As recentes agresións homófobas devolven o foco á importancia de entender que "a diversidade é a norma, non a excepción"

Concentración este venres en Vigo contra agresión homófoba denunciada nos últimos días na cidade © Avante LGBT+ Vigo

As denuncias en Ourense e Vigo por agresións homófobas constatan que o sucedido na Coruña con Samuel Luiz non foi un caso illado. Saímos da pandemia con incertezas que afectan á xuventude e a integración pendente da diversidade na sociedade

As dúas agresións homófobas que tiveron lugar este mes en Ourense e Vigo, separadas por escasos días, volven demostrar que o sucedido na Coruña con Samuel Luiz non foi un caso illado; só que tivo un desenlace fatal, que por sorte é menos frecuente. Porén, desde o colectivo LGTBIQ+ reclaman a "implicación real" das Administracións públicas para atallar estes delitos de odio. Sábense vulnerables e son conscientes de que viven un risco maior polo mero feito da súa orientación sexual ou da súa identidade. 

O contexto social na actualidade é complexo, a pandemia actuou como un catalizador do que xa había de fondo e a crise económica e social que comeza agora coa guerra da Ucraína e a inflación non axuda, ao que hai que sumar a viralización dos discursos de odio que nos rodea. ″Esta realidade do odio ao diferente e do paso ao acto da violencia cara ao diferente está aí″, evidencia o psicólogo clínico Ricardo Fandiño, presidente de Aseia (Asociación para a saúde emocional na infancia e adolescencia).

Fachada do Teatro Principal de Santiago iluminada coa bandeira Lgtbi+ CC-BY-NC-SA Concello de Santiago

″Paréceme que é unha maneira de proxectar unha debilidade propia, unha fraxilidade interna, no outro. Escóllese ao diferente como depositario deste malestar. Por outra banda, estamos nun momento de maior visibilidade da diversidade sexual e en poboación moza é unha realidade emerxente e positiva; pero a quen lle resulta incómodo ou intimidante reacciona en contra disto″, debulla o especialista en Psicoloxía clínica.

Con todo, Ricardo Fandiño di que hai que escapar dun discurso no que retratemos á xente moza como problemática: ″Penso que é unha xeración na que hai grandes capas de poboación moi comprometidas, solidarias e cunha visión da realidade e do futuro moi axustada; incluso diría que máis axustada da que temos a poboación adulta″.

"Resúltame imposible saber o que lle pode pasar pola cabeza a alguén que lle dá unha malleira a dous rapaces porque se bicaron”, di Ana G. Fernández

O asasinato de Samuel Luiz levou a que na Asociación pola liberdade afectiva e sexual (Alas) da Coruña recibiran máis denuncias de incidentes de odio, que explican porque a visibilidade deste caso provocou un maior acceso aos recursos existentes para que calquera tipo de agresión cun compoñente de odio sexa contabilizada. 

″Aínda é moi difícil saber se houbo un aumento real ou é que a xente está máis aberta a denunciar e non fica calada. Temos recursos como o do Observatorio para poder facer denuncias e podemos asesorar e acompañar á persoa que se atopa nesa situación durante todo o proceso. Non ten que ser un caso de violencia física ou verbal, en calquera tipo de discriminación ou incidente de odio estamos aí″, conta a presidenta de Alas, Ana G. Fernández.

″Xa non sabes nin que dicir cando les que houbo outra agresión. Que a xente teña esa facilidade de empregar a violencia –física ou verbal, dáme igual– parécenos que é motivo para pensar en como estamos a educar á mocidade. As escolas tamén teñen que ser un espazo no que se fale de diversidade e de dereitos humanos. Resúltame imposible saber o que lle pode pasar pola cabeza a alguén que lle dá unha malleira a dous rapaces porque se bicaron, que é o que pasou en Vigo. A implicación das institucións é fundamental porque a violencia nos afecta a toda a sociedade″, engade Ana G. Fernández.

"Para a poboación nova este é un momento particularmente inquedante. Xa o era antes da crise derivada da COVID e agora o é aínda máis”, sinala Ricardo Fandiño

″Hai moito malestar social –indica Ricardo Fandiño– e para a poboación nova este é un momento particularmente inquedante. Xa o era antes da crise derivada da COVID e agora o é aínda máis. Tamén hai grandes bolsas de pobreza e exclusión social nesta poboación. Todo isto non xustifica, de ningunha maneira, que se dean este tipo de condutas, pero temos que analizar o contexto no que nos atopamos. Con esta incerteza cara ao futuro, este cambio no paradigma da sexualidade que resulta moi inquedante e con esta viralización dos discursos de odio o que temos é un caldo de cultivo no que é máis fácil que se produzan este tipo de actos, execrables en todo caso. Que podemos facer? Eu creo que temos que investir moitísimo en educación″.

Educar en diversidade

O foco vira cara á educación e desde a Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia intentan concienciar ao profesorado para que introduza estas cuestións nas aulas dentro da súa autonomía, porque os avala a lexislación, a falta de que os centros educativos teñan plans nos que abordar de maneira transversal a diversidade tanto nas aulas como nos espazos que corresponden a cada comunidade educativa.

