A oposición lamenta a lentitude dos avances en igualdade en Galicia e o presidente afea a liorta entre PSOE e Unidas Podemos e que o BNG votase “a favor de que aos delincuentes sexuais se lles sigan rebaixando as penas”, ao que Pontón replicou que a reforma non vai cambiar iso
Que está facendo a Xunta para mellorar a igualdade en Galicia ou se considera o seu presidente que a garantía dos dereitos das mulleres é un eixo prioritario do Goberno galego. Esas foron as preguntas que formularon este mércores, 8-M, a Alfonso Rueda a portavoz do BNG, Ana Pontón, e a viceportavoz do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo no Parlamento de Galicia. A resposta do presidente ás dúas centrouse en traer á Cámara galega o debate que este martes houbo no Congreso dos Deputados a conta da lei de liberdade sexual, no que PSOE e PP votaron a favor da súa reforma e Unidas Podemos e outras formacións como o BNG en contra.
Nas súa intervencións tanto Ana Pontón como Begoña Rodríguez Rumbo salientaron a fenda salarial que aínda sofren as mulleres en Galicia, con máis de 4.000 euros ao ano de diferenza a respecto dos homes. Elas teñen “máis precariedade, máis contratos a tempo parcial”, dixo Pontón, quen lembrou que “os coidados seguen sendo maioritariamente tarefa das mulleres. E na mesma liña pronunciouse Rodríguez Rumbo, quen salientou que o 89% das persoas que pediron excedencias laborais en 2021 foron mulleres.
Ante estes feitos as dúas coincidiron en criticar que a Xunta non está a facer o suficiente dentro das súas competencias, ao que Rueda contestou dicindo que ao PP non se lle poden dar leccións de feminismo e que os orzamentos galegos consignan 202 millóns en políticas de igualdade. Pero niso e pouco máis quedaron as súas explicacións a respecto das actuacións do seu Goberno, xa que a inmensa maioría do tempo das súas réplicas dedicouno o presidente a tentar reproducir no Parlamento de Galicia o debate do Congreso dos Deputados a respecto da lei de liberdade sexual. Só de pasada avanzou a intención do seu Goberno de chegar a un acordo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para crear novos xulgados exclusivos de violencia de xénero.
A viceportavoz socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, salientou que a Xunta ten máis recursos contra a violencia machista grazas ao Goberno de España pero que reduciu os seus fondos propios
Sobre a lei de liberdade sexual Rueda reprochou á portavoz socialista a división entre PSOE e Unidas Podemos a conta da norma, cos primeiros votando a favor da súa reforma co apoio do PP e os segundos en contra. “Ao mellor nós somos menos sectarios e temos menos dogmas”, dixo Rueda, quen na súa fiscalización da oposición tamén introduciu o caso Mediador de presunta corrupción que afecta a un ex-deputado do PSOE. Pola contra, a socialista retrucou que a Xunta ten máis recursos contra a violencia machista grazas ao Goberno de España pero que ao tempo reduciu os seus fondos propios para esa cuestión.
Pola súa banda, aos nacionalistas Rueda acusounos de votar “a favor de que aos delincuentes sexuais se lles sigan rebaixando as penas”, en referencia ao voto en contra do BNG a reformar a lei de liberdade sexual. Ante esa acusación Ana Pontón retrucou que “o que pasou onte no Congreso é lamentable” e lamentou que “coa colaboración do PSOE a dereita pretenda volver ao Código Penal da ‘manada’, que permitiu que cinco energúmenos que violaron unha muller foran non condenados por violación senón só por abuso porque non se resistira o suficiente”. “Repúgnanos que poidan saír antes de tempo da cadea violadores, pero esa reforma non o vai cambiar”, sentenciou Pontón.
Segundo o PPdeG as leis de liberdade sexual e igualdade trans “encamíñanse cara á silenciosa eliminación dos dereitos polos que as mulleres viñeron loitando"
Ademais de centrar a sesión de control ao seu Goberno nun debate xa producido no Congreso dos Deputados, Rueda tamén subscribiu este mércores unha declaración institucional do PPdeG polo 8-M centrada en criticar as leis de liberdade sexual e de igualdade para as persoas trans, que segundo din os populares “encamíñanse cara á silenciosa eliminación dos dereitos polos que as mulleres e toda a sociedade viñeron loitando desde hai máis dun século”.