A sexualidade nas mulleres novas: sexo por compromiso, comentarios sexistas e preocupación polas violencias

Tres mulleres novas paseando pola praia CC-BY-SA Ulrike Mai/Pixabay

Un informe sobre a sexualidade nas mulleres de 18 a 25 elaborado polo Instituto de las Mujeres a nivel estatal confirma a presenza das violencias sexuais no día a día das rapazas, que manteñen patróns que demostran a desigualdade entre homes e mulleres

″Se dentro do acoso entra o típico pesado ao que lle dixeches mil veces que non e el segue e segue, pois entón si″. Así fala unha das 1.516 mulleres de 18 a 25 anos residentes no Estado español que foron entrevistadas para elaborar o informe Sexualidad de las mujeres jóvenes en el contexto español. Percepciones subjetivas e impacto de la formación, que vén de presentar o Instituto de las Mujeres, organismo dependente do Ministerio de Igualdade. Un estudo que manifesta unha demanda de educación afectivo sexual por parte destas mulleres, que ven as violencias sexuais como un problema social de máxima relevancia e recoñecen ter normalizado os comentarios sexistas.

Máis da metade das entrevistadas (57,7%) afirma que mantivo relacións sexuais sen apetito ou por compromiso. Un dato que no informe consideran ″coherente con outras investigacións previas″. Así, indican que no Diagnóstico de las mujeres jóvenes en la España de hoy o Instituto de las Mujeres xa sinalaba como preto da metade (46,8%) de quen tiña entre 18 e 34 anos manifestaba atravesar esta situación. ″Unha conduta probablemente asociada ás ideas de dispoñibilidade e satisfacción dos desexos sexuais da parella –por encima mesmo dos propios– vinculadas a roles e patróns de inequidade de xénero″, afirman.

A directora do Instituto de las Mujeres, Antonia Morillas, na presentación do informe CC-BY-SA Instituto de las Mujeres

Máis da metade das entrevistadas afirma que mantivo relacións sexuais por compromiso

Á sexóloga Penélope Alonso non lle resulta alarmante esta porcentaxe, incluso considera que realmente pode ser aínda máis elevada. ″Aí pasan moitas cousas, todo o social que temos dalgunha forma ′acumulado′ sobre como teñen que ser as relacións sexuais, para que serven e que é o que buscamos con elas; e todo o referido a cubrir as expectativas da outra persoa sobre min. Por outra banda, en determinadas idades está moi presente a presión de grupo e de querer estar dentro da norma, diso que se supón que se ten que facer″, sinala.

Obsérvase como concepcións do pasado, como a de cumprir cos desexos do outro por enriba dos propios nas relacións eróticas, segue vixente entre as rapazas 

Alonso explica como na actualidade as mulleres novas aínda poden percibir que deben cumprir coas necesidades de pracer e desexo do outro no que atinxe ás relacións eróticas. ″Cando en realidade unha persoa ten que chegar ás relacións eróticas se o desexa, se lle apetece e se quere compartir con outra persoa; pero non pensando en que a outra persoa ten unha necesidade que cubrir″, incide. Trátase dunha aprendizaxe que vén de moi atrás e permanece enraizada na sociedade, que provoca que se tomen decisións que non son libres porque pola outra parte existe unha manipulación. Isto adoita producirse no caso de rapazas que se relacionan con rapaces, pero a sexóloga apunta que tamén se dan casos nas relacións homoeróticas.

Achegarse ás novas xeracións para recoller as súas experiencias é un obxectivo que desde o Ministerio dirixido por Irene Montero se está a desenvolver primeiro coa Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019 e máis recentemente co estudo 'Mujeres jóvenes y acoso en redes sociales'. Obsérvase un cambio na maneira de entender a sexualidade que provoca unha maior disposición a comentala, máis apertura leva a un maior autocoñecemento. ″Con todo, este escenario de apertura e transformación non deixa de estar ancorado a un pasado que arrastra, en canto aos comportamentos, á inercia de vellas lóxicas. Así, as cifras demostran que a penetración é a práctica máis habitual entre as mulleres novas, por enriba da autoestimulación (74,6% - 66,5%)″, destacan nas conclusións.

Extracto do informe 'La sexualidad de las mujeres jóvenes en el contexto español. Percepciones subjetivas e impacto de la formación’ © Instituto de las mujeres

A maioría das mulleres novas ten moi presentes as violencias sexuais, que considera un problema social da máis elevada importancia. Sitúan a súa relevancia nunha clasificación media de 8,6 dentro dunha escala de 0 a 10, de feito, o 56,7% delas responde coa máxima preocupación (valor 10). Despois de analizar as entrevistas, no informe apúntase que un maior coñecemento do feminismo e mais a introdución da perspectiva de xénero incrementan a toma de conciencia destas rapazas.

