O PP baleira de contido a futura lei de visibilidade LGTBI

Celebración do Orgullo LGTBI en Vigo, o pasado ano CC-BY-NC-SA Septem Trionis

O pasado mes de xuño o PSdeG-PSOE presentou no Parlamento unha proposición de lei pola visibilidade e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. A norma pretende complementar outras normas, aprobadas nos últimos anos, que buscan asegurar a igualdade de dereitos á hora de contraer matrimonio, e loitar contra as numerosas situacións de homofobia e de discriminación por razón de orientación sexual que aínda se producen en moitos ambitos. A proposición de lei foi superando as sucesivas fases do proceso parlamentario, pero no seu debate en comisión o Partido Popular presentou un conxunto de emendas que non só limitan ou modifican o alcance da futura lei, senón que a baleiran completamente de contido.

"Aparentemente eles quedan ben, aproban unha norma para o colectivo LGTBI, pero é unha lei baleira. Se se aproba a lei así, nós teremos que facer esforzos en explicar que hai unha lei, pero que é inservible"

Raquel Cordeiro, portavoz da Asociación Nós Mesmas, colectivo feminista pola defensa dos dereitos das mulleres lesbianas e bisexuais, sinala a "sorpresa" que produciu o feito de que o Partido Popular non se limitase a votar en contra da lei, e considera que se finalmente se aproba a norma tal e como saíu da comisión "non achegará nada novo, non será real, será só propaganda". "Aparentemente eles quedan ben, aproban unha norma para o colectivo LGTBI, pero é unha lei baleira. Se se aproba a lei así, nós teremos que facer esforzos en explicar que hai unha lei, pero que é inservible". O colectivo, xunto con outras entidades, convocarán unha concentración ante o Parlamento no día en que a lei sexa debatida en pleno, o vindeiro 9 de abril.

Elimínase todo o capítulo de sancións, que no anteproxecto prevían multas de entre 150 euros até medio millón de euros para as infraccións máis graves

Así mesmo, a Asociación Nós Mesmas, a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), ANOVA e a Coordinadora Local da Marcha Mundial das Mulleres de Vigo, impulsan un manifesto no que protestan "polo roubo que supón esta Lei" e "polo escándalo que implica que Feijóo e o Partido Popular pretendan facer publicidade a costa dos nosos dereitos, nun falso intento por diferenciarse das políticas do goberno central, cando o que están a facer é exactamente o mesmo". As entidades asinantes sinalan que "só o Partido Popular podería invisibilizar cunha lei de visibilidade” e exhortan as forzas da oposición a votar en contra da norma recortada polo PP, en resposta ao rexeitamento das achegas realizadas polo tecido asociativo LGTBI galego e polos outros grupos políticos da cámara. Conclúen que os populares converteron esta lei nunha "farsa".

Cordeiro sinala que as emendas presentadas polo PP, que mesmo modificou o título da lei, eliminando o concepto de "non visibilidade", desnaturalizan o texto, "eliminando todo aquel artigo que ficaba demasiado igualitario, diverso, esclarecedor da realidade do colectivo LGTB da Galiza e tamén aqueles que establecían un mínimo compromiso e obrigatoriedade para as Administracións públicas ou de xustiza". En primeiro lugar, o PP suprime por completo as propias definicións dos colectivos aos que a lei afecta, ou os conceptos sobre a diversidade sexual e as diferentes orientacións e identidades aos que se fai referencia en todo o texto, "invisibilizando até nunha lei de visibilidade e non discriminación". De igual xeito, elimínase todo o capítulo de sancións, que no anteproxecto prevían multas de entre 150 euros até medio millón de euros para as infraccións máis graves. Unha decisión que para a Asociación Nós Mesmas invalidaría por si soa o resto da norma. Tamén desaparecen os protocolos de actuación ante agresións.

Ademais, os populares eliminan o apartado relacionado coa carga de proba, pola que (como recollía o anteproxecto) correspondería "á parte demandada demostrar que non se vulnerou o principio de igualdade de trato". Para a Asociación Nós Mesmas, esta decisión "carece de coherencia" e lembran a este respecto o precedente establecido pola Comunidade Europea para garantir o principio de igualdade de trato, entendida como a ausencia de calquera discriminación, no que se establece que os “Estados membros tomarán as medidas necesarias para que, cando a parte demandante achegue ante un tribunal de xustiza ou outra instancia competente elementos de feito que permitan supor a existencia dunha discriminación, corresponderá á parte demandada demostrar que non existiu vulneración do principio de igualdade”.

