As cifras da desigualdade de xénero: menos salario, pensións máis baixas e máis violencia por ser muller

Acción reivindicativa sobre a feminización do traballo de coidados nun 8M anterior na Coruña CC-BY-SA MA

Sobran os motivos para mobilizarse no Día da Muller Traballadora e as cifras de toda clase apuntalan esas razóns, tanto no que atinxe á desigualdade na vida laboral, no traballo de coidados e na propia seguridade persoal ante a posibilidade de sufrir violencia de xénero.

As estatísticas apoian as denuncias do movemento feminista. As mulleres perciben salarios menores, sofren máis temporalidade e traballan máis a tempo parcial. E iso débese, en boa medida, a verse obrigadas a cargar coa parte maioritaria do traballo de coidados nos seus fogares

As estatísticas apoian as denuncias do movemento feminista. As mulleres perciben salarios menores, sofren máis temporalidade e traballan máis a tempo parcial. E iso débese, en boa medida, a verse obrigadas a cargar coa parte maioritaria do traballo de coidados nos seus fogares. Os datos do Censo 2021, coñecidos hai uns meses, sinalaban neste senso que no 45% dos fogares galegos as mulleres se encargan da maioría das tarefas domésticas, tres veces máis que os homes

A fenda medra cando hai que coidar a familiares dependentes, sexan nenos ou nenas ou sexan maiores. A consecuencia, no longo prazo, é unha carreira de obstáculos na vida e no traballo, composta por duplas e triplas xornadas laborais e, finalmente, a percepción de pensións de xubilación moi inferiores ás dos homes, debido ás menores bases de cotización e ao menor número de anos en alta laboral.

No ano 2021 o salario medio anual dos traballadores galegos era de 22.818 euros, máis de catro mil euros máis que o das traballadoras (18.580)

“É por ser muller”, titúlase a campaña que hai uns días puxo en marcha a Deputación da Coruña para poñer de manifesto que as mulleres, polo seu sexo, son as que de forma maioritaria realizan "o conxunto de traballos que sosteñen a vida diaria da sociedade: o traballo doméstico, mais tamén os servizos públicos de saúde, de educación, da dependencia, do socio-comunitario, da igualdade ou do acceso á vivenda". "Traballos precarizados ou non remunerados e que constitúen unha das grandes fendas de desigualdade por causa de xénero", destaca o ente provincial.

As mulleres sofren taxas de paro superiores ás dos homes. En Galicia, segundo os datos da EPA a diferenza é de case dous puntos (12% fronte a 10,1%) e no grupo de idade de 50 a 54 anos a taxa de paro feminina (11,9%) é case catro puntos superior á masculina (8,1%)

A fenda salarial entre homes e mulleres mantense case inalterable dende hai dúas décadas. Segundo os datos da Axencia Tributaria, no ano 2021 o salario medio anual dos traballadores galegos era de 22.818 euros, máis de catro mil euros máis que o das traballadoras (18.580). A principal consecuencia destes salarios baixos é o fenómeno das traballadoras pobres: mulleres que a pesar de ter un emprego de forma continuada están por debaixo do limiar da pobreza.

E, ademais, as mulleres sofren taxas de paro superiores ás dos homes. En Galicia, segundo os datos da EPA a diferenza é de case dous puntos (12% fronte a 10,1%), unha fenda que se produce en todos os grupos de idade, pero especialmente entre as persoas máis mozas (de 16 e 19 anos) que buscan un emprego e, de forma máis preocupante nas persoas de máis de 50 anos. No grupo de idade de 50 a 54 anos a taxa de paro feminina (11,9%) é case catro puntos superior á masculina (8,1%).

O 22,5% das traballadoras teñen un contrato a tempo parcial, unha porcentaxe que case multiplica por catro ao dos homes (6,2%)

As diferenzas salariais están motivadas por moitos factores: dende a temporalidade ata as xornadas parciais (maioritariamente femininas), pasando pola terciarización do emprego das mulleres (o 85% das traballadoras pertencen ao sector servizos, o que sofre os salarios máis reducidos). Outro factor importante é o dos complementos ao salario base, dende a produtividade ás horas extra, ás que moitas mulleres deben renunciar pola súa dobre xornada laboral, tendo que ocuparse da maior parte das tarefas domésticas e de coidados. 

A diferenza entre os homes e mulleres no que atinxe á parcialidade é enorme. O 22,5% das traballadoras teñen un contrato a tempo parcial, unha porcentaxe que case multiplica por catro ao dos homes (6,2%). E o máis preocupante é que os datos apenas variaron na última década.

As mulleres sofren tamén unha maior temporalidade que os homes

As mulleres sofren tamén unha maior temporalidade que os homes. No ano 2021 o 27% das asalariadas galegas tiña un contrato temporal, fronte ao 22% dos homes. O efecto da última reforma laboral conseguiu reducir de forma importante a temporalidade, pero aínda así a porcentaxe de mulleres (22,1%) segue a ser moi superior á de homes (16,7%).

