"Precisamos un modelo de atención ás vítimas de violencia de xénero estable aínda que muden os Gobernos"

Ángela Rodríguez, Secretaria de Estado de Igualdad © Ministerio de Igualdad

A Secretaria de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero ve indicios de máis violencia machista revelada no aumento das denuncias en Galicia e apunta aos servizos públicos de conciliación como un dos pasos fundamentais no que resta de lexislatura

A Secretaria de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero, Ángela Rodríguez, visitou recentemente unha casa de acollemento de urxencia para mulleres vítimas das violencias machistas en Vigo, onde explica que puido escoitar de primeira man as necesidades tanto das usuarias como das traballadoras do centro. Un visita "moi produtiva" que lle permite seguir pegada á realidade do día a día das consecuencias destas violencias das que resulta imposible deixar de falar cando nesta mesma semana se confirmaron dous novos asasinatos machistas no Estado español. 

O acoso que experimentan as mulleres novas nas redes sociais centra un estudo publicado polo Instituto de las Mujeres no que se salienta que preto da metade das mulleres entre 16 e 24 anos sentiuse ofendida, humillada, intimidada, acosada e/ou agredida empregando as redes sociais. Teñen previsto pór en marcha algunha iniciativa tras coñecer estes datos?

Nós asistimos con moita preocupación aos datos que amosa este estudo e a outros que se están facendo nesta liña. En realidade, o primeiro que quixemos facer é recoñecer que existe este tipo de violencia. E iso é unha medida que vai incluída na lei de liberdade sexual que está a punto de ser aprobada agora mesmo porque pensamos que un dos problemas que existen é que esta violencia está moi invisibilizada e isto, polo tanto, é o que moitas veces fai que moitas mulleres non recoñezan este tipo de situacións que sofren como situacións de violencia. 

Así que para nós o máis importante sería comezar por dicir que existe a violencia nestes ámbitos, como vai suceder con esta nova lei. Á parte, outra das cuestións que queremos conseguir é que a educación sexual que se garante pola lei de liberdade sexual en todas as etapas educativas, tamén verse sobre os tipos de violencias que sofren as mulleres máis novas e sobre os ámbitos nos que se dan estas violencias. O obxectivo é poder garantir, de aquí a un prazo curto de tempo, que os servizos que se prestan para ás violencias contra as mulleres tamén se poidan prestar no ámbito dixital e, polo tanto, que poida haber espazos seguros no eido dixital ao que poidan acudir elas e tamén as máis novas. 

Ángela Rodríguez © Ministerio de Igualdad

No mes de abril houbo en Vigo e Ourense denuncias por agresións homófobas, unha sexóloga explicou en Praza.gal a raíz disto a importancia da educación sexual para o conxunto da sociedade tamén para pórlle freo a este tipo de delitos.

Si, eu creo que cando falamos de educación sexual non nos referimos só ao que ten que ver coa loita contra o machismo, que é unha loita moi relevante, senón tamén educar á cidadanía nas cuestións que teñen que ver coa sexualidade, a afectividade e as emocións. E isto que quere dicir? Pois que temos que comezar por asimilar como normal que existen formas de relacionarse, distintas formas de ter distintas identidades e que a diversidade sexual non é só unha banderola que se coloca o día do orgullo, tamén é unha realidade. Parte desta educación pasa por recoñecela e eu creo que sería moi importante asimilar que esta educación non ten que ter soamente un eixo contra as violencias, senón que ten que ter un reforzamento moi profundo no que ten que ver na educación cos bos tratos. Os bos tratos teñen que ser transversais tanto para o que ten que ver coa violencia de xénero como coa lgtb-fobia. 

Na lei de liberdade sexual –coñecida como lei do 'só si é si'– non entrará finalmente a cuestión da prostitución, que supón un dos grandes desacordos entre Unidas Podemos e o PSOE nesta materia.

Creo que non existe tal desacordo. 

"Temos que profundar neste pacto contra o proxenetismo, que ten que ter como liña fundamental a protección das mulleres que están nestas situacións”

Como houbo moito ruído arredor deste asunto, pregúntolle, cal é a posición de Unidas Podemos neste punto?

A lei de liberdade sexual levou dende o principio, no seu articulado, medidas de protección das vítimas de proxenetismo, vítimas de explotación sexual e vítimas de trata. Tamén levaba no seu articulado a inclusión no Código Penal da tercería locativa, é dicir, poder perseguir aos proxenetas que obteñen beneficio e lucro directo da explotación sexual allea cando se fai a partir do alugueiro dun local. Estas medidas foron propostas polo Ministerio de Igualdade no ano 2020. E levamos negociándoas con todos os actores precisos para aprobar esta lei desde aquela. Dous anos negociando no Goberno de coalición, negociando no Parlamento, etc. 

