Vén de publicarse en galego o libro de Bel Olid como unha introdución ao pensamento feminista que analiza e desmonta as expectativas que ten a sociedade sobre a xente clasificada como home ou como muller
“Cando neste libro se fala de mulleres e de homes, non se fala do seu sexo biolóxico, nin sequera da súa maneira de expresar o seu xénero, porque sabemos que as posibilidades son moitas máis de dúas. Falamos do conxunto de expectativas que ten a sociedade sobre a xente clasificada como home ou como muller, e das normas que se aplican a cada grupo”. Con palabras coma estas comeza o ensaio Feminismo de peto. Kit de supervivencia, de Bel Olid, cuxa tradución ao galego vén de publicar edicións embora como unha introdución ao pensamento feminista.
Dinnos “é un meniño” ou “é unha meniña” e de golpe o mundo divídese en dúas posibilidades e acabou: rosa e azul, letras e ciencias, poder e beleza, explica a autora. De feito, experimentos feitos con bebés vestidos de rosa e de azul demostraron que aos bebés vestidos de rosa se lles atribuían calidades “femininas” e aos vestidos de azul calidades “masculinas”. A cultura condiciónanos tanto, engade, que non sabemos que características compartimos “de maneira natural” unha maioría bastante ampla de persoas con cromosomas XX e XY, polo que quedou demostrado que Simone de Beauvoir tiña razón cando dicía que unha muller non nace, senón que se fai.
Cando nacemos, indica, míranse os órganos sexuais externos e, se non hai nada fóra do habitual, asígnasenos un sexo home ou muller. Pero hai persoas con cromosomas XXY, con cromosomas XY que non segregan testosterona de abondo e entón teñen órganos sexuais externos semellantes aos da maioría de persoas con cromosomas XX e persoas con cromosomas XX que segregan máis testoterona do habitual e teñen características secundarias similares ás da maioría de persoas XY, ademais de outras variacións. Por iso milleiros de persoas no mundo sofren operacións antes da idade do consentimento para poder adecualas a un dos polos do binarismo de xénero.
Ás persoas ás que se lles asigna o sexo muller non se lles ensina, entre outras cousas, subliña a autora, a defenderse senón a responsabilizarse de evitar seren agredidas
Ás persoas ás que se lles asigna o sexo muller non se lles ensina, entre outras cousas, subliña a autora, a defenderse senón a responsabilizarse de evitar seren agredidas. Dicíanlle, lembra, “que marchase de onde houbese conflito ou, peor aínda, que aturase a agresión e a asumise como natural”. De feito, “quen se supuña que me debía protexer censurábame se non era amable dabondo, submisa dabondo, simpática dabondo”. A narrativa da rapaza boa e ben educada que nunca pode recurrer á violencia, asegura, “fainos aturar a aceptar como normais agresións que, cometidas contra homes, son inaceptables. E ao contrario, fainos reprimir respostas que, ofrecidas por homes, son consideradas totalmente normais”.
Os homes non están afeitos a que os traten como obxectos e, interpelados sexualmente no espazo público por outros homes, a miúdo reaccionan con violencia, tamén para protexer a súa “masculinidade”. Mais cando unha muller responde a unha agresión, reflexiona a autora, subverte a orde establecida, polo que é sancionada dalgún xeito, como chamala a “tranquilizarse” para que quede calada. Outra das respostas habituais é o “non todos os homes son iguais. E é certo, admite a autora, que hai homes que se esforzan por deconstruír o modelo de masculinidade imperante, pero son a excepción. Polo que dicir “non todos os homes son iguais” adoita ser unha maneira de negar a discriminación, pois o que un home se basee na súa experiencia propia para afirmar iso non quita as discriminacións estruturais, que ademais están estatisticamente demostradas, como os datos sobre corresponsabilidade no fogar.
Os homes cometen o 98 por cento dos delitos en Europa, polo que a idea de que as mulleres tamén son violentas pero exercen a violencia de xeito diferente ou mesmo “peor” é perversa
Outra reacción é salientar que os homes tamén sofren discriminacións polo feito de ser homes ou que sofren as mesmas discriminacións que as mulleres. E é certo que os homes sofren discriminacións, pero non do mesmo tipo. Unha muller branca e rica nun país europeo vive mellor que un home pobre e negro no mesmo país. E a algúns homes tamén os violan, mais tanto a homes como a mulleres viólanos maiormente homes. Os homes cometen o 98 por cento dos delitos en Europa. Polo que a idea de que as mulleres tamén son violentas pero exercen a violencia de xeito diferente ou mesmo “peor” é perversa. Outro comentario habitual é que as mulleres “son peores” que os homes. A autora responde a isto que o machismo non se sostería se a metade da poboación non reproducise tamén o machismo, mais un home machista goza duns privilexios por ser home a unha muller machista contribúe á súa propia opresión, e ademais non todo o mundo se pode permitir o luxo da deconstrución.