Os populares eliminan o apartado relacionado coa carga de proba, pola que (como recollía o anteproxecto) correspondería "á parte demandada demostrar que non se vulnerou o principio de igualdade de trato"

Por outra banda, as emendas do PP foron recortanto o alcance que podería ter acadado a norma noutros aspectos, coma no ensino, nos medios de comunicación ou nas relacións laborais. Por exemplo, as que facían referencia a "medidas específicas para a garantía e protección de dereitos das persoas LGBT durante o seu paso ou estanza en comisarías e centros penitenciarios" (artigo 11), ao impulso e apoio da Xunta a "proxectos relacionados coa recuperación da memoria histórica das persoas LGTB, en particular a memoria daquelas persoas LGTB represaliadas durante o franquismo" (artigo 31.3). 

 

Unha lei necesaria

O colectivo lembra que “máis de 3 de cada 4 mozos e mozas, din ter presenciado comentarios negativos, burlas, insultos a persoas LGTB, sendo até un 20% ameazas e violencia directa”

"Porque debe haber leis específicas para colectivos específicos, debe existir unha lei de visibilidade e non discriminación que aborde as necesidades dun colectivo como é o LGTB, ata o de agora desprotexido", defenden dende a Asociación Nós Mesmas. O colectivo lembra que “máis de 3 de cada 4 mozos e mozas, din ter presenciado comentarios negativos, burlas, insultos a persoas LGTB, sendo até un 20% ameazas e violencia directa”, segundo datos de INJUVE.

A entidade considera "un criterio de igualdade" a existencia dun réxime sancionador para as agresións LGTBfóbicas, así como "a creación de protocolos de agresión e actuación que encamiñen os profesionais que se enfronten a agresións desta tipoloxía e especificidade". E defenden que unha lexislación coma a contida na proposición de lei presentada polo PSdeG-PSOE e apoiada por todos os partidos agás o PP, "é a ferramenta necesaria para loitar contra a discriminación que o colectivo LGTB vive, recoñecer a especificidade deste delito, ofrecer apoio integral ás vítimas, establecer protocolos policiais para o trámite das denuncias e para previlos creando un entorno igualitario que favoreza a visibilidade, así como elaborar estatísticas que recollan os delitos de odio por homofobia, bifobia e transfobia". Subliñan que se trata dun "problema social, ata o de agora, deixado de lado en Galicia", sobre todo nas zonas rurais.

Subliñan que se trata dun "problema social, ata o de agora, deixado de lado en Galicia", sobre todo nas zonas rurais

Tamén sinalan que a falta de aceptación da diversidade afectivo-sexual nas familias e na contorna provoca que un 62,2% das e dos mozos afirme que lle resultaría moi difícil saír do armario e un 53%, máis da metade da poboación, considera que as persoas LGTB non poden falar con normalidade da súa orientación ou identidade, segundo datos de INJUVE igualmente. É por isto que consideran "fundamental de forma inmediata o compromiso firme do órgano competente en materia de familia para establecer os mecanismos precisos de formación e información a familias sobre a diversidade afectivo-sexual".

 

Acto do BNG

BNG e Galiza Nova realizaron este mércores un acto para denunciar "a discriminación que sofren miles de persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI) pola súa orientación social". A candidata do Bloque nas eleccións europeas, Ana Miranda, anunciou que o BNG solicitará no Parlamento Europeo que se garanta o recoñecemento entre os Estados da UE das disposicións normativas sobre cohabitación, parellas de feito ou matrimonios de persoas do mesmo sexo, e que se introduzan procedementos legais de recoñecemento de xénero por cambio de sexo e se eliminen as restricións para a libre circulación dentro da UE, con casos frecuentes en compañía aéreas.

Pola súa banda, Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, sinalou que “non é casual que elixíramos como lugar da nosa protesta este espazo diante da Sede do Arcebispado en Santiago para dicirlle á Igrexa e ao PP que non vale cercear máis os dereitos e liberdades sexuais da mocidade galega”.

Militantes de Galiza Nova, acompañados de Ana Miranda, levaron a cabo este mércores unha acción en defensa das liberdades sexuais e da visibilidade do colectivo LGTBI © Galiza Nova
Celebración do Orgullo LGTBI en Vigo, o pasado ano CC-BY-NC-SA Septem Trionis
Rolda de prensa de presentación do manifesto da Asociación Nós Mesmas © Asociación Nós Mesmas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.