A manifestación unitaria do feminismo galego terá lugar este ano en Vigo o domingo 4 de marzo. A marcha unitaria decentralízase por primeira vez fóra de Compostela e nos vindeiros anos querese que teña un carácter rotatorio polas distintas cidades de Galicia, co obxectivo de "fortalecer redes entre as mulleres do país e apoiar e amosar a forza do movemento feminista noutros lugares". A mobilización, que incluirá concertos e un recital poético, ervirá para difundir a folga xeral de mulleres convocada para o xoves 8 de marzo.
A marcha unitaria decentralízase por primeira vez fóra de Compostela e nos vindeiros anos quérese que teña un carácter rotatorio polas distintas cidades do país, co obxectivo de "fortalecer redes entre e apoiar e amosar a forza do movemento feminista noutros lugares"
O percorrido arrincará ás 12 horas dende a Vía Norte (esquina con Urzaiz) e rematará coa lectura do manifesto na Praza do Berbés. Neste lugar está previsto un xantar, un recital poético a cargo de Lupita Hard, Nuria Vil, Elvira Riveiro, Silvia Penas e Marta da Costa, co acompañamento de DJ Señora, e a continuación as actuacións musicais de Su Garrido, As Punkiereteiras e As Ghatas Salvaxes. Tamén haberá un espazo para as crianzas.
A organización da manifestación está traballando para poñer a disposición de todas as persoas que queiran achegarse a Vigo o 4 de marzo varios autobuses en cada provincia, de ida e volta, que serán gratuítos ou a un prezo simbólico. O obxectivo é facilitar que o maior número posible de persoas poida vir sen ter que poñer os seus propios recursos, minimizando tamén a pegada ambiental. Polo de agora, hai previstas máis de 10 rutas con paradas intermedias. A reserva de prazas está aberta ata o martes 27 de febreiro e realízase a través do formulario de transporte que se atopa no blog oficial da manifestación.
A marcha terá lugar catro días antes da histórica folga xeral de mulleres convocadas para o 8 de marzo. A folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo busca denunciar todas as desigualdades que prexudican as mulleres no terreo laboral, social, familiar ou educativos e tamén elevar a voz contra todas as violencias machistas. Tamén se busca "reflexionar colectivamente sobre que poden facer os homes para mudar esta situación tan inxusta, ante a que todos xa deberían mostrarse en contra, e que non pode limitarse a un único día, senón que o cambio debe continuar máis aló do 8 de marzo", sinala a Plataforma Feminista Galega.
A Plataforma lembra que "todas as mulleres que secunden a Folga Xeral Feminista de 24 horas terán cobertura legal para exercer este dereito xa que conta con cobertura legal"
A Plataforma lembra que "todas as mulleres que secunden a Folga Xeral Feminista de 24 horas terán cobertura legal para exercer este dereito xa que conta con cobertura legal" tras ser apoiada a nivel estatal polos sindicatos CGT, CNT e a Confederación Intersindical. En Galicia CUT, SLG e SF Intersindical convocan tamén folga feminista de 24 horas e CIG, UXT e CCOO convocan paros de dúas horas por quenda. A entidade puxo en marcha unha web específica na que se pode atopar o argumentario e as principais liñas reivindicativas desenvolvidas polas asembleas feministas que organizan a folga así como materiais para a súa divulgación.