As mulleres debemos deixar de ter medo a sinalar as desigualdades e os homes deben deixar de tomalo como unha ofensa persoal, ademais de tratar de ser conscientes dos seus privilexios de xénero
Cando se denuncia o machismo, explica, non se está a atacar un home en particular nin aos homes en xeral. Estase a criticar a normalización das actitudes e comportamentos machistas. Mais as mulleres debemos deixar de ter medo a sinalar as desigualdades e os homes deben deixar de tomalo como unha ofensa persoal, ademais de tratar de seren conscientes dos seus privilexios de xénero. Os homes teñen moito que gañar co feminismo, en realidade, polo que deben acompañar a loita feminista, mais sen liderala, explica a autora. E para abolir os privilexios parte dos homes van ter que ceder posicións que non lles correspondían. Se se pide que as mulleres teñan máis voz nos medios públicos, por exemplo, o que se está a solicitar é a corrección dun exceso histórico de representación dos homes.
Os corpos violados e considerados violables adoitan ser, por outra banda, os das mulleres. A maioría das violacións non se denuncian, pois só se tende a facer cando o violador é un descoñecido, feito que acontece arredor dun 20% dos casos. Ademais, a muller que denuncia é cuestionada e atacada con preguntas como se a muller violada xuntou as pernas, porque non se cuestiona o dereito do violador a separarllas. Porque se considera que, salvo que a muller se opoña con violencia, consente a relación sexual. “Que clase de bestas somos” -pregunta a autora- “para asumirmos que se pode ter unha relación sexual sen mirar a outra persoa aos ollos, sen notar como lle responde o corpo, sen estar totalmente certos de que se comparte o pracer?”. Tampouco se fala, engade, das mulleres que conseguiron zafarse dunha violación utilizando diferentes estratexias de defensa como mirar aos ollos ao agresor demostrando que non se ten medo
“Afirmar que non te sentiches nunca discriminada como muller significa que tes moita tolerancia á opresión e que naturalizaches as agresións habituais, non que non te discriminen”
Que haxa mulleres que din que nunca se sentiron discriminadas como mulleres é outra frase, segundo a autora, que demostra a eficacia do adoutrinamento. Pois aínda admitindo que algunha vez quizais as tocaron sen o seu consentimento ou as trataron de parvas no traballo, consideran que iso se debe a que deron con idiotas. Os homes cometen o 98% dos delitos violentos. As vítimas son homes e mulleres, pero de delitos diferentes. Viólannos moito máis ás mulleres e matan máis aos homes, pero ás mulleres mátanas homes do seu círculo familiar e social e aos homes mátanos descoñecidos. Iso sen contar as agresións que non se denuncian, que son a maioría. “Afirmar que non te sentiches nunca discriminada como muller significa que tes moita tolerancia á opresión e que naturalizaches as agresións habituais, non que non te discriminen”, resume a autora.
“A verdadeira revolución ao respecto, afirma a autora, non é aceptar que tamén es bela ao teu xeito, senón aceptarte como es aínda sendo fea”
Aos homes, ademais, convenlles que non nos sintamos discriminadas para poder seguir a desfrutar dos seus privilexios. Por outra banda, adoitan non sentirse discriminadas as mulleres que poden pagar a outras mulleres para liberarse das tarefas domésticas, as que tiveron a oportunidade de realizar estudos superiores ou as que teñen contactos que lles facilitan postos de traballo máis favorables. Pois a opresión é maior nas mulleres de rendas máis baixas. Porque a carga da limpeza e a atención a criaturas e enfermos espérase que a asuman mulleres pobres que tamén teñen que cargar co traballo da súa propia casa. As mulleres que se declaran feministas, en cambio, adoitan ser tratadas de antipáticas, frustradas, amargadas ou rabiosas, polo que mostrar conciencia ten un prezo nun contexto no que se considera que a principal calidade da muller é a beleza. A verdadeira revolución ao respecto, afirma a autora, non é aceptar que tamén es bela ao teu xeito, senón aceptarte como es aínda sendo fea.