Que sucedeu finalmente? Pois que no trámite parlamentario había dúas posturas, por un lado unha postura máis prohibicionista e formulaba prohibir a prostitución con medidas que podían ser moi perigosas para as propias vítimas; e outra parte que era máis favorable a medidas regulacionistas. Nós, o Ministerio de Igualdade, como digo, estivemos moitos meses intentando atopar unha síntese, que pensamos que é unha síntese superadora, que ten que profundar, sobre todo, en elementos fundamentais como a protección das vítimas e a persecución da industria proxeneta. Todos os esforzos que vaian nesta dirección van ser benvidos, de feito, o Partido Socialista rexistra unha iniciativa ao pouco de que se aprobe a lei de liberdade sexual coas medidas practicamente iguais ás que formulara o Ministerio de Igualdade xa desde o ano 2020. Eu penso que temos que profundar neste pacto contra o proxenetismo, que ten que ter como liña fundamental a protección das mulleres que están nestas situacións.

Recoñece, entón, que todas as mulleres que exercen a prostitución son vítimas dalgunha maneira.

Si, como digo, a lei de liberdade sexual recoñece desde o principio que as vítimas dos delitos de proxenetismo ou de trata teñen que estar protexidas por esta lei. Estes delitos contra a liberdade sexual sempre estiveron contemplados na lei. 

"A financiación das políticas contra as violencias machistas ten que aumentar posto que se inclúen novos ámbitos nos que traballar"

Nestes meses acadouse un acordo permanente no Pacto de Estado contra a violencia de xénero [que finaliza este ano], en que se traduce esa unanimidade das comunidades autonómas neste momento? 

Temos a obriga de renovar o Pacto de Estado este ano e este é o motivo fundamental polo que estamos traballando nunha renovación que, na medida en que se trata dun acordo político, ten que ir en distintas direccións. Por un lado, fixemos un acordo político con todas as forzas democráticas no Congreso asinado o 25 de novembro do ano 2021 e agora estamos traballando nun acordo con todas as comunidades autónomas que se vai asinar antes de agosto deste mesmo ano. 

De que ferramentas nos imos dotar as Administracións públicas para seguir desenvolvendo este pacto? En primeiro lugar, haberá un cambio na política de financiamento das políticas contra as violencias machistas. Esta financiación ten que aumentar, posto que se inclúen novos ámbitos nos que traballar como as violencias dixitais, a violencia vicaria, a violencia económica ou institucional. Tamén terá que ser un financiamento máis estable, precisamente falaba o outro día coas traballadoras do centro de acollemento de emerxencia de Vigo sobre como moitas veces non teñen claro cal vai ser o seu futuro laboral: isto non é asumible. Temos que pór enriba da mesa un modelo de atención ás vítimas de violencia de xénero que sexa estable e que non mude no tempo aínda que cambien os Gobernos. Isto é o que significa que o Pacto de Estado sexa permanente. Ademais, temos que ampliar os servizos que se prestan para todas estas vítimas posto que estamos ampliando o concepto de violencia machista no noso país. Neste sentido, a explotación sexual e a trata son formas de violencia machista e teñen que estar contempladas tamén nos servizos que se prestan nas comunidades autónomas para atender a todas as vítimas. 

"É unha boísima nova para todo o país que avancemos no recoñecemento de dereitos do colectivo lgtbi"

Ata que punto ten viabilidade a estabilidade deste pacto cos cambios que pode haber no Goberno?

Hoxe dicíao tanto o presidente como a vicepresidenta segunda, queda moita lexislatura. Temos moitísimo no que traballar e eu estou centrada nese traballo, en intentar que a todas as vítimas deste país lles chegue canto antes a resposta que precisan para saír desa situación de violencia. Non estou pensando nas eleccións. 

Pero despois dos comicios en Andalucía e os malos resultados da esquerda, xa se ten publicado que Unidas Podemos pensa na data na que pór fin á coalición de Goberno. Se isto é así, como afectará ao que queda pendente de aprobar en Igualdade?

Descoñezo de que información fala vostede, o que teño claro é que estou centrada na miña tarefa como Secretaria de Estado, tamén a ministra de Igualdade, temos moitísimo traballo para protexer ás mulleres deste país e, polo tanto, voume centar nestas cuestións. 

A pregunta ía na liña de como afectaría un adianto electoral aos asuntos pendentes no Ministerio de Igualdade. 

Non contemplo un adianto electoral. Queda moita lexislatura, estamos nunha situación moi delicada no país e o que precisan as familias deste país é que traballemos por elas. E que esteamos centradas en traballar por elas. 

Outra das normas que está pendente por pasar polo Congreso é a lei trans, poderá ser debatida antes do verán?

Como xa dixemos, a lei trans vai chegar ao Congreso antes das vacacións deste verán. Creo que é unha boísima nova para todo o país que avancemos no recoñecemento de dereitos do colectivo lgtbi, que levan tanto tempo agardando por eles.

"O poder xudicial está mostrando unha posición profundamente conservadora e afastada do que a cidadanía deste país precisa"

Como valoran o informe crítico emitido polo Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) e con que apoios e fortalezas conta esta norma?

