Unha ducia de citas imprescindibles no Carballo Interplay
A vindeira semana, entre o mércores 8 e o sábado 11, Carballo acolle a oitava edición do festival Interplay de contidos dixitais. Como todos os anos, haberá unha coidada selección de webseries chegadas de todo o mundo, e tamén debates, presentacións e obradoiros ao redor da creación de produtos para a rede e as audiencias máis novas. Repasamos aquí algunhas das citas imprescindibles no festival.
-
01
Sección Oficial
23 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial. Hai propostas de Arxentina, Chile, Ecuador, Canadá, Estados Unidos, Australia, Alemania e Israel, ademais de Galicia e do resto de España. A categoría de Versión orixinal en galego inclúe cinco títulos: Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e Dúo Vaguedades
-
02
Os e as 'masters' da Internet en Galicia
O Interplay reune aos "Masters da internet" de Galicia no "primeiro encontro transversal da creación galega online", que reunirá creadoras e creadores de series web do pasado, do presente e do futuro, de podcasts, de Youtube, de Tik Tok, de Twitter e de Twitch. Participarán Olaxonmario, Nee Barros, Isaac González, Samuel L. París, Jon Amil, Agos Reigosa, entre outros e outras.
-
03
O humor máis activista e disidente da Internet
O Interplay emprestará unha grande atención a propostas que se apoian no humor para abordar asuntos como as relacións de parella, a saúde mental, a loita contra o machismo ou polos dereitos do colectivo LGTBI.
Por Carballo pasarán Carolina Iglesias, Victoria Martín, Henar Álvarez, Perra de Satán, Esnórquel, Lorena Iglesias e David Pareja, entre outras. Tamén estarán as humoristas gráficas Monstruo Espagueti, Roberta Vázquez e La Prados e colectivos que traballan contidos sociais e políticos como Cuellilargo, Proyecto Una ou Ontologías Feministas
-
04
A Internet de mudar as cousas
Internet parece un espazo onde agroman os comportamentos tóxicos. Como se combaten os discursos de odio? Cales son as claves para xerar espazos de seguridade? O Carballo Interplay falará sobre Activismo na rede con Pol Andiñach, con Laura Tabarés, membro do colectivo de produción cultural especializado en virtualidade e programas educativos con perspectiva feminista Ontologías Feministas; e con parte da colectividade millennial Proyecto UNA, que investigan sobre as guerras culturais de poder nos medios, Internet e a realidade analóxica.
-
05
Obradoiro Kamikaze
Hai uns días o Obradoiro Kamikaze deu o pistoletazo de saída ao Carballo Interplay 2021. A praia de Baldaio e as rúas de Carballo acolleron a gravación dunha serie post-apocalíptica, cuxas primeiras imaxes poderán verse o próximo mércores, día 8, na estrea mundial dos dous "Dinosaurios" ideados por unha ducia de estudantes e de profesionais do sector audiovisual galego
-
06
Zona Pro: Portugal, país convidado
O venres 10 o Carballo Interplay recupera programación profesional con Portugal como país convidado. Ao longo de toda a xornada, haberá presentacións e debates e establecerase un punto de encontro para que creadoras/es, empresas produtoras e plataformas de Galicia, de España e de Portugal contacten e intercambien ideas para posibles proxectos e colaboracións futuras.
-
07
Estrea de Cacola
Despois de gañar o premio ao proxecto de serie en galego da pasada edición do festival, David Fidalgo Omil volve ao Carballo Interplay para amosar os tres primeiros capítulos de Cacola
-
08
Pitching no Carballo Interplay
Todos os anos o Interplay dá unha oportunidade a catro proxectos de webserie, cuxas creadoras e creadores teñen 10 minutos para defender a súa proposta perante un xurado. A serie gañadora estrearase na vindeira edición do Festival
-
09
Café con creadoras
O xa habitual café con CREA reunirá a creadoras e creadores de proxectos fundamentais no panorama das series web en Galicia, dende Sonia Méndez e Irene Pin a Javi Camino, Óscar Cruz ou Lucía Estévez
-
10
"Ven polo chascarrillo, queda polos traumas"
O sábado pola mañá será a quenda de Esnórquel e Perra de Satán, que no seu podcast Puedo hablar! analizan co seu particular humor e sen censura temas importantes ou intranscendentes
-
11
E moitas máis actividades
Dende Código Fonte Audiovisual, un formato híbrido entre conferencia e proxección ata unha conversa sobre Humor, precariedade xeracional e ilustración ou a Pochosfera de David Pareja e Lorena Iglesias, moitas máis actividades que farán de Carballo a capital dos contidos dixitais a vindeira semana.
-
12
Gala de clausura
O sábado ás 21 horas o Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá a gala de clausura na que se realizará á lectura do Palmarés e a posterior entrega de premios. Será conducida por Fernando Epelde e incluírá o concerto en directo de Rebel Garden.