Lucía Estévez, Ángel Santos, Lois Patiño e Eloy Domínguez Serén compiten na Sección Galicia do FICBUEU

Público asistente ao FICBUEU nunha edición anterior © FICBUEU

 

A décimo quinta edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que se celebra do 11 ao 24 de setembro, adianta en Praza.gal as catro curtametraxes finalistas que competirán na Sección Galicia R do certame. Son O niño dos paxaros (2021), de Lucía Estévez; Así virá a noite (2021), de Ángel Santos; O Sembrador de estrelas (2022), de Lois Patiño; e Rompente (2022), de Eloy Domínguez Serén.

Lucía Estévez fai unha curta de ficción-documental baseada na historia do seu pai, que traballou nun taller de coches nos anos 80. Eloy Domínguez Serén adéntrase na ficción cunha historia que se achega á realidade da xente nova na comarca do Barbanza, onde moitas parellas repiten os roles dos seus pais e nais para saír adiante. Lois Patiño filma esta peza experimental no Xapón, na que o sembrador de estrelas se encarga de espertar as persoas que a diario se desprazan para traballar. E Ángel Santos emprega unha mensaxe de voz que se envía a través dun teléfono móbil como acción principal para a súa curta dramática. 

'O niño dos paxaros', de Lucía Estévez; 'Así virá a noite', de Ángel Santos; 'O Sembrador de estrelas', de Lois Patiño; e 'Rompente', de Eloy Domínguez Serén son as curtas galegas que optan a un premio no FICBUEU

A Sección Galicia R terá lugar no Centro Social do Mar o sábado 17 ás 19.00 horas, onde se poderán visionar todas as pezas finalistas. O premio entregarase durante o mesmo día, ás 21.15 horas, no Punto de Encontro, dentro da entrega de premios ás diferentes seccións que se celebrará ese mesmo día. As catro obras de realizadores galegos seleccionadas competirán por un premio dotado con 500 euros e o correspondente galardón.

O Xurado Nacional do FICBUEU 2022 –composto polo guionista, docente e crítico de cine Pepe Coira; a actriz Melania Cruz; e a produtora e fundadora de Frida Films Luisa Romero– será o encargado de escoller a curta gañadora deste pemio e mais do premio á mellor curtametraxe da Sección España. 

O equipo de Carne Cruda realizará un programa de radio en directo adicado á contracultura

Dentro da Sección Galicia R participan as obras consideradas ‘curtametraxes galegas’, que son todas aquelas que teñan como lingua orixinal o galego ou que utilicen subtítulos en galego, e que ademais cumpran algún dos seguintes requisitos indicados pola organización: que teñan sido producidas por unha empresa galega, que máis do 70% do equipo estea composto por persoas galegas, que sexa unha obra de calquera realizador en etapa de formación nado ou residente en Galicia que dirixise unha obra nunha entidade académica ou formativa, ou que o autor ou autora da peza teña unha especial relación coa cultura galega.

O sábado 17 de setembo será un dos días grandes desta edición, pois xa pola mañá –ás 12.00 horas– o equipo de Carne Cruda realizará un programa de radio en directo adicado á contracultura e no que estarán presentes algunhas das persoas protagonistas do festival. Antes da proxección das pezas da Sección Galicia R terá lugar a quenda da Sección España. E, como peche da xornada e da primeira semana do festival, a continuación da entrega de premios haberá un concerto de Tulsa na Praza Massón con acceso libre. 

Gravación de Carne Cruda en Bueu nunha edición previa do FICBUEU Dominio Público Praza Pública

O certame inaugura as 'I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo' e volve apostar polo MiniFIC, a programación especial para a rapazada

Na segunda semana do FICBUEU celebraranse as primeiras Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo, un espazo para a reflexión sobre a arte do cinema que terá lugar o sábado 24. A entrada será de balde, aínda que é preciso reservar praza. Ademais, a organización do festival volve apostar polo MiniFIC, a programación especial para a rapazada e os centros de ensino.

De forma simultánea á celebración das actividades principais do festival tamén se levarán a cabo diversas iniciativas paralelas, como é o caso da gravación do podcast Espazo Negativo con Ariadna Cordal e Dani Cornes, a VII Ruta das Tapas 5 Estrelas –organizada en colaboración co Concello de Bueu e a Asociación de Empresas da Hostalaría de Bueu e que terá unha duración de nove días, dende o venres 9 ata o domingo 18– ou o V Mercado da Curtametraxe no Musseo Massó –entre os días 11 e 18– no que profesionais da industria audiovisual terán a posibilidade de visionar todas as curtametraxes inscritas na actual edición do festival. Toda a programación do FICBUEU pode consultarse aquí

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.