Rebaixas de penas por abuso e agresión reabren o debate gobernamental e xurídico sobre a lei de liberdade sexual

Referencia ao 'só si é si' nunha campaña do Concello de Santiago contra a violencia machista © Sara Torreiro

A entrada en vigor da lei de liberdade sexual, a coñecida popularmente como "lei do só si é si" está a provocar importantes preocupacións no seo do Goberno de España. A polémica saltou o pasado martes, despois de que diversos tribunais desen a coñecer algunhas rebaixas de condenas a agresores sexuais baseadas na nova lei que reforma o Código Penal. No Executivo, división de opinións. Igualdade cre que a redución das condenas está vinculada a unha mala interpretación da norma e á falta de perspectiva de xénero entre os operadores xurídicos. Os seus socios, con todo, móstranse máis cautos e inclínanse por unha revisión das sentenzas e até da propia lei. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu a normativa este mércores desde Bali -onde se atopa na cimeira do G20-, onde tamén apelou á sensibilidade dos tribunais. "Imos esperar a ver que é o que din os tribunais e a fiscalía, que unifiquen criterios e, a partir de aí, veremos que pasos dar", explicou.

Varios tribunais, entre eles o TSXG, revisan condenas contra delincuentes sexuais e os castigados coas penas no seu grao mínimo benefícianse da nova lexislación

Que é exactamente o que ocorreu? O primeiro titular deuno este martes o diario El Mundo: "Primeiras rebaixas de condena pola lei do 'só si é si': un excarcerado ao reducirse catro anos a pena por abusos a menores". Trátase dunha decisión da Audiencia Provincial de Madrid favorable a un home condenado por abusos sexuais contra os seus alumnos. Os xuíces consideran que o delito de abusos "foi destipificado coa reforma efectuada, de forma que o consentimento prestado por persoas maiores de dezaseis anos non é constitutivo de delito agás que devandito consentimento se preste empregando violencia, intimidación ou abuso dunha situación de superioridade ou de vulnerabilidade da vítima, que non é o caso". A mesma Audiencia de Madrid tamén decidiu reducir os anos de cárcere a un violador que fora condenado á pena mínima por agresión sexual.

A ministra de Igualdade, Irene Montero, flanqueada pola secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, e a delegada do Goberno de España contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, durante unha Conferencia Sectorial o pasado verán © Ministerio de Igualdade

Avanzada a tarde do martes, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) difundiu un caso similar. "En aplicación da reforma introducida pola Lei 10/2022" e de acordo co criterio da Fiscalía, o órgano xudicial rebaixou en dous anos a pena de prisión a un home que violou unha muller á que coñeceu por redes sociais. "Sendo máis favorable ao reo, debe aplicarse de oficio a nova lei, que establece en catro anos a pena cando o delito de agresión sexual foi fixado no grao mínimo", expón a Sala do Civil. O mércores, o propio TSXG difundía unha revisión na que a Audiencia de Ourense "rebaixa nun ano unha condena por un intento de agresión sexual, en aplicación da nova lei", o que implica a posta en liberdade do condenado, que ía estar en prisión ata o vindeiro febreiro.

Igualdade atribúe as decisións a unha feble formación de xuíces e fiscais. Os seus socios de Goberno apostan por "estudar as sentenzas e o texto legal"

Son precisamente eses, os casos nos que se alude explicitamente a unha pena mínima, os susceptibles de ser modificados. A coñecida como lei do só si é si fusiona os delitos de abuso e agresión sexual, polo que o intervalo de penas é necesariamente máis amplo, xa que engloba supostos máis leves e tipos delituosos máis graves. Calquera acto sexual sen consentimento é considerado unha agresión segundo a nova norma, o delito de abuso desaparece e establécese un sistema de penas progresivo. Un agresor que fose condenado á pena mínima polo Código Penal previo á reforma poderá beneficiarse agora dunha rebaixa, dado que a pena mínima "na súa literalidade e sen ter en conta circunstancias agravantes" é inferior tras a entrada en vigor da nova lei.

A aplicación retroactiva dunha nova lei penal e polo tanto a revisión dunha sentenza, segundo establece o propio Código Penal, está xustificada sempre que leve unha resolución favorable ao preso. No entanto, engade a lei orgánica, existe un matiz clave: nas penas privativas de liberdade, non será necesaria revisión ningunha cando a pena xa imposta poida ser replicada pola nova lexislación. Isto, confirman fontes de Igualdade, está recollido na disposición transitoria quinta, engadida coa reforma do CP de 2015 "e que se pode interpretar que, ao non levar un prazo concreto na súa literalidade, efectivamente sigue vixente". Esta disposición, completan as mismas fontes, "levou a xerar unha liña xurisprudencial" relativa aos tramos das penas que afectaría á aplicación da nova lei. Así o entende, por exemplo, o Tribunal Superior de Xustiza de La Rioja, que non modificou ningunha das sentenzas revisadas, baseándose no ditado pola disposición.