Non é ningunha novidade que o poder xudicial deste país faga informes negativos para todas as leis feministas. Ningunha sorpresa. O CGPJ xa estivo en contra da lei do matrimonio igualitario, da lei do aborto, da lei de violencia de xénero e da lei de liberdade sexual. A sorpresa tería sido que apoiara a lei trans. Atopámonos ante un poder xudicial que ten que ser renovado, non podemos esquecer que leva moito tempo cun mandato caducado. É unha cuestión de profunda renovación democrática que renovemos os nosos órganos xudiciais e creo que neste momento esa conformación do poder xudicial está mostrando unha posición profundamente conservadora e afastada do que a cidadanía deste país precisa. Amósao cada vez que se pronuncia nestas materias. Temos que avanzar nos dereitos e, por sorte, a cidadanía xa está marcando o camiño. 

Pola contra, a xustiza manifestouse noutra dirección en relación coa chamada xestación por substitución, como valora ese avance despois da última sentenza do Tribunal Supremo? 

A xestación por substitución está prohibida neste país desde o ano 2006 e eu celebro moito que o poder xudicial vaia sentando xurisprudencia neste sentido, pero como digo, a lei de reprodución asistida prohibiu os ventres de alugueiro no noso país no ano 2006. Estamos no 2022, benvida sexa a xustiza pero hai moito tempo que esta práctica está prohibida en España. 

Que novidades pode comentar sobre o programa 'Corresponsables' do Ministerio?

É a primeira política pública de conciliación que existe en España, de feito, eu creo que podemos dicir que é un servizo público de conciliación. O que estamos intentando é que chegue non só a todas as comunidades autónomas, se non a cada municipio deste país. Concretamente, en Galicia imos ver, particularmente no verán, moitísimas actuacións e programas moi vencellados a este plan e que se desenvolven cos cartos del. Por exemplo, programas tan relevantes como os campamentos de verán, as ludotecas e os comedores escolares. Penso que este é o camiño, ao Ministerio de Igualdade preocúpalle moito protexer as familias e garantir a conciliación como un servizo público é unha das formas de axudar ás familias neste momento tan complicado para a economía deste país. Non podemos esquecer que hai moitas familias que cando chega o verán e pechan as escolas dependen de avoas e avós, veciñas e amigos para coidar dos seus pequenos porque non teñen onde deixalos pois non poder permitirse pagar ludotecas, escolas de verán ou contratar persoas que coiden deles na casa. 'Corresponsables' ten que servir para substituír esta conciliación 'feita na casa', e temos que garantir que sexa un servizo público. Estamos moi contentas co desenvolvemento da segunda edición deste plan e xa planificando a súa ampliación para os próximos orzamentos xerais do Estado. 

"Que poidamos ver un incremento nesta violencia revelada é unha boa noticia porque quere dicir que máis mulleres se están achegando ás institucións e temos máis posibilidades de protexelas" 

As denuncias por violencia machista incrementáronse un 18% en Galicia no primeiro trimestre deste ano, como se valora desde a Secretaría de Estado de Igualdad? 

Valoramos na serie histórica publicada polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CGPJ que, posto que non estamos atopando un aumento no número de asasinadas nin noutro tipo de indicadores que nos poderían facer pensar que estamos ante un incremento clarísimo da violencia, o que nos atopamos é un incremento nas denuncias. Para nós isto pode significar que existe máis violencia revelada e pode ser un dato positivo. Aínda que, por suposto, ningún dato é unha boa nova na violencia de xénero. Analizabamos nesa macroenquisa da Delegación do Goberno que só o 11% das mulleres denunciaban os casos de violencia que estaban sufrindo, polo tanto, que poidamos ver un incremento nesta violencia revelada é unha boa noticia porque quere dicir que máis mulleres se están achegando ás institucións e temos máis posibilidades de protexelas e de chegar a tempo. Queremos ser sempre moi prudentes cos datos en materia de violencia de xénero, non xerar situacións de alarma innecesarias, e intentar, con toda a prudencia e o rigor, protexer as vidas destas mulleres. 

Que lle gustaría deixar 'atado' na Secretaría de Estado de Igualdad no que resta de lexislatura?

Creo que vai ser unha lexislatura na que, cando finalice, imos ter enriba da mesa unha nova xeración de dereitos feministas. Vai pór o énfase nunha renovación moi profunda nas políticas das violencias machistas e vai ser unha lexislatura na que, por primeira vez, se van recoñecer a violencia sexual, ou a explotación sexual ou a trata como formas de violencia contra as mulleres, e creo que isto é moi relevante. Vaise modificar a lei do aborto recoñecendo dereitos sexuais e reprodutivos tan importantes como a incapacidade temporal por menstruacións dolorosas. E, ademais, vaise poñer o foco en elementos fundamentais como a redistribución da riqueza, que axuden a pechar esa fenda de xénero que existe entre homes e mulleres. Para iso, é fundamental converter os servizos de conciliación en públicos, que non haxa ningunha familia que teña que depender das avoas e dos avós para poder conciliar a vida laboral coa familiar, e que a conciliación sexa unha realidade. Ese é un dos pasos fundamentais que temos que dar nesta lexislatura e creo que estamos na boa dirección. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.