vez asegura que durante esta semana seguirá falando tamén co PSdeG, primeira forza no Concello e eventual cabeza dunha maioría alternativa aos Baltar na Deputación. Democracia Ourensana reitera que todos os escenarios están abertos e non descarta, polo momento, ningunha das vías posibles.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.