O agora líder do PP estatal tentou distanciarse durante os seus anos ma Xunta das mobilizacións feministas presentándose como “militante do feminismo respectuoso, non do sectario” e pedindo “non politizar os problemas das mulleres"
Durante os seus anos como presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo esforzouse en adxectivar o feminismo para defender só o “respectuoso” e non o “sectario”, ao tempo que pedía loitar pola igualdade de homes e mulleres pero sen “politizar os problemas das mulleres”. Desde ese discurso tradicional de distanciamento do feminismo agora o líder do PP encara este o seu primeiro 8-M xa como líder do PP estatal presentando o seu partido á cabeza das reivindicacións das mulleres para tentar arrebatar ou debilitar a fortaleza que nese eido tradicionalmente tiveron os partidos de esquerda.
O pasado ano, cando xa iniciara a súa marcha cara a Madrid, o aínda presidente da Xunta dicía no Parlamento de Galicia ser “militante do feminismo respectuoso, do feminismo igualitario, do feminismo real, do feminismo da liberdade”, pero non “do feminismo sectario, do feminismo instrumental”. Esa tese, a dun feminismo supostamente instrumentalizado polos partidos de esquerda, vén sendo mantida desde hai anos por un Feijóo que tamén neste eido aposta por presentar as súas políticas como as do sentido común mentres que as políticas do resto de forzas supoñen unha “politización”.
En 2017, tamén antes dun 8-M, Feijóo apelaba a “loitar pola igualdade” pero sen “politizar os problemas das mulleres”. Porén, iso non lle impedía, dous anos despois e tamén nas vésperas doutro 8-M, retrucar á oposición que lle reclamaba máis implicación do seu Goberno nese eido que o día da igualdade o era “en Venezuela tamén”. No Parlamento de Galicia mesmo reclamou “a igualdade real e efectiva das nais e nenas venezolanas que teñen dereito a comer”.
En 2019, ate críticas do BNG polo seu apoio a colectivos antiabortistas como Red Madre ou a colexios que segregan por sexo, Feijóo retrucou que “leccións de como protexer as nosas fillas, as nosas mulleres e as nosas nais da violencia machista, ningunha”
Nese mesmo 2019, pero desta volta ás portas dun 25 de novembro, día contra a violencia machista, Feijóo tivo un dos seus principais enfrontamentos non só coa oposición política senón con colectivos sociais a conta dun debate no Parlamento de Galicia no que a líder do BNG, Ana Pontón, estaba a reprocharlle medidas dos seus gobernos como o apoio económico á segregación educativa por sexo en colexios privados ou axudas a colectivos antiabortistas como Red Madre. Ante esas críticas, Feijóo respondeu que “leccións de como protexer as nosas fillas, as nosas mulleres e as nosas nais da violencia machista, ningunha”. Mesmo dixo falar “en nome de todas as mulleres de Galicia” para rexeitar o que consideraba formulacións “dunha minoría”.
Polo medio, en 2018, ante a convocatoria da gran folga feminista daquel ano, o PPdeG, por boca do seu número 2, Miguel Tellado, agora igualmente na dirección do PP estatal, consideraba aquela mobilización “o máis machista que se pode facer” porque ao seu ver non tiña sentido que as mulleres parasen como se as súas reivindicacións fosen “unha guerra de sexos”.
Porén, aquel ano o presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, amosou o seu apoio a aquela folga. Preguntado por esa postura, Feijóo ligouna coas críticas que o popular ourensán recibira nos meses anteriores a raíz do caso, xa daquela arquivado, polo que estivo investigado por acoso sexual. “Supoño que todas as críticas que verteron sobre o señor Baltar nos últimos meses deixarán de vertelas, algún avance pode haber”, comentou Feijóo sobre a cuestión.
A postura -ou posturas variables- de Feijóo ante o feminismo evolucionan agora a querer presentar o PP á cabeza das reivindicacións das mulleres. Faino cuns discursos políticos configurados polo seu equipo máis próximo no que son precisamente mulleres as figuras clave.