Cando a metade do mundo parou o 8M: cinco anos da primeira folga feminista

Vista parcial dunha mobilización do movemento feminista galego pola folga do Día Internacional da Muller de 2018 CC-BY-NC-SA Foto: MMM | Montaxe: Praza.gal

Cinco mulleres que participaron da primeira folga feminista no Día Internacional da Muller de 2018 repasan aqueles días desde a sanidade pública, o sector agrogandeiro, o ensino, a investigación científica e o eido cultural: "Vivímolo como unha revolución"

“Vivímolo como unha revolución”, lembra Esmeralda Quiroga, profesora no IES Val do Tea de Ponteareas, sobre a folga laboral convocada polos sindicatos en 2018 por primeira vez no Día Internacional da Muller. “Aquel 8M non tiven absolutamente ningunha dúbida en facer folga porque vexo todos os días no meu traballo as consecuencias do patriarcado, o machismo e a desigualdade nos corpos e nas cabezas das mulleres: desde as sobrecargas de coidados ata as desigualdades nos traballos e nos horarios, que afectan moito á saúde das mulleres”, di Flora Miranda, médica de Familia no centro de saúde da Estrada.

Para transformar a vida das mulleres: folga de coidados, folga laboral, folga de consumo!, este foi o lema do manifesto de Galegas 8M en 2018, que naceu da unión de sindicatos, asociacións e plataformas feministas de todo o país. “Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, porque nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen e sometan para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais. Porque estamos fartas. Porque se non podemos bailar, debater, reflexionar, cantar ou facer berrar as paredes, a revolución non nos interesa”, destacábase no manifesto que se escoitou nunha masiva manifestación unitaria en Vigo.

Cabeceira da manifestación do 8M de 2018 en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

"Vexo todos os días no meu traballo as consecuencias do patriarcado, o machismo e a desigualdade nos corpos e nas cabezas das mulleres", asegura Flora Miranda

Esmeralda Quiroga, que foi coordinadora de Igualdade no seu instituto, asistiu ás suspicacias dalgúns homes ao seu arredor polo feito de que o paro de 24 horas estivera convocado só para mulleres. “Entendín ao momento que se trataba de visibilizar que pasaría se parabamos nós, non de discriminar os homes”, sinala. Ela acudiu a dúas manifestacións aquel 8M, á da mañá en Ponteareas e á da tarde en Vigo: “Recordo con moito cariño atopar a moitas alumnas. Despois, pola tarde, a sensación era de emoción porque había moitísima xente, aquí xa había homes e mulleres, e vivíase o feminismo como unha revolución”.

Para Flora Miranda secundar a folga tamén foi unha cuestión de “responsabilidade” cos seus fillos e coas súas residentes. “E porque dentro do que cabe me sinto unha privilexiada: porque podo facer folga, porque podo parar, porque me podo permitir non ingresar o salario dese día, porque teño un traballo fixo, porque penso que é unha obriga das privilexiadas facer folga polas que non a poden facer e tamén por militancia e compromiso feminista”.

"Tiñamos unha resposta automática nos nosos correos electrónicos de que estabamos en folga, pero ao final nestes traballos o que non fas ese día o deixas preparado ou acumúlase", conta Sonia Díaz

Aquela primeira folga feminista, como sucedeu nos tres anos seguintes, era laboral, de consumo, de coidados e estudantil. Un obxectivo era a visibilización do papel das mulleres, do seu traballo e das cargas que asumimos socialmente, e por moito camiño que quede por andar iso logrouse. Para Sonia Díaz, xornalista especializada en comunicación cultural, foi a cuestión dos coidados a que se colocou no debate de maneira “máis intelixente”. “Co meu compañeiro falei de como faríamos para que tivera sentido, temos unha filla e el encargouse dela ese día. Non é que non o faga normalmente, pero é certo que representalo publicamente, explicalo con antelación, convidar a outras mulleres a ir contigo á manifestación... Todo iso foi o que xerou máis debate e me resultou máis interesante para visibilizar”, 

Foi a primeira folga que Sonia Díaz seguiu desde a ONG Agareso, decidiron que os homes da organización traballarían para que fose máis patente que faltaban elas. “Tiñamos unha resposta automática nos nosos correos electrónicos de que estabamos en folga, pero ao final nestes traballos o que non fas ese día o deixas preparado ou acumúlase para o seguinte. “As folgas como autónoma o único valor que poden ter é ese da representación da folga, como unha especie de performance, e que ese día esteas libre para ir ás manifestacións. Pero o feito de non facer o traballo non se vai percibir como nunha empresa, ou polo menos como no sector industrial”, razoa.

