Un galego na terra dos 'sem terra'

Imaxe do sexto Congreso do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) Dominio Público Iván Prado

Iván Prado atópase estes días no sexto congreso do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST). O director de Pallasos en Rebeldía e Festiclown participa representando estas entidades. No congreso tamén participa unha represantante galega de Amarante.

Este mesmo mércores máis de 15 mil persoas manifestáronse en Brasilia denunciando a "parálise da reforma agraria" no país, chegando a ocupar a Praça dos Três Poderes. A protesta rematou cunha carga policial, que tivo como resultado ao redor de trinta feridos. Esta mobilización precedeu a unha xuntanza que este xoves mantiveron representantes do MST coa presidenta Dilma Rousseff a respecto da demandada reforma agraria. A reunión finalizou sen resultados, pero o Goberno comprometeuse a crear unha comisión de traballo. O MST denuncia que o ritmo de asentamentos de familias e traballadores sen terra "é o máis baixo dende a ditadura" e esixe que neste ano se lle dean terras a cen mil persoas, fronte ás promesas do Goberno, situadas ao redor das trinta mil.

Iván Prado destaca que "é o congreso político-social máis belo, divertido, alegre e colorido que vin xamais"

Prado está a escribir dende Brasil crónicas de carácter diario, ao igual que fixera noutras ocasións dende o Sahara, Palestina ou Chiapas. Destaca que "é o congreso político-social máis belo, divertido, alegre e colorido que vin xamais", con "nais cos seus bebés, guaranís cos seus traxes, militantes de 92 anos que saíron do convento, ex-guerrilleiros, bandeiras de vinte e dous países, artistas de circo, campesiños que escaparon da escravitude do latifundio, profesoras da universidade e moito discurso a favor do socialismo e, sobre todo, berros pola reforma agrícola". E conclúe que "o movemento de masas máis grande da América Latina é unha demostración viva de que a utopía se camiña, de que os soños se constrúen no cotián, de que a procura da xustiza é tan eterna como a da felicidade".

 

De bandeiras e soños realizados

"O movemento de masas máis grande da América Latina é unha demostración viva de que a utopía se camiña, de que os soños se constrúen no cotián, de que a procura da xustiza é tan eterna como a da felicidade"

Trinta anos, 400.000 familias, vinte e dous estados e un millón de persoas vivindo en asentamentos e campamentos do MST, que no seu sexto congreso enche o recinto do Nilson Nelson en Brasília con 15.000 almas de liberdade e alegría.

É o congreso político-social máis belo, divertido, alegre e colorido que vin xamais. Nais cos seus bebés, guaranís cos seus traxes, militantes de 92 anos que saíron do convento, ex-guerrilleiros, bandeiras de vinte e dous países, artistas de circo, campesiños que escaparon da escravitude do latifundio, profesoras da universidade e moito discurso a favor do socialismo e, sobre todo, berros pola reforma agrícola. O movemento de masas máis grande da América Latina é unha demostración viva de que a utopía se camiña, de que os soños se constrúen no cotián, de que a procura da xustiza é tan eterna como a da felicidade, de que alegría, música e pensamento político se poden xuntar no encontro de miles campesiños que traballan por un mundo onde caiban todos os mundos.

Foron asasinados, perseguidos, criminalizados, tentaron compralos, encerralos e mesmo borralos do mapa político xeográfico e simbólico deste xigante chamado Brasil, pero as súas bandeiras vermellas, os seus berros de guerra e o seu dereito a existir soñando e soñar a existencia non se apagou despois de miles de marchas, centos de ocupacións e sobre todo varios mortos entre as súas filas.

Un Brasil da copa do mundo con millóns de analfabetos? Un Brasil do PT e o programa de fame cero con millóns de campesiños sen terra? Co agronegocio exterminando indíxenas e cultivos? Un Brasil da modernidade sen a Amazônia? Non é posible, non é posible calar o canto da esperanza que supuran os centos de miles de campesiños sen terra do MST, non é posible mentres un home e unha muller co machete no alto lle impriman ao mapa do Brasil ese carácter rebelde e máxico que simboliza o MST.

"Un Brasil da copa do mundo con millóns de analfabetos? Un Brasil do PT e o programa de fame cero con millóns de campesiños sen terra? Co agronegocio exterminando indíxenas e cultivos?"

Os Pallasos en Rebeldía van presentar o seu espectáculo; Lokonuk cabalgará á beira de Doa Marilene, o clown porase de lado da dignidade e a utopía de novo pero esta vez á beira de campesiños e campesiñas que nos lembran que o futuro é ese xardín belo que está por cultivar.

