Fran Rei, pallaso por excelencia (ata nas entrevistas) é o coordinador da compañía oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown 2.0 Multisede) que asentará na súa 12ª edición na cidade de Lugo entre o 3 e o 7 de xullo. O lugués é un dos fundadores deste festival galego co que participou nun total de dez espectáculos dende o ano 2001 ademais de traballar para compañías de teatro galegas como Bagunça Teatro, Produccións Desaqueloutras e Acontrabutaca. Por se non fose pouco, tamén é membro fundador da organización galega de cooperación internacional a través das artes, Pallasos en Rebeldía, entidade coa que participou en diversas caravanas de pallasos en lugares como as comunidades indíxenas de Chiapas, México ou en Palestina.
Cando xorde a idea de formar unha compañía?
Como sede única nace no ano 2001 e a idea xorde do Festiclown, do festival internacional de Galicia, iniciativa de Ivan Prado, o director. No resto do Estado estaban nacendo varias compañías e os artistas galegos tiñan que sair fóra de Galicia a formarse nesta disciplina. Fixéronse unha serie de cursos de iniciación e perfeccionamento impartidos pola compañía Good Idea e promovidos e organizados polo Festival Internacional de Clown de Galicia. O resultado foi tan satisfactorio que naceu a idea de facer unha compañía. Aí nacía Os 7 Magníficos máis Un xa que nos inicios eran tan só 8 persoas.
Tivestes moitos apoios?
Si, digamos que como non nos gustan os problemas soubemos rodearnos sempre de gobernos progresistas que entendían a nosa forma de actuar e ver o mundo. Existe un compoñente social e político moi forte que sempre camiña da man da compañía. Por este motivo do 2001 ao 2009 foi sempre unha única cidade onde se celebrou. Naceu en Pontevedra, onde estivo 3 anos, despois estivo 4 en Santiago e logo 2 máis en Vigo. Como formato multisede, é este o primeiro ano.
Que sinal de identidade ten o Festiclown? Como marca a diferenza?
O Festiclown adquire un compromiso solidario con causas abertas en todo o mundo
Principalmente entendemos que o Festiclown ten tres piares fundamentais que o diferencian: por un lado está a programación internacional, que é moi potente. Despois un apartado formativo imprescindible que en momentos chegou a aglutinar a máis de 200 alumnos, non só galegos, xente chegada de todo o mundo: Europa, sobre todo moitos portugueses, do resto de España e ata dende América do Sur. Por último un condicionante social e político que fan que o Festiclown adquira un compromiso solidario con causas abertas en todo o mundo xa que dende o seu nacemento leva apoiando iniciativas culturais e sociais encamiñadas á transformación social. No programa sempre hai un apartado solidario xa sexan unhas charlas ou galas beneficas. Os beneficios recaudados destinanse sempre a un fin social: dende as Nais da Praza de Maio, os indíxenas rebeldes de Chiapas , o apoio á loita do pobo palestino onde estivemos o ano pasado co "Festiclown Palestina 2012" ou á causa saharaui, onde estivemos o ano pasado durante o Fisahara, o Festival Internacional de Cine do Sáhara, onde o noso colectivo participou a todos os niveis: dende a organización e producción ata con espectáculos nocturnos.
De onde ven este compromiso político-social?
Eu sempre digo que agora que os políticos fan o pallaso, correspóndelles aos pallasos facer política. Intentamos que todo o que facemos teña un transfondo social e solidario, que non quede en auga de borrallas. Este compromiso político-social xorde en Chiapas, México, onde adquirimos tamén un profundo compromiso coa cultura. Hoxe en día estamos moi centrados na causa palestina. Alí estamos organizando moito traballo e xa temos relacións con varias compañías locais e con asociacións en defensa dos Dereitos Humanos.
"O Festiclown sempre pretende ser algo máis, nós creemos que os cartos da cidadanía deben ser ben investidos"
Para manter a tradición non falta esa vea solidaria e formativa no próximo Festiclown de Lugo...
Si, na próxima semana na parte solidaria contribuiremos de varios xeitos. Por un lado e para seguir contribuído coa causa Palestina haberá unha exposición: “ Tres miradas sobre Festiclown Palestina” do 2012. Na Casa Clara Campoamor o día 3 faremos unha actuación en colaboración coa Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU) e por último o día 4 proxectaremos na Casa do Saber o documental “Mares de Risa”, sobre a participación de Pallasos en Rebeldía no Fisahara 2012. Pola parte formativa teremos por un lado o curso de Pablo Muñoz, “Curso de Máxia Cómica”, o sábado 6 e por outro o curso que eu mesmo impartirei, “Curso de iniciación ao Clown”, que será o domingo 7.
É agora o humor máis preciso que nunca?
Sen dúbida, o humor é moi importante por eso destacaría sobre todo dúas vertentes destes cursos: a teatral, onde os asistentes poden adquirir nos nosos cursos técnicas para levalas á escea, independentemente de que se adique a eso ou non. E por outra, a vertente social, que pretende ver con máis sentido de humor a situación de crise que vivimos actualmente. O clown ri o xusto das cousas serias, pero pretende que a xente esqueza esas cousas serias aínda que só sexa por un pouco. Por isto mesmo ninguén está excluído de realizar este curso, que a pesar de que é moi breve, intentaremos beliscar o que é o noso pallaso, unha vez abres a caixa de Pandora e descubres o teu pallaso, xa non hai volta atrás.