Non é posible definir a José Manuel Baltar (Ourense, 1967) sen aludir ao seu pai, José Luis Baltar. O autodenominado "cacique bo" foi amo e señor de Ourense durante as máis de dúas décadas que presidiu a Deputación, institución que lle legou ao seu fillo en xaneiro de 2012, dous anos despois de cederlle o control do partido na provincia. O desastre xeral do PP galego nas eleccións do 24M, co peor resultado municipal en Galicia desde que existe o partido, provocou que o tradicional dominio popular en Ourense reforzase internamente o líder provincial, que agora se erixe en modelo de xestión "transparente" e "vangardista" mentres nos tribunais se mantén a sombra da dúbida sobre a xestión do seu pai e, colateralmente, sobre a súa.
Malia non chegar aos 50 anos de idade, Baltar Blanco acumula máis de dúas décadas de cargos públicos e partidarios. Un ano despois de terminar a carreira de Dereito, en 1992, xa exercía como asesor da Consellería de Agricultura da Xunta, na que nada máis entrar na trintena xa era delegado provincial en Ourense. Eran os anos nos que 'O neno', como é coñecido entre partidarios e detractores por ser fillo de quen é, celebraba as vitorias do Real Madrid chegando ás instalacións ourensás da Xunta lucindo a bufanda do equipo madridista e repartindo pasteis de merengue.
Mentres se definía como apaixonado da política Baltar Blanco deu o salto á escena autonómica como deputado na última lexislatura de Manuel Fraga. Entón o PP da boina, o que se revestiu dun pátina galeguista mentres garantía celeiros de votos como o ourensán, era o inspirador das romarías-mitin nas que altos cargos de Génova, caso de José María Aznar ou Mariano Rajoy, se sentían pouco menos que extraterrestres mentres Baltar pai tocaba o trombón e Baltar fillo, o bombo. A charanga tocaba grandes éxitos como "si no eres del PP, jódete, jódete, si no eres del PP te vuelves a joder", nada que ver cos gustos musicais de Baltar Blanco, devoto de The Beatles e posuidor duns calcetíns que foron utilizados por John Lennon.
O actual presidente da Deputación de Ourense acumula máis de dúas décadas de cargos públicos e partidarios
Nos estertores do fraguismo os Baltar foron protagonistas dun dos escasos desafíos á autoridade de Fraga. A finais do verán de 2004 o Goberno galego aínda dixería as consecuencias das crises do Prestige e das vacas tolas e a dirección estatal do partido tentaba recolocarse, con Rajoy á fronte, tras a abrupta saída da Moncloa. Neste contexto o baltarismo viu ameazado o seu dominio pola aterraxe de figuras fortemente ligadas á dirección madrileña como Alberto Núñez Feijóo, e decidiu forzar a máquina: cinco deputados do PP de Ourense, entre eles Baltar fillo, pecháronse nun piso de Santiago ameazando con deixar a Fraga sen maioría absoluta. Mentres, Baltar pai negociaba con Fraga coa ameaza de escisión sobre a mesa, o que implicaría volver ao escenario dos anos 80, cando AP tiña que negociar con Centristas de Galicia, partido de José Luis Baltar.
Baltar Blanco foi un dos cinco deputados que se pecharon nun piso en 2004, desafiando a autoridade de Fraga
Entre simulacros de romper a baralla e esmagadoras vitorias electorais, o trombón e o bombo dos Baltar seguiu o compás ata que en 2009 Feijóo chegou á Presidencia da Xunta. A finais dese ano Baltar pai anunciou que a súa retirada estaba próxima e que comezaría no congreso provincial de xaneiro de 2010. Baltar fillo, pola súa banda, confirmou a súa disposición a suceder ao patriarca e, mentres, o círculo máis próximo ao presidente da Xunta trazou unha estratexia para desbancar ao clan ourensán, alimentando unha candidatura alternativa que acabo sufrindo unha sonora derrota, a única en clave interna que até o momento sufriu Feijóo. En 2014, xa con 'O neno' á fronte do partido e a Deputación, un xulgado de Ourense condenaba o xubilado Baltar a nove anos de inhabilitación por enchufar na Deputación días antes do congreso que elixiu o seu fillo un cento de persoas que, casualmente, tiñan dereito a voto no conclave de partido.
Desde que ocupa as presidencias que antes foron do seu pai José Manuel Baltar fai gala da súa formación académica e habilidade política para controlar resortes caciquiis mentres apela á democratización das deputacións pola vía da elección directa, ou para fichar candidatos municipais noutros partidos dando, simultaneamente, conferencias sobre transparencia e boas prácticas. O líder do baltarismo 2.0 declárase tranquilo polas acusacións do exxerente do partido, Emilio Pascual, contra quen se querelou por afirmar en sede xudicial que o PP ourensán manexou diñeiro negro durante décadas e rexeita que na súa deputación se practicase o caciquismo de xeito xeralizado. Se cadra, matizou nunha entrevista con ABC, durante anos fallou a "política de comunicación".