Novembro é mes de cinema en Santiago. É mes de Cineuropa. Tras recuperar boa parte da súa estrutura en 2021, pero aínda con algunhas restricións pola COVID, neste 2022 a trixésimo sexta edición do festival compostelán bota a andar o 4 de novembro para despregar dezasete días de cine que traen consigo a "marabillosa sensación" evocada no cartaz destea no, inspirada en Cantando baixo a chuvia pero reflectindo iconas da capital galega como un farol da Alameda ou o vestido de Coralia Fandiño, unha das Dúas Marías.
Ana Belén, Lois Patiño, Charo López e João Pedro Rodrigues recibirán os premios Cineuropa 2022
Cantando baixo a chuvia será, 70 anos despois da súa estrea, unha das películas que poderá verse neste Cineuropa 2022 dentro dun amplo ciclo dedicado aos musicais baixo o título Cancións para despois dunha guerra, tomado do documental de Basilio Martín Patino (1971). Serán ata vinte e tres as fitas musicais que pasarán por Cineuropa, dende clásicos de Hollywood ata pezas dos anos 70, dende Camelot ou A lenda da cidades sen nome a'Os paraugas de Cherburgo ou Un cuarto na cidade.
Alén deste ciclo musical, Cineuropa volve ser toda unha escolma "do mellor cinema visto esta tempada nos festivais internacionais", anuncian dende a dirección que volve encabezar José Luis Losa. A sección oficial de cinema europeo e mais o Panorama Internacional achegan a Galicia proxeccións do coreano Park Chan-Wook, do sueco Ruben Östlund, do polaco Jerzy Skolimovski, do romanés Cristian Mungiu ou do español Rodrigo Sorogoyen acabadas de chegar de Cannes, mais tamén traballos do americano Paul Schrader (O mestre xardineiro), do islandés Hlynur Pálmason (Godland) ou da francesa Rebecca Zlotowski.
Un ano máis, o audiovisual galego ten tamén peso de seu e sección propia en Cineuropa, que fortalece tamén a súa sección competitiva. O Panorama Audiovisual Galego achégase ao "momento doce da animación en Galicia" c'Os demos de barro, afonda na memoria histórica con Removendo a terra, Un cielo impasible ou 10 de marzo e rende tributo a Lois Patiño, a quen definen dende a organización como "talento maior e cosmogónico do panorama internacional".
Premios Cineuropa, actividades paralelas e entradas
Lois Patiño será, precisamente, un dos autores que recibirán os Premios Cineuropa de 2022 como referente do Novo Cinema Galego. Xunto a el, as actrices Ana Belén e Charo López e o cineasta portugués João Pedro Rodrigues.
Serán, en total, 126 películas procedentes de 30 países estruturadas en 5 seccións oficiais e 7 paralelas e proxectadas en cinco salas
Serán, en total, 126 películas procedentes de 30 países estruturadas en 5 seccións oficiais e 7 paralelas e proxectadas en cinco salas: o Teatro Principal, Salón Teatro, Numax, Multicines Compostela e Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Outra volta, ademais, Cineuropa estará presente na plataforma dixital Filmin cunha escolma de 15 películas.
Como xa é habitual, Cineuropa incluirá actividades paralelas alén das propias proxeccións, como diversas presentacións de libros, accións formativas, un concerto da Real Filharmonía e Galicia ou dous "paseos de cine" dedicados a descubrir salas de proxección históricas da cidade e puntos de Santiago que acolleron diferentes rodaxes. A programación completa está xa dispoñible no sitio web de Cineuropa e a compra de entradas e abonos, no portal cultural do Concello de Santiago.