"Cunha debida formación, isto non tería que pasar"

Un dos casos máis paradigmáticos, e o único que valorou publicamente o Ministerio de Igualdade, coñeceuse este martes e ten que ver coa redución da pena a un home que violou a filla da súa parella, unha nena de trece anos. Neste suposto, a pena pasou de oito a seis anos, tamén seguindo o criterio da pena mínima. Con todo, a nova lei permitía manter o oito anos de condena e mesmo elevalos. Así o sinalou a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell: para a rebaixa, o xuíz "obvia o abuso de superioridade do padrasto".

Na primeira condena ao agresor, o tribunal xa esquivou a existencia dunha "relación de superioridade ou parentesco", un criterio que se mantivo na revisión posterior. Neste caso, por tanto, as eivas á hora de cualificar o delito son previas á lei do só si é si e teñen que ver coa formación dos xuíces: "Só non apreciando abuso de superioridade é factible rebaixar esa pena. Cunha debida formación, isto non tería que pasar", abondou Rosell, quen en rolda de prensa prognosticou que as rebaixas "van ser poucas e moi voluntaristas".

O certo é que, segundo o artigo 181.1 da lei do só si é si, "o que realizase actos de carácter sexual cun menor de dezaseis anos, será castigado coa pena de prisión de dous a seis anos". Con todo, engade o precepto seguinte: "Se concorre algunha das modalidades de agresión sexual descritas no artigo 178, imporase unha pena de prisión de cinco a dez anos". Que modalidades son esas? "Os actos de contido sexual que se realicen empregando violencia, intimidación ou abuso dunha situación de superioridade ou de vulnerabilidade da vítima". Este, razoa o Ministerio de Igualdade, sería o caso do padrasto e a menor de trece anos. Ademais, sempre que exista penetración, os delitos do citado artigo 181.2 serán castigados con penas de dez a quince anos de prisión.

Ademais, o mesmo artigo engade que nestes casos poderá imporse a pena de prisión inferior agás cando concorran determinadas circunstancias -recollidas no 181.4-, entre as que se atopan a "especial vulnerabilidade da vítima por razón da súa idade" ou unha "situación de convivencia" e "unha relación de superioridade ou parentesco". Aspectos que non parece que fosen tidos en conta durante a revisión.

Non foi tan rotunda na defensa a ministra de Facenda e tamén vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero. Nos corredores do Senado, a socialista mostrouse partidaria de "estudar as sentenzas con detemento e estudar o texto legal, porque evidentemente non era o obxectivo da lei que se puidesen rebaixar as penas".

División entre as expertas

E que din as expertas? A avogada especializada Altamira Gonzalo lembra que algunhas voces autorizadas xa advertiron deste escenario. "Cando estudamos a lei, xa fixemos alegacións dicindo que supuña unha rebaixa das penas", puntualiza. Gonzalo recoñece que desde unha perspectiva feminista, non é desexable "un incremento das penas", porque a loita contra a violencia sexual debe darse desde outras frontes como a prevención, pero "tampouco é positiva unha rebaixa", especialmente tendo en conta que "os delitos sexuais son os menos denunciados en todo o mundo". A impunidade "é moi grande e isto ao final é un premio para os violadores", critica.

A xuíza Paz Filgueira apunta a que "a nova estrutura dos tipos penais pode dar lugar a variar lixeiramente a pena resultante", chama a abordar a lei no seu conxunto e subliña a importancia de "interpretar elementos como o consentimento de maneira estrita"

Difire na análise Paz Filgueira, voceira de Xuízas e Xuíces para a Democracia. "A aplicación da nova estrutura dos tipos penais pode dar lugar a que se varíe lixeiramente a pena resultante", expón. Pero esta circunstancia non debe desvirtuar o valor da lei no seu conxunto, considera. Tamén Filgueira cre que o principal obstáculo vén da formación do aparello xudicial: a lei debuxa unha "marxe de interpretación máis ampla" que se instala no corazón mesmo da norma, ao introducir o consentimento como eixo central. "Introduce máis conceptos xenéricos, polo que é importante interpretar elementos como o consentimento dunha maneira estrita. Pero iso forma parte da formación do sistema", agrega. En calquera caso, a xuíza é partidaria de valorar a lei desde unha perspectiva integral: "O que pode traer consigo a medio e longo prazo é unha mellor interpretación do que é unha infracción penal", completa e insiste en que a valoración debe partir "non só de elementos cuantitativos, senón cualitativos".

Mentres, as voces contrarias á nova lexislación afloraron tamén desde o taboleiro político. A vicesecretaria de Políticas Sociais do Partido Popular, Carmen Navarro, lamentou que coa nova lei "gaña o populismo que conseguiu chamar agresión ao que antes era abuso e gaña o delincuente ao que moi pouco lle importa como se chame o delito se se lle rebaixa a pena", mentres "perden as mulleres". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.