O marco viña trazado dende hai semanas dende parte do espectro partidario e mediático. O 8M deste 2023 ía ser un fracaso por mor das tensións entre o PSOE e Unidas Podemos no seo do Goberno de España a conta da reforma da lei de liberdade sexual e mais polas diverxencias a respecto da nova lei trans tanto entre parte destas forzas políticas como nalgunhas organizacións feministas.
Unha trintena de mobilizacións feministas foron secundadas por milleiros de persoas en cidades e vilas galegas
No entanto, o Día Internacional das Mulleres non se acomodou a eses agoiros. Cando menos en Galicia -tamén en moitas outras partes do Estado, máis aínda en diversos lugares do mundo- o feminismo volveu amosar as súa fortaleza alén das conxunturas. Fíxoo na trintena de mobilizacións secundadas por milleiros de persoas que percorreron cidades e vilas no serán deste mércores, pero tamén protagonizando con claridade a axenda política e social da xornada, dende o Parlamento aos centros educativos, os movementos sociais e os medios de comunicación.
Todos os niveis de goberno, dende os concellos e deputacións á Xunta e as delegacións do Goberno de España en Galicia, desenvolveron este 8M actos institucionais centrados na importancia da igualdade entre mulleres e homes. En boa parte deles tiveron protagonismo especial as nenas e nenos -caso da recepción da alcaldesa da Coruña- e a mocidade. Tamén mulleres que destacan nos seus eidos profesionais, como sucedeu en Lugo, cos recoñecementos do Concello a media ducia de veciñas con dilatadas traxectorias en sectores diversos.
A esixencia de máis e mellores servizos públicos "para mellorar a vida das mulleres", no que se centrou o manifesto da Marcha Mundial das Mulleres, ecoou en moitas destas mobilizacións
Xa pola tarde, as concentracións e manifestacións convocadas polos movementos feministas foron moito máis concorridas do que cabería agardar atendendo aos devanditos relatos. Sen unha convocatoria xeral de folga feminista como no histórico 8M de 2018, con máis bloques diferenciados que noutras ocasións nalgunhas localidades -ao fío das devanditas diverxencias- e mesmo con algunhas cidades con dúas convocatorias distintas, o serán tinguiuse de lila feminista nas sete urbes e en máis dunha vintena de localidades de menor dimensión.
En boa parte destas convocatorias ecoou o manifesto elaborado para este 8M pola Marcha Mundial das Mulleres, centrado na esixencia de máis e mellores servizos públicos "para mellorar a vida das mulleres", toda vez que "como resultado das últimas crises, fica desaparecido o suposto papel do sistema público de servizos sociais", argumentan. Un incremento das axudas á poboación con rendas máis baixas, o reforzo da sanidade ou da educación públicas estiveron na cerna das demandas, así como o sistema público de coidados á terceira idade.
O manifesto da Marcha e boa parte das consignas destas mobilizacións puxeron tamén o foco na violencia machista "que non cesa". "É a violencia contra as mulleres e nenas nas cidades, vilas e aldeas do país, a violencia contra a poboación LGBT", especifica o manifesto, xa que "vivimos agresións físicas, acoso sexual no traballo, somos asasinadas" e "a causa desta violencia é a desigualdade e o machismo".
Os movementos feministas galegos, como noutros outros moitos lugares, volveron amosar a súa fortaleza e pervivencia alén da axenda mediática ou partidaria
Liberdade para decidir sobre os propios corpos e blindaxe dos dereitos sexuais e reprodutivos. Tamén protección social para todos os momentos da vida das mulleres culminaban unha táboa reivindicativa das manifestacións que, outra volta, volveron ser interxeracionais.
Dende grupos de mozas a familias enteiras, dende mulleres e avanzada idade ata nenas e nenos con carteis elaborados na casa. Dende as principais organizacións políticas do espectro da esquerda (BNG e PSdeG estiveron presentes con amplas comitivas, así como Unidas Podemos, mareas locais e outras formacións) a colectivos veciñais ou sectoriais. Os movementos feministas galegos, como noutros outros moitos lugares, volveron amosar a súa fortaleza e pervivencia.