Pero é que ata un un 67,4% delas recibiu comentarios sexuais ou sexistas nada apropiados en espazos públicos ou no seu lugar de traballo, e un terzo (o 36,2%) manifesta ter padecido tocamentos sexuais non desexados e realizados ao descoido no transporte público, locais, aglomeracións, etc. Ademais, un 46% das mulleres de 18 a 25 anos conta que foi destinataria de imaxes ou comentarios de índole sexual sen o seu consentimento a través das redes sociais. Un dato que se corresponde co estudo específico sobre esta cuestión recentemente publicado por este organismo.

″E claro que me sentín encerrada e claro que me sentín acosada, e claro que me estaba sentindo como que estaba a facer cousas ou que estaba a tentar algo comigo que non ía chegar", di unha das entrevistadas no informe

Comezabamos esta reportaxe con esta frase: ″Se dentro do acoso entra o típico pesado ao que lle dixeches mil veces que non e el segue e segue, pois entón si″. Que continúa así: ″Eu por sorte, e fíxate que digo ′por sorte′, que non debería nin utilizar esa palabra, pero como xa estamos tan afeitas por desgraza a ver a violencia dunha maneira moito máis extrema, moito máis física, máis tal e máis cal. Entón eu, por sorte, non cheguei a iso, pero si tiven situacións incómodas nunha discoteca, por exemplo″. Esta é unha resposta a unha pregunta sobre se sufriron acoso, do que non saben a definición ou lle restan importancia, comparando o que lles puido suceder con casos de violencia extrema, ″respecto aos que están tristemente familiarizadas″, como se salienta no estudo.

″E claro que me sentín encerrada e claro que me sentín acosada, e claro que me estaba sentindo como que estaba a facer cousas ou que estaba a tentar algo comigo que non ía chegar. E nese sentido claro, e logo xa pois o acoso na rúa, etcétera, ao final é como encarnar nós ese desexo sexual continuo, é vernos como obxecto de desexo todo o tempo″, di outra das entrevistadas. Unha e outra vez, nas entrevistas aparecen exemplos de momentos nos que foron coartadas das súas liberdades só polo feito de seren mulleres.

"Calquera situación que nos sucede na que sentimos inseguridade ou vulnerabilidade debido a unha situación agresiva ten unha repercusión no futuro", sinala a sexóloga Penélope Alonso

Estas situacións non son inocuas, Penélope Alonso fai fincapé en que modifican condutas consciente e inconscientemente ao longo do tempo. ″Se tiveches un episodio deste tipo a sensación de inseguridade queda aí. Calquera situación que nos sucede na que sentimos inseguridade ou vulnerabilidade debido a unha situación agresiva ten unha repercusión no futuro. Ninguén pasa por isto sen que o pouso quede aí. Ao mellor, co tempo podes racionalizar o que pasou, pero cada persoa reacciona de maneira distinta e moitas persoas paralízanse, o que tamén pode traer consigo un sentimento de culpa posterior por non ter reaccionado″, debulla a sexóloga.

Comportamentos como o deste comezo do curso universitario nun colexio maior de Madrid, do que se soubo a partir dun vídeo e que quedou demostrado que non é un caso illado, son un exemplo máis que se pode sumar ás experiencias recollidas neste estudo. Os insultos, a incitación á violación e o posible delito de odio que vai estudar a Fiscalía son o resultado á contra do incremento dos discursos que fomentan a diversidade e a liberdade sexual. Así o valora Penélope Alonso, quen considera que estes homes ven neste discurso unha ″perda de privilexios″ derivada do cambio no statu quo.

Preto da metade das entrevistadas declara consumir pornografía na internet (46%). O porno en liña convértese nun espazo de socialización e ″escola sexual″

Por outra banda, con este informe reafírmase a preocupación polo acceso á pornografía, situado aquí nos 15,5 anos de idade para as mulleres de 18 a 25, aínda que nas entrevistas non faltou quen sinalase idades máis temperás. Preto da metade das entrevistadas declara consumir pornografía na internet (46%). Neste sentido, aseguran no estudo, o porno en liña convértese nun espazo de socialización e ″escola sexual″ que, particularmente durante a adolescencia e primeira mocidade, supón un risco para a configuración de nocións e expectativas sobre a sexualidade.

Un terzo (34,8%) das rapazas asegura que non recibiu ningún tipo de educación sexual nos centros de ensino. No informe resaltan que as que si a recibiron, reclaman máis información. A metade sinala que lle tería gustado saber máis acerca das relacións sentimentais e da súa xestión emocional. Pois a educación sexual vai moito máis alá das relacións sexuais, abrangue os valores, os afectos, as boas relacións e o bo trato. Á parte, as dúbidas sobre isto se resolven entre as amizades (32,5%) e a rede (24,9%).

″Seguramente moitas das respostas estean polarizadas e só pensen nun dos eixos da educación sexual, pero si que é certo que internet é o recurso de consulta porque na adolescencia canto menos se consulte coa familia directa, mellor, é a etapa da desvinculación″, di Penélope Alonso, que lembra que o espírito crítico ″ten que estar de base″ porque a rapazada ten que chegar á adolescencia coa capacidade de analizar o que é información (e o que non é) na rede. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.