Dez días de Festiclown 2.0

O galego Isaac Rodríguez, 'Peter Punk' © Culturactiva

Este xoves comezou en Rivas Vaciamadrid o Festival Internacional de Clown Festiclown, que comparte sede con Lugo e San Fernando de Henares e que nos seus dez días de espectáculos de circo e rúa (até o 29 de xuño) inclúe unha gran participación galega, encabezada por Peter Punk. Ademais, outras sete compañías de todo o mundo ofrecerán espectáculos de balde, destacando especialmente Mundo Mandarina (Argentina), Djuggledy (Alemania), Javi Javichy (Madrid) ou a Troup Koskowisck (Brasil).

O festival inclúe unha gala solidaria co pobo saharauí, que destinará os fondos recadados a sufragar os gastos das caravanas de Pallasos en Rebeldía aos territorios saharauis, onde o colectivo leva anos colaborando, levando humor e circo. Na gala, o vindeiro 28 de xuño, participarán Yllana, o mago Jaime Figueroa, os músicos Lichis e Tonino Carotone ou a compañía de circo Kanbahiota Trup.

A pesar das dificultades que foi atopando polo camiño, coa perda dunha sede permanente para o festival, o Festiclown non se detivo e nos últimos anos levou a risa a Palestina ou México. O pasado ano comezou a súa andaina Festiclown Multisede distribuíndo a súa programación entre Rivas Vaciamadrid, Lugo e Mieres. Neste ano 2014, destacan, "a tarefa de reconquistar o noso espazo dentro do Circuito Español de festivais levounos a crear esta versión 2.0 do Festiclown, afondando nun formato innovador onde a programación se reparte entre os concellos de Rivas Vaciamadrid, San Fernando de Henares e Lugo".

 

Este venres, Peter Punk

Este venres pola noite o protagonismo en Rivas é para o clown galego Peter Punk, de nome Isaac Rodríguez, un dos humoristas máis destacados e programados dos últimos anos en toda España

Este venres pola noite o protagonismo en Rivas é para o clown galego Peter Punk, de nome Isaac Rodríguez, un dos humoristas máis destacados e programados dos últimos anos en toda España. Con máis de 900 funcións ás súas costas, Peter Punk desprega un humor vándalo e fresco. Realizou xiras internacionais por Brasil, Italia, Portugal ou Arxentina e participou en festivais como Pireneos Sur, a Mostra Internacional de Ourense, o Festiclown Vigo e o Festiclown Palestina.

Gañador do Mundoclown en 2008 e do Festiclown Rivas Vaciamadrid 2013, o artista regresa á cidade co seu espectáculo Peor imposible, estreado en maio de 2014. Peor imposible, que se representará en dúas funcións. foi creado e dirixido polo mestre arxentino Walter Velázquez, e a adaptación e posta en escena leva a sinatura  de Isaac Rodríguez. 

Cartaz do festival © Festiclown
O galego Isaac Rodríguez, 'Peter Punk' © Culturactiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.