Trinta anos sementando democracia, xustiza e liberdade, trinta anos convocándonos a amar a terra e defendela, trinta anos e varios mortos para que unha semente de amor e felicidade se estenda por todo o mundo, empezando polo campo e a nai terra...

 

Utopías danzadas

"Un movemento que canta é un movemento forte, un movemento que danza é un movemento máis forte, pero un movemento que crea a súa propia mística, ese é indestrutible"

Un movemento que canta é un movemento forte, un movemento que danza é un movemento máis forte, pero un movemento que crea a súa propia mística, ese é indestrutible. Cada sesión do congreso empeza cunha mística que envolve centos de persoas. A mística son teatralizacións con música en directo, poemas e palabras belas nas que este movemento de vida explica a súa loita, os seus soños e a súa coraxe armada fundida en dignidade e xustiza.

Cada sesión ten música e danza, cantos, consignas nas que milleiros de persoas dan movemento real a este movemento radical. A alegría, a arte e a forza están presentes en cada acto, en cada paso deste sexto congreso onde o movemento de masas máis grande de América cumpre trinta anos coa satisfacción de vencer ao estado, ao capital globalizado, á tendencia de caer no potencial burocratismo, ao perigo da inercia e o cansazo , ao monstro do dogmatismo e a verticalidade.

MST é sinónimo de diversidade, complexidade e sobre todo de vida. Poderase dicir que é contraditorio que o congreso o abra un relatorio que xunta na mesa presidencial unha monxa italiana de 92 anos coa filla dun dos representantes históricos máis importantes do comunismo latinoamericano. Algúns poderán ver debilidade na forza que a música, o canto e a festa teñen no interior dun colectivo radical que ocupa terras, enfronta a grupos armados dos terratenentes e padece en moitos casos o peso da (in) xustiza brasileira.

Algúns poderán pensar que é un disparate que no mundo do campesiñado brasileiro o movemento que promove a construción do socialismo se declare feminista e impoña a paridade en todos os niveis de organización desde fai case dez anos. Ata máis dun marxista dirá que poñer a loita indíxena no marco da reforma agraria atenta contra a ortodoxia.

"Este congreso deixa ver con claridade que a revolución pode ser tenra, xusta e bela, que ata dentro dunha cultura machista, Brasil e o seu campo, pódese equiparar a igualdade de xénero á reforma agraria"

Pero o MST é un lugar de creación e de evolución permanente que non ten medo de ensinar ás futuras xeracións a importancia de organizarse, de loitar e, ao mesmo tempo, debater sobre as súas tácticas e estratexias.

Este congreso deixa ver con claridade que a revolución pode ser tenra, xusta e bela, que ata dentro dunha cultura machista, Brasil e o seu campo, pódese equiparar a igualdade de xénero á reforma agraria e que durante un dos poucos momentos de crecemento económico dun país pódese cuestionar a globalización defendendo os dereitos dos pobos indios e o seu amor pola terra.

Que ocupar, resistir e producir non só é un lema, senón unha realidade para case un millón de persoas que ocuparon o seu lugar na terra e sobre todo na historia mundial, a base de traballo, alegría e moita entrega. “A terra non é negocio” dixo un representante dos guaranís, “o futuro é onde as persoas son iguais socialmente, diferentes humanamente e libres en plenitude”, dixo unha muller.

"Hai utopías de papel e utopías encarnadas, ou sexa vermellas como o sangue e abaixo e á esquerda como o corazón. Que poden crear lazos entre o pasado comunista e a igrexa dos pobres, entre os pobos indios e o feminismo internacional"

Hai utopías de papel e utopías encarnadas, ou sexa vermellas como o sangue e abaixo e á esquerda como o corazón. Que poden crear lazos entre o pasado comunista e a igrexa dos pobres, entre os pobos indios e o feminismo internacional, entre o debate e a acción política e a produción dunha vida sustentable e comunitaria para os máis humildes de entre os humildes.

Son sen terra, pero tamén sen medo, sen dogmas e sen ortodoxia. Este movemento que naceu da igrexa pola terra, é tamén a casa de miles de almas que loitan polo socialismo e a abolición do mercado, este movemento é sen terra, pero con alegría, con fortaleza e, sobre todo, con vida.

Vén dun lugar sagrado e ancestral onde a terra e a vida eran sinónimos e están loitando para que o presente conxugue alimentos con xustiza, campo con utopía e agricultura con Rebeldía.

Imaxe do sexto Congreso do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) Dominio Público Iván Prado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.