Un documento medieval menciona o Mosteiro de San Martiño de Piñeira, actualmente sen localizar. Sería un dos mosteiros máis antigos da Ribeira Sacra, un dos que conformou esta comarca, marcada pola súa riqueza natural e monumental. Agora un equipo de arqueólogos dirixido por Xurxo Ayán está a escavar o lugar de Os Conventos no Val do Frade, en Vilachá (A Pobra do Brollón), un punto sobre o que hai varios indicios que sinalan que poderían estar os restos do devandito mosteiro.
Un documento medieval menciona o Mosteiro de San Martiño de Piñeira, actualmente sen localizar
A campaña enmárcase no proxecto Adegas da Memoria, impulsado pola Asociación de Veciños de Vilachá e o Concello da Pobra do Brollón co obxectivo de dinamizar esta parroquia, poñendo no centro aos veciños da zona.
Os veciños de Vilachá sempre falaron dun antigo convento no Val do Frade e dos grandes muros que se aprecian no lugar. Ademais, o documento medieval que menciona o Mosteiro de San Martiño ten indicacións que tamén apuntan ao lugar de Os Conventos.
"Os muros e estruturas de pedra que se ven en superficie no lugar son un indicio dunha construción estraña, que non se parece aos muros das terrazas vinícolas da contorna"
O director arqueolóxico da escavación, Xurxo Ayán, explica que "os muros e estruturas de pedra que se ven en superficie no lugar de Os Conventos xa son un indicio dunha construción estraña, que non se parece aos muros das terrazas vinícolas da contorna". Nesa zona aprécianse unha serie de cubículos de finalidade descoñecida de muros de ata dous metros de alto. "A simple vista parece que existiu un edificio bastante monumental que posteriormente foi reaproveitado para a construción de pataos e traballos vitivinícolas en xeral”, engade Ayán.
Outro indicio interesante, explica, é unha pedra de pesa de lagar que os veciños atoparon nas inmediacións dos Conventos e que foi levada ao centro da aldea de Vilachá. "Esta pedra é unha pista de que nalgún momento neste lugar elaborouse viño, posiblemente antes da construción do conxunto de adegas tradicionais de Vilachá", indica.
Toda a campaña arqueolóxica está a ser gravada para a segunda tempada do proxecto Adegas da Memoria, que se estrea esta semana. Serán tres episodios nos que os espectadores poderán seguir en liña todo o proceso de investigación.
O primeiro episodio lanzarase este xoves dentro do I Ciclo de Vilacharlas. A cita é na Adega de Luis (A Abelaira, Vilachá) ás 19 horas. Tras a proxección do episodio falará Josu Santamarina sobre a súa experiencia na arqueoloxía da guerra civil en País Vasco.