"Podemos dicir que a nivel de pallasos e pallasas Galicia é unha potencia"

Iván Prado, no Sáhara CC-BY-NC-SA Culturactiva

O Festiclown fai 15 anos. Moito mudaron as cousas dende aquel ano 2000 no que esta iniciativa botou a andar, primeiro en Pontevedra, dende o 2003 en Compostela e entre o 2009 e o 2011 en Vigo. Daquela, a crise económica e a retirada de apoios institucionais obrigaron a un cambio de modelo, apostando por unha programación multisede (nos últimos anos, distribuída por concellos como Rivas Vaciamadrid, Lugo e outros e tamén por afondar na internacionalización da proposta, que xa estaba en marcha. Palestina, México, Brasil, Sáhara..., a risa como compromiso político e como instrumento de solidariedade.

Neste 2014 o festival xa pasou por Brasil e por Rivas Vaciamadrid e nas vindeiras semanas levará a súa programación a San Fernando de Henares (Madrid), entre o 18 e o 21 de setembro, a Palestina, entre o 1 e 9 de outubro, e a Lugo entre o 4 e o 12 do mesmo mes. 

Nos seus 15 anos de historia o festival conxugou dúas grandes vertentes, que sempre discorreron en paralelo: o compromiso político e a solidariedade e a calidade artística. Neste tempo o festival foi quen de anovar as linguaxes de clown e de novo circo, da arte urbana, afondando na formación, converténdose dende Galicia na maior plataforma de formación de clown de Europa, con preto de 2.000 alumnos e alumnas e 150 cursos e talleres. Falamos con Iván Prado, director do festival.

"En que se parece o Festiclown ao proxecto co que comezamos en 2000? Parécese no impulso e na necesidade de empregar o clown como ferramenta de transformación social"

O festival mudou moito nestes anos, ás veces de forma obrigada, e outras como evolución natural e como vía para acadar novos obxectivos. Que cambiou e que queda do proxecto orixinal do Festiclown?

Cambiou, si, en primeiro lugar porque as necesidades son outras. Nós nacemos en Pontevedra coa vontade de que en Galicia o clown existise e a día de hoxe, despois de tantas edicións do Festiclown e doutros proxectos, a saúde do clown e do novo circo galego é moi boa. Podemos mesmo dicir que a nivel de pallasos e pallasas Galicia é unha potencia dentro do panorama estatal. Esa necesidade inicial de dar a coñecer o pallaso, e de que en Galicia existisen compañías satisfixémola, conseguimos ese obxectivo e superamos esa primeira etapa. Despois veu unha segunda etapa na que era imprescindible un maior compromiso social. Tamén fomos necesitando internacionalizar o proxecto. E iso coincidiu xusto coa chegada da crise e cun cambio estrutural, no que pasamos de facer un gran festival que era unha referencia a nivel europeo e que saía en todos os medios de comunicación do Estado a facer pequenas programacións que permiten facer toda a antiga programación, pero repartida por varias sedes. 

En que se parece o Festiclown ao proxecto co que comezamos en 2000? Parécese no impulso e na necesidade de empregar o clown como ferramenta de transformación social, para demostrar que o circo social podía existir en Galicia, para erguer a bandeira da esperanza noutros lugares do mundo a través da risa.

"Gustaríanos volver facer un gran Festiclown en Galicia, como había antes? Obvio. Ogallá houbera unha gran cidade progresista co tamaño suficiente para financiar un evento con ducias de artistas e decenas de cursos"

En certa maneira a crise e a falta de apoios nalgunhas cidades galegas é o que vos deu o empurrón para levar a cabo estes proxectos internacionais?

Esa internacionalización xa viña cocéndose de antes. De feito, a última grande edición do Festiclown foi en Vigo en 2011 e simultaneamente estabamos xa co festival de Palestina. Estas edicións internacionais e solidarias do Festiclown xa están consolidadas e son moi importantes para nós. Agora imos de novo a Palestina, pero este ano estivemos xa nas favelas de Río de Janeiro, facendo o primeiro festival internacional de pallasos nunha favela.

Se tivésedes á vosa disposición os medios suficientes, apostaríades por facer de novo un gran festival de clown en Galicia?

Aínda hai grandes edicións do Fetsiclown, o que pasa é que xa non acontecen en Galicia. Gustaríanos volver facer un gran Festiclown en Galicia, como había antes? Obvio. Ogallá houbera unha gran cidade progresista co tamaño suficiente para financiar un evento con ducias de artistas e decenas de cursos. Pero en calquera caso, a liña que comezamos xa non ten retorno, estamos xa traballando para o 2015 en Chile e Colombia e tamén temos en mente retornar a Brasil, non sabemos se en 2015 ou en 2016. E tamén nos gusta moito a aposta pola multisede, a oportunidade de estar en varias cidades e antes distintos públicos.

"Calcúlase que hai máis de mil cativos e cativas que están sendo tratados e tratadas nestes centros hospitalarios polos efectos dos bombardeos"

Como vai ser esta nova visita a Palestina?

Vai ser unha reedición do que fixemos en 2011, pero tamén moi focalizada na poboación infantil e adulta desprazada dende Gaza nos hospitais de Cisxordania. Calcúlase que hai máis de mil cativos e cativas que están sendo tratados e tratadas nestes centros hospitalarios polos efectos dos bombardeos. Nestes momentos vemos como un feito completamente político e fundamental retornar a Palestina, aínda que modifiquemos o plan inicial de facer o festival no campos de refuxiados do Líbano, porque os organizadores locais preferiron aprazalo sen data, xa que a escalada de violencia é interminable.

"A nosa achega foi colocar a Galicia nese circuíto mundial, fomentar a posibilidade de que aquí existise o clown, converter Galicia na maior escola do mundo do clown, e facer do Festiclown un dos festivais de teatro máis recoñecidos do Estado"

Cres que ás veces esquecemos a vertente máis puramente artística do Festiclown, o traballo formativo realizado, como fostes creando en Galicia unha estrutura profesional e un público para o clown, demostrando que non é unha arte menor?

É que para nada é unha arte menor! (ri) Ao contrario, eu diría que é unha arte maior e imprescindible. O pallaso e a pallasa son dúas figuras imprescindibles na cultura occidental. Inventamos o circo como a maior das utopías, o circo como unha fábrica na que o imposible se torna posible. Falamos dunha tradición secular que atravesa toda a historia de Europa e doutros lugares dunha maneira clave. A nosa achega foi colocar a Galicia nese circuíto mundial, fomentar a posibilidade de que aquí existise o clown, converter Galicia na maior escola do mundo do clown, e facer do Festiclown un dos festivais de teatro máis recoñecidos do Estado español. Poucos festivais de teatro conseguen ter 50 mil espectadores de público, como tivemos en Santiago.

Iván Prado en Palestina © Festiclown
Iván Prado, no Sahara © Festiclown

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.