"Traballar a diversidade sexual nas aulas é unha cuestión de dereitos humanos e non un mecanismo para politizar o alumnado", salienta Ana Ojea

″Penso que hai un problema político de fondo. Hai unha especie de prexuízo que leva a politizar as cuestións relacionadas cos dereitos humanos. Traballar a diversidade sexual nas aulas é unha cuestión de dereitos humanos e non un mecanismo para politizar o alumnado. Pero moitas veces utilízase este argumento para frear o traballo tanto en diversidade sexual como en violencia de xénero, violencias sexuais, igualdade de xénero... Cuestións que as leis obrigan aos centros educativos a traballar e que demasiadas veces non se fai porque hai demasiados obstáculos″, manifesta a coordinadora da Rede, Ana Ojea, profesora no IES Politécnico de Vigo.

Os obstáculos aos que se refire Ana Ojea están no día a día, por exemplo, esta mesma semana soubo que o director dun instituto da provincia de Pontevedra negouse a exhibir unha bandeira do orgullo no centro. ″Só con que se cumpra a lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia xa teríamos moito avanzado″, defende. Na Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ insisten en que isto non pode ficar "no ámbito da opinión" e ten que "formar parte das políticas públicas dun Estado democrático". ″Precisamos a implicación das Administracións públicas porque isto é parte fundamental dun ensino que lle aprenda ao alumando sobre a igualdade de dereitos para todas as persoas″, asevera a profesora.

Concentración de repulsa polo asasinato de Samuel Luiz o 5 de xullo de 2021 na Praza de María Pita da Coruña © Concello da Coruña

"Nós somos partidarios de que a xustiza non sexa só punitiva e haxa un acompañamento psicosocial", apunta a presidenta de Alas

″As leis son importantísimas e o noso colectivo é o primeiro que cho vai dicir porque é o que nos permitiu casarnos, e iso foi como o pistoletazo de saída para construír as nosas vidas e a nosa igualdade no Estado español. Pero a min non me serve de nada que a xente que comete estas agresións teña que pagar unha multa –ou pase polo cárcere–. Se a súa mentalidade non cambia, se non se lle dá a oportunidade de entender por que o uso da violencia é totalmente inaceptable na sociedade na que vivimos é que non serve para nada. Igual a partir dese momento o pensan dúas veces antes de actuar porque non queren pagar outra multa, pero seguen pensando o mesmo das persoas LGTBI, das persoas racializadas ou das mulleres. Nós somos partidarios de que a xustiza non sexa só punitiva e haxa un acompañamento psicosocial″, destaca a presidenta de Alas.

Educación sexual 

″Xusto antes da pandemia estaba moi de actualidade a educación sexual e a min ségueme parecendo unha cuestión central. No momento no que vivimos, cun cambio tan importante que estamos afrontando con toda a emerxencia do feminismo como fenómeno público, e con toda a importancia que ten a visibilización da diversidade sexual nas nosas sociedades, temos que afrontar a cuestión da educación sexual para que estea nas escolas e non recaia só nas familias″, argumenta o psicólogo clínico Ricardo Fandiño.

"A educación sexual é educar sobre quen somos, as nosas diversidades, os nosos valores, o respecto e as relacións desde un espazo positivo", destaca Penélope Alonso

″Adoitamos pensar que a educación sexual é o ensino das prácticas eróticas e os praceres, pero a educación sexual é educar sobre quen somos, as nosas diversidades, os nosos valores, o respecto e as relacións desde un espazo positivo. É fundamental, non só a podemos ver con aquilo que ten que ver co corporal ou co pracer, a educación sexual fala de como nos construímos como persoas sexuadas que somos, de como nos relacionamos e como nos imos aceptando e respectando. Unha educación neste sentido –de calidade, non como parches de media hora aquí ou alá– melloraría en que as persoas nos désemos conta de que a diversidade é a norma, non a excepción″, explica a sexóloga Penélope Alonso, que está en contacto co colectivo trans polo seu traballo.

As sociedades precisan tempo para a súa reorganización, e a visibilización de determinadas realidades afectivo-sexuais é recente. Mais a maior concienciación pública que se está a lograr ten aínda que trasladarse de pleno ás accións. ″O discurso sobre a diversidade está, pero non se reflicte nas actitudes nin nas accións da xente″, apunta Penélope Alonso, que non esquece o ″contradiscurso″ que se xera desde o ″inmobilismo″ da extrema dereita arredor deste asunto.

O Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia presentará o seu informe anual de 2021 nas vindeiras semanas, pero desde Alas avanzan que ″houbo un aumento de casos que tiñan que ver coas redes sociais durante a pandemia″. O contexto social desprazouse moito cara a rede pola situación sanitaria derivada da COVID, e agora que 'recuperamos' a rúa volven as agresións físicas. “Hai unha maior sensibilidade e visibilidade, pero a integración de todo isto e o resultado non está a ser visible”, lamenta a sexóloga. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.