A investigadora da UVigo Rosana Martínez reclama a inclusión dunha materia de Educación Sexual en todos os niveis educativos
"As violencias sexuais son unha realidade constante e continua ao longo da vida das mulleres e dos e das adolescentes que impacta de maneira transversal e lonxitudinal na súa existencia". É a conclusión á que chega a investigadora do Grupo de Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo Rosana Martínez na súa tese de doutoramento, na que reclama a inclusión dunha materia de Educación Sexual, "rigorosa e sistemática en todos os niveis educativos".
A tese O continuo das (ciber)violencias sexuais nas mulleres: a educación sexual como prevención, que foi presentada na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense da UVigo baixo a dirección de Yolanda Rodríguez e Maria Victoria Carrera, está deseñada para entender a perspetiva das (ciber)violencias como unha realidade permanente ao longo da vida de adolescentes e mulleres adultas e, tamén, para poder previr as múltiples violencias sexuais ás que se enfrentan.
"A violencia sexual convértese na violencia máis xeneralizada e menos recoñecida do mundo", afirma Rosana Martínez
Rosana Martínez aposta por unha formación en Educación Sexual que "permita ás persoas vivenciarse, expresarse e manifestarse como suxeitos sexuados con biografías propias", fomente actitudes tolerantes e propoña "unha ética básica das relacións interpersoais igualitarias erradicando todo tipo de violencias de xénero e sexuais".
Martínez detalla que xa na infancia e na adolescencia comezan as primeiras experiencias con estas violencias, que se materializan a través do abuso sexual infantil ou do acoso sexual entre iguais, pero que "as violencias sexuais seguen o seu transcurso na etapa adulta dunha muller, transformándose en condutas de acoso sexual, acoso por razón de sexo e agresión sexual".
Por este motivo, a educadora social afirma que "a violencia sexual convértese na violencia máis xeneralizada e menos recoñecida do mundo". Na súa investigación marcouse como obxectivo analizar as situacións de violencias sexuais que sofren adolescentes e mulleres ao longo da vida, tanto na esfera on-line como off-line.
"A revolución tecnolóxica ten creado un novo espazo no que as e os adolescentes perpetúan situacións de violencia entre os seus iguais e nas relacións de parella (como o cibercontrol, o sexting e a sextorsión, entre outros)", argumenta Martínez, que considera que os resultados do traballo "visibilizan como as violencias sexuais tanto no plano on-line como off-line convertéronse nun feito xeneralizado, normalizado e continuo na vida de adolescentes e mulleres".
"É fundamental implementar programas de educación sexual no sistema educativo, baseados nunha perspectiva integral que permitan aos e ás adolescentes desenvolver coñecementos, actitudes e destrezas para mellorar a súa saúde sexual, así como o desenvolvemento do pensamento crítico que lles capacite para defender os seus propios dereitos desde a igualdade, o respecto e a tolerancia cero cara a violencia sexual e de xénero", defende, para engadir que nesa formación é fundamental que estea presente a prevención a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
"O perfil do acosador na súa gran maioría é de homes descoñecidos para a vítima e con menos frecuencia homes coñecidos", sinala a campaña #PrimAcoso
A violencia sexual, en liña e cara a cara
No artigo Ciberacoso en parellas, sexismo, pornografía e sexting en adolescentes: novos desafíos para a educación sexual, que forma parte dun proxecto de violencia dixital nas relacións afectivo-sexuais de adolescentes financiado pola Deputación de Ourense en colaboración coa UVigo, analízase o comportamento de 993 estudantes españois de Educación Secundaria. "Os principais resultados evidencian que os rapaces levan a cabo máis comportamentos de sexting e consumen máis contido pornográfico on-line que as rapazas", sinala Rosana Martínez.
A tese tamén recolle o estudo A análisie da campaña #PrimAcoso: un continuo de violencias sexuais, que forma parte do proxecto O Meu Primeiro Acoso Sexual, financiado polo Concello de Pontevedra, no que se analiza a primeira experiencia de violencia sexual que teñen sufrido as mulleres ao largo da súa vida a través dos chíos de denuncia co cancelo #PrimAcoso. As conclusións, segundo a investigadora, permiten "evidenciar que o perfil do acosador na súa gran maioría é de homes descoñecidos para a vítima e con menos frecuencia homes coñecidos, pertencentes ao ámbito laboral, académico e/ou de amizades".
Pois os resultados deste estudo en concreto mostran que dos 688 chíos analizados, o 75% aluden a casos de múltiples violencias sexuais contra menores de 18 anos (65% foron situacións de abuso sexual a menores e o 11% acoso sexual entre iguais), e o 24% a múltiples violencias contra as mulleres adultas (21,3% acoso sexual, 1,6% acoso por razón de sexo e 1,1% agresión sexual).
Na parte da tese na que analiza o acoso sexual no eido universitario, Rosana Martínez observa que o alumnado "ten poucos coñecemento sobre o acoso sexual e, ademais, non recibe formación que lle achegue as ferramentas que lle permitan identificalo e combatelo". O seu traballo de doutoramento conclúe cos resultados do estudo A educación sexual no centro de atención: que está funcionando?, que "evidencian que a maioría dos programas de educación sexual para as e os adolescentes céntranse principalmente en reducir as conductas de risco (por exemplo, VIH/ITS e embarazos non desexados), mentres que se obvian temas como o desexo e o pracer".