Cineuropa estréase como festival competitivo na súa 35ª edición, que premiará a Verónica Forqué, Alberte Pagán e Nadav Lapid

Alberte Pagán, Verónica Forqué e Nadav Lapid, Premios Cineuropa 2021 © Cineuropa

Tras unha trixésimo cuarta edición presencial, pero constrinxida polas restricións da pandemia, o festival Cineuropa proponse volver encher as salas compostelás un novembro máis. A edición número trinta e cinco do certame cinematográfico emblema do outono da capital galega celebrarase en seis espazos da cidade do 8 ao 24 de novembro estreando formato de festival competitivo.

A directora Gabriela Guillermo, a xornalista e crítica Inma Merino e o cineasta compostelán Alfonso Zarauza son os compoñentes do xurado internacional que avaliará os doce filmes da sección a concurso, a de Novos e Novas Cineastas. Destaca a organización do festival dirixido por José Luis Losa que esta ducia de películas chegan "con todos os parabéns de Sundance, Cannes ou Locarno" .

Alén desta novidade, a Cineuropa 2021 regresa o Xurado Novo (catro mozas e mozos de entre 18 e 25 anos que valorarán unha vintena de filmes) e ademais, o público seguirá elixindo a súa película preferida votando nas propias proxeccións. Polo Teatro Principal, o Salón Teatro, a sala NUMAX, os cines Compostela, o Museo das Peregrinacións e o Auditorio de Galicia pasarán ata 161 películas, 88 delas con pases de balde, resalta o Concello.

Nesta 35ª edición do festival mantéñense tamén os tradicionais premios Cineuropa. Desta volta, a actriz Verónica Forqué, o realizador galego Alberte Pagán e o cineasta israelí Nadav Lapid serán os homenaxeados. Na gala que recoñecerá a traxectoria de Forqué (martes, 16) será proxectada a película Kika, de Pedro Almodóvar. No tributo a Pagán (xoves, 18) proxectarase Bs. As. e na homenaxe a Lapid (luns, 9), a película elixida é O xeonllo de Ahed, Gran Premio do Xurado en Cannes 2021.

Programación e salto a Filmin

Cineuropa 2021 incorpora seccións temáticas como 'Cinema e totalitarismo' e tamén recupera algúns dos filmes elixidos para a edición de 2020, marcada polas restricións da pandemia

Con Suíza como país convidado, Cineuropa 2021 achega un total de dezanove seccións. Entre elas, novidades como a sección temática Cinema e Totalitarismo (que ilustra o cartel do festival) e outras como 1971, o ano das armas, unha retrospectiva centrada na obra de Fernando Fernán Gómez ou outra con traballos do propio Alberte Pagán.

Aínda entre os ecos da COVID, a organización de Cineuropa destaca que, "dadas as singulares circunstancias da pasada edición", coa capacidade máxima da salas limitadas a 30 persoas, o festival decidiu "recuperar algúns dos títulos máis salientables" dos elixidos para 2020, "unha escolma de filmes que aínda non foron estreados comercialmente e que, polo tanto, manteñen o selo de inéditas para o público deste ano".

Presentación de Cineuropa 2021 no Concello de Santiago © Concello de Santiago

O retorno de Cineuropa nunha versión practicamente normal trae tamén consigo a volta do seu tradicional maratón, a "gran festa de doce horas de cinema en sesión continua" que se celebrará coa única salvidade de que, polo momento, os protocolos contra o coronavirus impiden comer no interior da sala.

As entradas están á venda dende este 5 de novembro

O salto do festival á plataforma dixital Filmin (con 16 títulos das diferentes seccións) é outra das novidades dunha trixésimo quinta edición de Cineuropa que programa "máis encontros ca nunca coas autoras e autores", así como diversas mesas redondas ou "citas obrigadas" coma o concerto da Real Filharmonía de Galicia, que "creará a atmosfera perfecta para gozar do filme O Peregrino, de Charles Chaplin (1923).

Todas as entradas individuais de Cineuropa 2021 terán un prezo de 4 euros (agás os 6 euros do maratón) e os abonos de 10 pases custan 30 euros. A venda comeza ás 11 da mañá deste 5 de novembro no web compostelacultura.gal ou, presencialmente, na Zona C (Praza de Cervantes). O programa íntegro xa está dispoñible no sitio web do festival.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.