Silva, reelixida na Deputación de Pontevedra coa igualdade e o traspaso de competencias á Xunta como prioridades

Carmela Silva ergue o bastón de mando tras ser reelixida presidenta da Deputación de Pontevedra © Deputación de Pontevedra

No ano 2015 o PP galego perdeu un dos seus maiores feudos, a Deputación de Pontevedra que comandaba Rafael Louzán. Os devalo municipal dos populares, moi especialmente nas cidades de Pontevedra e Vigo, deixáraos a dous escanos da maioría absoluta e propiciara a chegada ao goberno da socialista Carmela Silva en coalición co BNG. Catro anos despois os conservadores ficaron tras o 26M un escano máis lonxe da maioría e perderon a condición de primeira forza, que ostenta o PSdeG con 13 dos 27 asentos, un por baixo da absoluta.

Eses 13 votos do PSdeG e mais os tres do BNG investiron este mércores por segunda vez á socialista Carmela Silva como presidenta da institución, mentres que os populares non presentaron candidatura ao non existir combinación posible para ergueren o bastón de mando que noutrora fora de Louzán. Estas cifras, sinalou Silva minutos antes da votación, evidencian que nesta ocasión non cumpría facer "balance", porque "xa o fixemos e foi ratificado", toda vez que "os partidos de progreso temos máis forza que no 2015".

"O balance xa o fixemos e foi ratificado, os partidos de progreso temos máis forza que no 2015", resalta Carmela Silva

"Os datos falan, os feitos falan; alá quen non sexa capaz de analizar a realidade e pretenda negar o que aconteceu o 26 de maio", sinalou a reelixida presidenta, que catro anos despois de anunciar un "cambio radical" na institución a respecto dos mandatos do PP, ve "marcadas" unhas "claras liñas de acción, con moito esforzo" nas que agora, afirma, afondarán. "Unha desas liñas, sen dúbida é a igualdade" de xénero. "Non permitiremos un paso atrás na loita polos nosos dereitos e terannos enfronte aqueles que pretendan frear" o "imparable movemento" que é o feminismo, advertiu.

Carmela Silva, César Mosquera e outros membros do equipo de goberno da Deputación de Pontevedra, no acto de toma de posesión © Deputación de Pontevedra

"A Deputación non pode estar mantendo nin financiando servizos e centros nos que a súa competencia non é propia nin delegada"

"O apoio á diversidade", a loita contra o cambio climático e, ligada con ela, unha "axenda sustentable que tamén marque o noso modelo de mobilidade" son outras das prioridades. Todo isto nun mandato que, advirte Silva, ten que ser tamén o da definitiva devolución das competencias da Xunta que segue a asumir a Deputación pontevedresa. 

A institución provincial, sinala, debe "destinar os recursos" ás áreas que lle corresponden e "non pode estar mantendo nin financiando servizos e centros nos que a súa competencia non é propia nin delegada", caso das escolas de Enfermaría e Cantaría, "das Fincas Areeiro e Mouriscade ou a Cidade Infantil Príncipe Felipe". "Deberían ser xestionadas pola Administración competente, a Xunta".

César Mosquera, do BNG, volve ser o vicepresidente da Deputación pontevedresa

Comeza así un mandato no que, como nos catro últimos, a Deputación de Pontevedra terá goberno de coalición, aínda que con maior peso do PSdeG por mor da súa maior representación. En virtude do pacto de goberno, xa asinado na xornada previa, o goberno de Silva volverá ter o nacionalista César Mosquera como Vicepresidente.

Da banda do PSdeG estarán ás áreas de Cooperación cos Concellos, Cultura, Dotacións Educativas e Investigación, Cohesión Social e Xuventude, Igualdade, Deportes, Infraestruturas, Turismo, Emprego, Economía, Asistencia Intermuncipal e Transición Ecolóxica. O Bloque, pola súa banda, xestionará o Museo de Pontevedra, Patrimonio Documental e Bibliográfico, Patrimonio Material, Normalización e Servizos Lingüísticos, Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos, Residuos e Cooperación Transfronteiriza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.