Mentres o 22% das mulleres sinala que traballa a tempo parcial porque ten que coidar de familiares dependentes (crianzas ou maiores), a porcentaxe de homes que alude ao mesmo fica no 4,2%

Porén, o máis significativo é observar as diferentes razóns que homes e mulleres aducen para explicar o feito de estaren traballando a tempo parcial. O principal motivo en ambos os dous sexos é a imposibilidade de atopar un traballo a xornada completa, pero mentres o 22% das mulleres sinala que traballa a tempo parcial porque ten que coidar de familiares dependentes (crianzas ou maiores), a porcentaxe de homes que alude ao mesmo fica no 4,2%. En cambio, son moitos máis os homes que traballan a tempo parcial porque están a formarse (10,1%) que as mulleres que din o mesmo (3,5%).

Outros indicadores amosan esa gran diferenza entre o traballo de coidados que realizan homes e mulleres e no efecto inmediato que determinadas decisións teñen sobre a súa vida laboral: ademais de traballar máis a tempo parcial para o coidado de familiares dependentes, tamén as mulleres collen máis excedencias e máis reducións de xornada polo mesmo motivo. E tamén son máis as que, directamente, renuncian a ter un emprego remunerado por este motivo.

O 92% das excedencias para coidado de menores e o 75% das reducións de xornada corresponden a mulleres

O 92% das excedencias laborais para coidado de menores e o 75% das reducións de xornada (datos de 2017) corresponden a mulleres. De igual xeito, o 86% das persoas que non teñen un emprego remunerado para exercer este labor de coidados son mulleres. E o 95% de quen se contenta cun contrato a tempo parcial por este motivo.

A pensión (contributiva) media dos homes galegos supera en máis de 400 euros á das mulleres, 1.258 euros fronte a 825

Os efectos de todo isto déixanse ver no cobro de prestacións de todo tipo e sobre todo nas pensións. Os homes xubílanse con máis anos cotizados e con bases de cotizacións máis elevadas e, en consecuencia, a pensión (contributiva) media dos homes galegos supera en máis de 400 euros á das mulleres, 1.258 euros fronte a 825. É dicir, a pensión media das galegas sitúase case 200 euros por debaixo do nivel do Salario Mínimo Interprofesional.

Os homes xubílanse con máis anos cotizados, unha diferenza que é xa evidente nas persoas de 40 anos

Na actualidade, entre as persoas de máis de 65 anos a diferenza entre os anos cotizados por homes e mulleres é duns 11 anos (35 fronte a 24). Poderíase pensar que esta fenda se está a corrixir nas últimas décadas; porén, esta diferenza comeza a advertirse dende as idades máis novas e, por exemplo, neste momento o número medio de anos cotizados polos traballadores galegos de 40 anos (15) supera en máis de dous ao das traballadoras da mesma idade (12,9).

A violencia

E, por suposto, a violencia. O número de denuncias por violencia de xénero en Galicia non deixa de medrar dende hai anos. Os datos do terceiro trimestre do pasado ano 2022 marcaron un novo máximo dende que hai rexistros, con 1.854 denuncias e, á espera de coñecermos os datos do derradeiro trimestre, é máis que probable que o 2022 sexa o ano con máis denuncias na serie histórica.

O número de denuncias por violencia de xénero en Galicia non deixa de medrar dende hai anos. Os datos do terceiro trimestre do pasado ano 2022 marcaron un novo máximo dende que hai rexistros

Así o indican tamén os datos do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén), posto en marcha en 2007 co obxectivo de levar a cabo un labor preventivo, realizando predicións de risco e emitindo avisos, alertas e alarmas cando se detecte algunha incidencia que poida poñer en perigo a integridade das vítimas (mulleres maltratadas e os seu fillos e fillas).

Nos últimos anos o número de "casos activos" en Galicia non deixou de aumentar e nestes momentos sitúase en 4.296. En algo máis dun terzo (1.570) a Policía non detectou risco, pero si o hai nos case tres mil restantes. Na maior parte este risco é "baixo", pero hai 55 casos con risco "alto" e 675 con risco "medio".

O que tamén está a aumentar nos últimos anos é o número de agresións sexuais denunciadas en Galicia. O número máximo de violacións con penetración (sufridas na súa maioría por mulleres e cometidas por homes) acadou o seu máximo no ano 2019 con 93, aínda que posteriormente o efecto da pandemia de COVID reduciu os datos de 2020 (61) e 2021 (81). O Ministerio de Interior aínda non publicou os datos completos de 2022, pero os datos ata setembro, con 67 violacións, amosan un incremento do 10% con respecto ao mesmo período de 2021. Na última década temén se dispararon o resto de delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.