No 45% dos fogares galegos as mulleres encárganse da maioría das tarefas domésticas, tres veces máis que os homes

CC-BY-NC-SA Liliana Drew

A fenda de xénero no traballo de coidados é unha realidad tanxible e comprobable na experiencia persoal de cada día. Agora o Instituto Nacional de Estatística vén de poñerlle cifras á división sexual do traballo de coidados, constatando que as mulleres o realizan con máis frecuencia e dedícanlle máis horas diarias, tanto no referido á propia organización do fogar en termos xerais, como ao coidado específico de menores de idade ou de persoas adultas que por un ou outro motivo son dependentes.

O 45% das mulleres de máis de 16 anos se encarga da "meirande parte" das tarefas domésticas nos seus fogares; outro 35% comparte este traballo con outras persoas pero aínda así leva a cabo "unha parte importante"

Os indicadores deste traballo estatístico que complementa ao Censo 2021 amosan que en Galicia o 45% das mulleres de máis de 16 anos se encarga da "meirande parte" das tarefas domésticas nos seus fogares; outro 35% comparte este traballo con outras persoas pero aínda así leva a cabo "unha parte importante". En cambio, nos homes, estas porcentaxes caen ata o 15% (tres veces menos) e o 32,6%.

A maior parte dos varóns, un 36%, afirman encargarse só "dunha pequena parte" das tarefas domésticas (13,6% no caso das mulleres) e un 16,4% recoñecen "non participar habitualmente das tarefas domésticas", unha porcentaxe que descende nas mulleres ata o 6,7%.

O 16% dos homes de menos de 40 anos non realiza ningunha tarefa e outro 44% leva a cabo "unha pequena parte"

Hai diferenzas por idade. Si, pero non demasiadas, ou cando menos non no sentido de que os homes máis novos pasen a encargarse dunha parte maioritaria das tarefas domésticas. Así, entre os varóns entre os 16 e os 40 anos só o 10,5% se ocupa da maioría das tarefas, mesmo por debaixo do 15% xeral. A diferenza, neste caso, é que as mulleres novas tampouco se ocupan desta "meirande parte" das tarefas, en por debaixo dos 40 anos a porcentaxe que o fai cae ata o 23,5%.

En todo caso, tamén entre as persoas máis novas, a fenda de xénero segue a ser moi ampla, sobre todo se ollamos para aquelas que din ocuparse "dunha parte importante" aínda que de forma compartida con outras persoas: 41% no caso das mulleres e 29% no dos homes. O 16% dos varóns de menos de 40 anos non realiza ningunha tarefa e outro 44% leva a cabo "unha pequena parte".

Nos grupos de idade seguinte os homes realizan máis tarefas, pero tamén as mulleres. Entre os 40 e os 59 anos o 53% das mulleres levan a cabo "a meirande parte", fronte ao 18% dos homes.

O 51% das mulleres que viven en parella e sen fillos no fogar se encargan "da meirande parte" das tarefas, fronte ao 5% dos homes. E o 46% das mulleres que viven en parella e con fillos no fogar fan o propio, fronte ao 4% dos homes. 

Unha diferenza maior que pola idade atopámola no tipo de fogar en que vive cada persoa. As persoas que viven soas, sexan homes ou mulleres, teñen que responsabilizarse da maior parte das tarefas domésticas e neste caso apenas hai diferenzas por sexo. Tampouco hai grandes diferenzas no caso das familias monoparentais, nas que só un dos proxenitores se encarga do coidado de fillos e fillas. As mulleres adoptan unha maior reponsabilidade de cara ao traballo de coidados, pero con escasa marxe sobre os homes nesa situación (que en todo caso representan unha porcentaxe moi cativa, pois a maioría das familias monoparentais dependen dunha muller).

O 17% dos homes que viven en parella e sen fillos recoñecen non ocuparse de ningunha tarefa e tamén o 13% dos homes que viven en parella e con fillos

Si hai grandes diferenzas nas situacións de vida en parella home-muller nas que, en principio, as tarefas deberían repartirse equitativamente. Así, o 51% das mulleres que viven en parella e sen fillos no fogar se encargan "da meirande parte" das tarefas, fronte ao 5% dos homes. E o 46% das mulleres que viven en parella e con fillos no fogar fan o propio, fronte ao 4% dos homes. 

É máis: o 17% dos homes que viven en parella e sen fillos recoñecen non ocuparse de ningunha tarefa (o 2% no caso das mulleres) e tamén o 13% dos homes que viven en parella e con fillos (1% as mulleres). O 36% dos homes que viven en parella sen fillos e o 38% dos que viven en parella con fillos din ocuparse "dunha pequena parte".

O 27% das mulleres encárganse da "maior parte" do coidado dos menores, fronte ao 5% de homes

O mesmo sucede á hora de preguntar polo coidado específico de adultos dependentes ou de menores que viven na mesma vivenda. O 27% das mulleres nestas situacións encárganse da meirande parte dos coidados, fronte ao 5% dos homes.

Ademais, as mulleres dedíncalle a estes coidados máis tempo. O número de mulleres galegas que dedica máis de 6 horas diarias ao coidado de menores ou adultos dependentes no fogar (máis de 104 mil) duplica amplamente ao de homes que dedica ese mesmo tempo (45 mil).

As mulleres tamén se ocupan en maior medida dos coidados de persoas dependentes que viven noutras vivendas

Finalmente, cómpre destacar que o traballo de coidados se estende tamén fóra do fogar, especialmente o relativo á atención a adultos dependentes que viven noutra vivenda. Neste caso, de novo son as mulleres as que se responsabilizan dunha parte máis importante do traballo. Hai diferenzas tanto cando a persoa dependente é discapacitada (este colectivo é atendido por 15 mil mulleres e por 11 mil homes) ou é menor de idade (o seu coidado ocupa a 70 mil mulleres e a 58 mil homes). 

Pero as diferenzas son aínda maiores se falamos de persoas con enfermidades crónicas (31 mil mulleres e 19 mil homes) e as persoas maiores de 70 anos que necesitan atención (29 mil mulleres e 18 mil homes)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.