“Supoño que todas as críticas que verteron sobre o señor Baltar nos últimos meses deixarán de vertelas, algún avance pode haber”. Así respondeu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este xoves ao ser preguntado que opinión ten de que o presidente da Deputación e dos populares de Ourense, José Manuel Baltar, apoie a folga feminista do 8 de marzo que o PP rexeita. O propio Feijóo vinculou así o apoio de Baltar á folga coas críticas que recibiu da oposición nos últimos meses a raíz do caso, xa arquivado, polo que estivo investigado por acoso sexual.
O presidente da Xunta mantense na súa postura contraria a apoiar os paros e remite a responsabilidade de facelo en Ourense ao “presidente da Deputación ou o grupo popular”
Como fixo este mércores no Parlamento de Galicia, Feijóo volveu amosar o seu “respecto” polo “dereito individual e voluntario” de secundar a folga, incidindo en que “individualmente cada un debe facer o que considere oportuno”. O presidente galego volveu lembrar algunhas das medidas do seu Goberno en favor da conciliación e contra as “distorsións evidentes que se producen no ámbito laboral e social das mulleres” pero restou importancia á folga salientando que el mesmo está a disposición de calquera que teña constancia da ilegalidade de que unha muller estea a cobrar menos por desempeñar o mesmo traballo que un home.
Sobre a decisión do PP de Ourense de apoiar de xeito expreso a folga, en contra do defendido polo resto da formación en toda España, Feijóo limitouse a constatar, minimizando a relevancia da protesta, que “hai un acordo entre os grupos da Deputación de apoiar que as persoas que o consideren oportuno poidan facer unha xornada que non sabemos se é un paro, unha folga ou un paro parcial”. Foi cando se lle repreguntou se lle parece ben o apoio de Baltar a esa folga cando Feijóo respondeu que “é unha cuestión que lle corresponde ao presidente da deputación ou ao grupo popular na deputación” e ao resto dos grupos da oposición, dos que engadiu para rematar a súa intervención: “Supoño que todas as críticas que verteron sobre o señor Baltar nos últimos meses deixarán de vertelas, algún avance pode haber”.