O Festaclown volve a Vilagarcía con "risas para resistir"

Presentación do Festaclown 2021, este 5 de xullo en Vilagarcía © Festaclown

"Non sabemos se a risa é a mellor medicina, pero sen dúbida demostrou ser imprescindible para resistir". Quen fala é Nacho Fungueiriño, coordinador do Festaclown, o certame que do 16 ao 21 de agosto regresa a Vilagarcía coa vontade de convertir a localidade na "capital galega do clown", mais tamén de axudar a través do humor a sobrelevar o segundo verán de pandemia.

"Que volvan o clown, o circo e a cultura é agora máis necesario que nunca"

"Tras máis dun ano marcado pola COVID, que volvan o clown, o circo e a cultura é agora máis necesario que nunca", coida Fungueiriño, que este 5 de agosto presentou a programación completa xunto ao alcalde vilagarcián, Alberto Varela, a edil de Cultura do goberno local, Sonia Outón, e mais o director da Agadic, Jacobo Sutil. Todo, co petisco das acrobacias da artista Sue Moreno.

Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei, nunha imaxe de arquivo © ene-A fotógrafos

Aínda que a programación oficial do Festaclown 2021 comeza o 16 de agosto, catro días antes haberá unha actividade previa moi especial. Fran Rei e Pedro Brandariz ofrecerán unha escolma dos seus vinte anos de traballo no clown (21:30, Salón García). O día 13, o grupo de teatro Clámide celebrará as súas catro décadas de historia sobe as táboas coa súa particular versión d'O enfermo imaxinario (21:30, Salón García).

"As protagonistas serán as mellores compañías galegas"

Xa o día 16, Troula e Somdolilá abrirán polas rúas de Vilagarcía unha programación do Festaclown na que "as protagonistas serán as mellores compañías galegas", destaca a organización. Pedras de Cartón, Circo Chosco, Dani García, A Vela Circo, Sue Moreno ou Assircópatas estarán en Vilagarcía xunto a compañías e artistas foráneos como  Tchyminigagua, Bergamotto Clown, Mayte Guevara, Rudi Dudi ou Eddy Eighty. 

Subliña a organización do Festaclown que, un ano máis, o "compromiso social segue sendo signo distintivo" do certame. Pallasos en Rebeldía, co ChekPoint Clown. Tamén cos espectáculos de Larraitz Urruzola e Xarope Tulú, que levan o humor ao terreo da igualdade. O programa completo xa se pode consultar no sitio web do Festaclown.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.