Nace S.E.X., unha webserie adolescente para asesorar en materia de sexualidade

Edu, Sara e Xela, protagonistas da webserie S.E.X. © Illa Bufarda

"Se os rapaces non teñen unha educación sexual, van aprendelo a través do porno", dicía hai uns meses Estefanía Fernández Otero, coordinadora dun proxecto de educación sexual da Deputación de Lugo. Este martes presentouse na Deputación da Coruña a webserie S.E.X., un proxecto da produtora Illa Bufarda en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia. S.E.X. busca ser unha ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade destinada para adolescentes. O proxecto foi premiado na segunda edición do Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña. 

S.E.X. busca ser unha ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade destinada para adolescentes

A webserie está protagonizada por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire, que nos vídeos adoptan o nome de Sara, Edu e Xela, conformando así o S.E.X. do título. Entre os obxectivos deste proxecto de educación sexual atópanse a necesidade de introducir a perspectiva feminista na educación sexual dos e das adolescentes como modo de promover a igualdade de xénero, a difusión de elementos básicos de saúde e prevención ante condutas de risco ou a promoción do respecto cara á diferenza.

O obxectivo é introducir a perspectiva feminista na educación sexual, así como a prevención ante condutas de risco ou a promoción do respecto cara á diferenza

A primeira tempada está composta por seis capítulos que abordan de forma monográfica diferentes aspectos da esfera da sexualidade. Cada unha das entregas tratará dende a atracción sexual e a diversidade (heterosexual, homosexual, bisexual, pansexual, asexual, etc.) ata os cambios corporais que se producen, pasando polas falsas crenzas ou os estereotipos de xénero. Haberá un novo capítulo cada mes.

A serie, que publicou hai uns días o seu primeiro capítulo, contará tamén cunha consultoría na que se interaccionará co público tanto con conversas en aberto, como dando a posibilidade de que as mesmas se realicen a través do correo (sexwebserie@aseiagalicia.gal). A consultoría estará desenvolvida por profesionais da Psicoloxía, Educación e Saúde especializados/as en Educación Sexual. Tamén se utilizarán como canles de difusión e contacto coa poboación adolescente o Instagram (@s.e.x._webserie). 

A serie contará tamén cunha consultoría na que se interaccionará co público

Ademais da webserie, o proxecto S.E.X. inclúe a difusión por diferentes institutos da provincia da Coruña con encontros co alumnado que contarán coa participación de profesionais da educación sexual de ASEIA, así como con membros do elenco de S.E.X. 

Presentación da webserie, este martes na Coruña © Illa Bufarda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.