Manifestación do 8M de 2019 © Marcha Mundial das Mulleres

María Ferreiro conta que a folga daquel 8M "supuxo que moitas labregas se deran conta do traballo que fan cada día"

“Teño claro que sen corresponsabilidade, sen igualdade dentro das casas para os coidados e o reparto das cargas as mulleres sempre levamos as de perder. Véxoo cada día nas vidas das mulleres que atendo, as miñas MIRes –as médicas de Familia en formación– e mais eu pensamos que estaría moi ben facer unha investigación para coñecer mellor o malestar que pode xerar na saúde das mulleres coidar de persoas sen a infraestrutura, o apoio, os cartos ou o tempo de autocoidado necesarios”, destaca Flora Miranda.

No sector agrogandeiro a folga foi moito máis alá dun paro de 24 horas, “supuxo que moitas labregas se deran conta do traballo que fan cada día porque moitas veces lle restan valor ao propio, e cando falas con elas ves que non paran de traballar”, conta María Ferreiro, responsable da Secretaría das mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG). A folga para estas mulleres ten peculiaridades moi concretas, pois a maioría das labregas son autónomas.

No noso sector non podes decidir un día non facer nada porque os animais teñen que seguir comendo”, sinala Ferreiro, para engadir que “as mulleres do agro vían necesaria a folga pero a problemática xurdiu en como organizarnos”. Para as labregas resultou fundamental o vínculo da folga co consumo e tiñan como lema: “se as mulleres labregas paramos, o mundo non se alimenta”.

"Para nós foi fundamental que nos manifestos se reivindicara a soberanía alimentaria porque é o noso día a día", afirma a responsable da Secretaría das mulleres do SLG

A intensidade das accións logrou sacar da invisibilidade ás mulleres labregas, que atoparon espazos en contextos urbanos para explicar as condicións do seu labor. “A nosa valoración é moi positiva porque nos autoorganizamos e logramos colocar debates moi necesarios en sitios aos que non tiñamos acceso. Para nós foi fundamental que nos manifestos se reivindicara a soberanía alimentaria porque é o noso día a día. Foron momentos de moito traballo, moita rúa e moita mobilización que agora se ven con certa nostalxia porque, motivado pola pandemia ou por outras cuestións, xa non estamos nese momento”, afirma María Ferreiro.

“A soberanía alimentaría é unha das nosas principais reivindicacións como sector, pero que tamén vai ligada á cuestión de xénero porque detrás desas producións de menor tamaño, máis próximas, con venta directa e cunha produción máis sostible están maioritariamente as mulleres”, engade Ferreiro, quen ademais considera fundamental volver á autoorganización dentro do movemento feminista porque “non estamos mellor, seguimos recibindo un montón de ataques e violencias por seren mulleres”. “Para nós a diversidade é fundamental e que dentro desa diversidade poidamos entendernos”, destaca.

Chamamento a participar na folga feminista en 2018 CC-BY-SA PFG

Alcanzar os postos de liderado

Despois da folga feminista de 2018 o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu que a mobilización feminista fora “un clamor” pero instou a desligala da “política” porque –dixo– “en canto politizamos a igualdade estamos faltándolle ao respecto ás mulleres”. María Mayán, líder do grupo de investigación 'CellCOM' do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e coordinadora do grupo 'Mujer y Ciencia' da Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular (SEBBM), fai un chamado á clase política “para que sexa consciente que foi a sociedade ao completo quen saíu á rúa aquel día” e nos anos seguintes.

“Non nos podemos relaxar, estamos nun momento turbulento no que de pronto un partido político di cousas do pasado e parece que convence a unha parte da sociedade. Estamos moi lonxe da igualdade aínda que coas accións de visibilización pareza que conseguimos moito”, salienta a investigadora.

"Ter dereito a decidir non é ser ambiciosa, decidir é acceder a mudar calquera sistema; non pode decidir sempre un mesmo perfil masculino", di María Mayán

María Mayán considera que desde o ano 2015 as mulleres do eido científico comezaron a saír dos laboratorios e mostrar o traballo que fan. “Dicimos: nós tamén queremos estar neses postos de liderado. Porque o que pasa na ciencia é que o traballo de fondo faino a muller, no laboratorio somos máis mulleres ca homes, pero despois nos postos de toma de decisións de universidades e centros de investigación non hai case mulleres. Comezamos o 50% de homes e mulleres no laboratorio e terminan en postos de liderado menos do 20% das mulleres. Por algunha razón, para nós eses postos son menos accesibles”, explica.

A científica ve un problema de educación, de estereotipos e de prexuízos que fan que as mulleres teñan unha carreira con máis obstáculos, así como máis dificultades de conciliación da vida persoal e profesional. “Que haxa menos mulleres que representan as decisións no ámbito científico é grave porque seguimos coas mesmas regras, nesgos e estereotipos. E as nosas nenas tampouco se van ver reflectidas neses roles. Isto vai máis alá do noso sector, é importante que as mulleres se vexan capaces de chegar a eses postos. Ter dereito a decidir non é ser ambiciosa, decidir é acceder a mudar calquera sistema; non pode decidir sempre un mesmo perfil masculino. Canta máis diversidade haxa nos postos de decisión mellor nos irá, hai estudos que demostran unha vantaxe competitiva”, debulla Mayán. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.