Entrar no goberno e que non estea presidido por José Manuel Baltar. Son os marcos nos que, segundo aprobou por "unanimidade" o comité negociador de Ciudadanos, este partido estaría disposto a que o seu voto na Deputación de Ourense permita ao PP reter o goberno na institución na que, por primeira vez en tres décadas, os populares non teñen unha maioría absoluta encabezada polo apelido Baltar.
Tras un primeiro momento no que o seu responsable de organización en Galicia e previsible futuro deputado provincial en Ourense, Laureano Bermejo, afirmou que o panorama negociador non estaba "claro", tanto el mesmo como outros responsables da formación de Albert Rivera en Galicia interpelan directamente á dirección galega do PPdeG coa súa condición principal. Que caia Baltar para procurar a "rexeneración" na Deputación tras trinta anos dirixida pola mesma familia, ilustrou Bermejo en declaracións á Cadena SER.
"Quedou claro que o PP en Ourense é Manuel Baltar", afirma o propio Baltar, evidenciando ademais que as negociacións non pasan pola dirección do PPdeG
En caso de que isto non suceda, advirten, Ciudadanos estaría disposto a explorar outras posibilidades, dende presentaren unha candidatura de seu á presidencia ata apoiar outra formación, se ben unha maioría alternativa pasa tamén necesariamente polo BNG e a cúpula estatal do partido fixou tamén como liña vermella evitar calquera tipo de acordo con forzas soberanistas. A esa eventual confluencia dos votos de C's e do Bloque aférrase precisamente o propio Baltar, que se presenta a si mesmo como "innegociable" e tamén como sinónimo do PP na provincia, evidenciando que as negociacións non pasan pola dirección que encabeza Alberto Núñez Feijóo.
Os contactos con Ciudadanos en Ourense son cousa do PP de Ourense e xa lles "quedou claro que o PP en Ourense é Manuel Baltar, iso é unha cuestión innegociable", zanxou o propio Baltar en declaracións que recolle La Región. "Eu son o candidato a presidir a Deputación", agrega o barón provincial dos populares, quen reitera que é o único que ten un "programa" para reter o bastón de mando que herdou do seu pai en 2012 e que volveu elevar tras as eleccións municipais de 2015.
Baltar advirte de que "todo pode cambiar en cuestión de minutos" mentres seguen pairando na provincia outras posibles combinacións que permitan á saga reter o poder
A dirección do PP en Ourense, agrega, non entende "a política" baseada en "vetos de carácter persoal". Non obstante, afirma non dar por descarriladas as conversas. "Quedan moitos días" e "todo pode cambiar en cuestión de minutos", asegura mentres seguen pairando na provincia outras posibles combinacións, como o eventual pacto entre o PP e Democracia Ourensana a dúas bandas, no Concello e na Deputación, ao que aludiu o socialista Rafael Rodríguez Villarino. Con Villarino, precisamente, reuníase o xoves tamén no nome de Ciudadanos o propio Bermejo, quen advertiu de que no caso dun eventual acordo cos socialistas, a súa esixencia sería tamén entrar no goberno.
Mentres isto sucede en Ourense, a dirección galega do PPdeG garda silencio. O único pronunciamento ao respecto foi o de Alberto Núñez Feijóo que, tras o Consello da Xunta do pasado xoves, sinalou como o pacto máis "normal" un intercambio entre PP e PSOE, segundo o cal os socialistas permitisen a Baltar continuar dirixindo a Deputación e, a cambio, o PPdeG favorecese a investidura de Villarino no Concello por ser alí o PSdeG a forza máis votada. Mentres, como pano de fondo, unha convocatoria espallada a través das redes sociais anima a participar nunha concentración ante a sede da Deputación, no serán deste venres, baixo o lema Botemos aos Baltar.