A familia tradicional é, por outra banda, un dos espazos principais de discriminación da muller. Segundo datos do Panell de Famílias e d’Infancia, as mulleres dedican unha media de vinte e tres horas semanais ás tarefas domésticas, mentres que os homes só dedican sete con seis. As nais céntranse máis nas labores do día a día e os homes nas tarefas que non esixen traballo diario, como as reparacións no lar. O maior fito feminista ao respecto da familia foi conquistar o dereito a decidir ser nais ou non.
Pero en grande parte do mundo non hai acceso a anticonceptivos e mesmo se os hai a presión por ter fillos é brutal. E mesmo as mulleres que teñen acceso á contraconcepción e ao aborto non se libran da mistica da maternidade como inherente á feminidade. A maternidade é idealizada, sen falar da realidade do posparto ou das dificultades para organizar a vida en familia. Tamén a desigualdade económica empurra as mulleres a vivir en parella: a fenda salarial e a maior precariedade. Así, o dereito a casar e crear unha familia acaba sendo moitas veces unha obriga, sen deixar espazo para outros modelos de convivencia ou para relacións poliamorosas.
“Segundo un informe da ONU, a principal causa de morte das mulleres entre 15 e 44 anos no mundo é o asasinato por parte da parella ou ex-parella”
A mitoloxía do amor romántico reforza tamén o matrimonio tradicional e monógamo. O amor auténtico, dise, é predestinado, exclusivo, todopoderoso e é o máis importante da vida. Mais, segundo un informe da ONU, a principal causa de morte das mulleres entre 15 e 44 anos no mundo é o asasinato por parte da parella ou ex-parella. Ademais, como a parella se considera o máis importante, a tendencia a cortar conexión coas amigas tamén expón máis as mulleres aos malos tratos. E a primeira labazada non adoita ser física, senón o illamento social da vítima e súa culpabilización, destruíndolle a súa autoestima.
A propia rúa está, por outra banda, deseñada máis para os homes que para as mulleres. As cidades non están pensadas para a crianza. A iluminación das rúas non se considera unha prioridade. Os códigos sobre que roupa levar son sexistas. Como o son as “churruscadas”, é dicir, os comentarios non solicitados sobre o corpo das mulleres. Comentarios que agardan que a muller cale e siga para adiante, pois non son intentos de achegamento con respecto para iniciar unha conversa, senón mostras de masculinidade e de dominio. Nun contexto no que se xustifica tamén que as mulleres son sexan escoitadas sobre os seus desexos, senón “convencidas”.
Mesmo a idea de “consentir”, explica, debería ser revisada, pois trátase de ter igual desexo e non de ceder
Se a persoa non te mira, explica a autora, se responde con monosílabos, se non che quere dar o seu contacto, se mira para outro lado ao falarche ou cada vez sorrí menos, se che di que se cadra outro día, ou se non che contesta as mensaxes ou te bloquea, significa que non. E se aínda quedan dúbidas, hai un moi bo vídeo, recomenda a autora [sobre estas liñas], que compara esta situación co convite a un té. Mesmo a idea de “consentir”, explica, debería ser revisada, pois trátase de ter igual desexo e non de ceder.
A propia escola tamén reproduce modelos androcéntricos, silenciando a mulleres que fixeron cousas importantes. Do mesmo xeito que os medios, que os expertos son case todos homes. Unha idea moi popular e moi falsa, di a autora, é a de que as feministas queren substituír homes válidos por mulleres mediocres. Porque se dá por suposto que os homes son máis dignos de opinar e as mulleres mediocres. En realidade, bo número de homes mediocres presentes polos seus privilexios nos medios e noutros espazos poderían ser substituídos por mulleres. As mulleres adoitan estar expulsadas dos postos máis visibles de poder. E cando os ocupan fanlles preguntas sobre conciliación coa vida familiar que non se formulan aos homes, son moito máis xulgadas polo seu aspecto e criticadas por amosar atributos do liderado tradicional masculino como a firmeza e a asertividade. As nenas seguen aprendendo que os traballos que lles corresponden son os relacionados cos coidados. Mais avanzouse moito, e polo menos as mulleres son máis conscientes do seu dereito á igualdade.