"Actuar é vencer o medo": María Casares reaparece no escenario a través de Melania Cruz

Melania Cruz e Vadim Yukhnevich representando a obra 'Continente María' © Aigi Boga

Melania Cruz protagoniza a obra 'Continente María', dirixida por Tito Asorey, na que se serven dun diálogo entre o presente e o pasado para honrar a figura da actriz galega que nunca se subiu a un escenario na súa terra

″Volverei na forma que sei volver, no escenario″. María Casares non volveu nunca á rúa Panaderas da Coruña. Non regresou a Galicia como actriz. Nas primeiras conversas arredor da obra Continente María entre a súa protagonista Melania Cruz, o director Tito Asorey, a autora do texto teatral Marianella Morena e a investigadora María Lopo, autora do texto O tempo das mareas. María Casares e Galicia, había xa unha certeza: Melania tiña que exercer de canle para que María falase a través dela. Ese libro estivo na estantería de Melania coa portada á vista durante moito tempo, para recordarlle que tiña pendente contar algo de Casares.

″Ao inicio dábame bastante vertixe. Quen son eu para facer de María Casares? Pero non era encarnar en si a María, senón que con todo o que ela nos dá –que é moito, por iso a obra se chama Continente Maríanavegamos neses océanos para conectar todo o que é ela –como actriz, pero fundamentalmente como persoa– con nós e co 2022. Foi unha travesía na que me fun deixando levar e fun viaxando grazas a Marianella, a Tito, a María, a Sabela Hermida... a todas as persoas que nos axudaron. E, por suposto, grazas tamén a Vadim Yukhnevich [o seu compañeiro en escena]″, conta Melania Cruz.

A actriz Melania Cruz © Aigi Boga

“A mellor homenaxe que se lle pode facer é subila –aínda que sexa a través de min– ás táboas dun escenario outra vez"

″Cremos que a mellor homenaxe que se lle pode facer é subila –aínda que sexa a través de min– ás táboas dun escenario outra vez en Galicia e en todos os sitios nos que se poida contar esta historia″. O espectáculo sobre María Casares é algo no que Melania Cruz e Tito Asorey levan pensando desde que montaron a compañía teatral A quinta do cuadrante, que agora coproduce esta peza xunto a Ainé Producións, o Concello da Coruña e o Centro Dramático Galego. Estrear no ano do centenario de Casares non era unha pretensión, mais foi unha excelente coincidencia. 

A obra estreouse no Teatro Rosalía da Coruña o pasado 16 de maio e tivo varias representacións no Salón Teatro de Compostela. Agora está de xira e a súa vindeira parada é o 8 de xullo na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Haberá moitas máis datas en Galicia, que se irán confirmando, e están explorando a posibilidade de que viaxe a Francia e a países de América do Sur. Ademais, este 13 de xuño Melania Cruz conversa con Arancha Estévez e María Canosa na Selic, o Festival da Lectura de Compostela, arredor da figura de María Casares. 

″María Lopo sempre me dicía que tiñamos que facer algo sobre María Casares. Eu quería, pero a vida vaiche poñendo cousas antes. Tes que comer, tes que traballar en docencia, tele, cine... E pouco a pouco todo foi encaixando: durante a pandemia fixemos un par de cursos de escrita teatral con Marianella Morena por Zoom e xurdiu a posibilidade de traballar con ela. Queriamos dar a coñecer a figura de María Casares desde outras perspectivas. É unha gran descoñecida, hai uns premios que levan o seu nome e ten unha traxectoria máis ou menos coñecida; pero é tan vasta a súa traxectoria que se miras todas as personaxes que interpretou no teatro parece imposible. Non dan dez vidas para facer o que ela fixo en teatro. Pero é que tamén facía radio e cine. Aparte de que era unha persoa moi comprometida. Como metes todo iso nunha obra? Non podes, hai que escoller. Contamos o que nos resoa a nós″, debulla Melania Cruz.

"Ten entidade e forza máis que suficiente como para ser contada a través de si mesma"

"Era unha muller que tiña unha forza descomunal, en todos os sentidos. E este borrado ao que foi sometida por muller, por republicana, por tantas cousas... Hai que tratar de encher todos eses ocos e tratar de coñecela. Hai moitísima información, afortunadamente", destaca Melania Cruz.

En Continente María hai moitas escollas, pero unha das que máis chama a atención é que a presenza de Albert Camus é case tanxencial á historia e ten máis relevancia o vínculo co pai. "Decidimos non contala a través de seu pai, senón a través de si mesma porque estamos fartas de que nos conten ás mulleres en relación a ser 'filla de', 'parella de' ou 'amante de'. Non. Ela ten entidade e forza máis que suficiente como para ser contada a través de si mesma, coas súas propias palabras e a través das ficcións que nós podemos inventar, pois ela mesma dá datos imprecisos dalgunhas historias. Porque di que lle interesa máis a memoria dos acontecementos que os acontecementos e os feitos en si", engade.

Decisións

Houbo nese proceso de inmersión na figura de María Casares unha cuestión de especial relevancia para Melania Cruz. Unha circunstancia que vai máis alá das táboas e que forma parte da filosofía da actriz: "Ela decide, toma decisións. Ela elixe estudar francés, elixe traballar para pasar as probas de arte dramática. Dentro dese exilio elixe converter o teatro na súa patria. O único sitio que ninguén lle podía arrebatar″.

"Actuar é vencer o medo", dicía Casares. A mesma frase que se pode ler na pel de Melania hoxe. "Tatueina para que me recorde –cando teña unha crise desas tremendas que temos todas as persoas e as que nos dedicamos a isto tamén– que actuar é vencer o medo a todos os niveis, non só enriba do escenario e nun teatro, non só facendo cine ou televisión. Actuar, tomar decisións, facer algo. Cando nos quedamos paralizadas podemos darnos un tempo, pero temos que actuar porque é a única maneira de vencer o medo″, asevera.

Melania Cruz nunha escena de'Continente María', dirixida por Tito Asorey © Aigi Boga

"O propio Vadim é un exiliado e grazas a el puidemos contar a historia desde diferentes perspectivas", sinala Melania Cruz

Compromiso vital e político

Algo que teñen en común María Casares e Melania Cruz é o elevado compromiso coas súas ideas na vida e no traballo, cada unha no seu tempo. "Ela levaba a república por bandeira, aínda que fai bromas en Residente privilexiada [a súa autobiografía] con que a cor violeta da bandeira desgástase moi rapidamente e queda moi fea. Pero sempre enarborou a bandeira republicana e nunca ocultou os seus principios e os seus ideais, a pesar de que moitas veces tamén tiña contradicións e posicións opostas á xente que se supoñía que tiña os mesmos ideais de esquerdas ca ela. Aínda que partía xa dunha familia burguesa, que non é o mesmo que outra persoa que non tivera eses posibles. Pero claro, Santiago Casares Quiroga tampouco se enriqueceu coa política. É máis, todo o que tiña llo espoliaron, quitáronllo a ela", lembra a actriz.

″Que lle pasa a un corpo nunha guerra?″. Esta pregunta fica no aire en Continente María, mentres a protagonista ten que enfrontar o seu segundo exilio. Primeiro obrigárona a deixar a Coruña por Madrid co triunfo electoral do seu pai, Santiago Casares Quiroga, e poucos anos máis tarde tería que saír cara a Francia fuxindo do golpe de Estado de 1936. Coa guerra de novo en Europa, isto conecta a obra co presente das persoas que tiveron que saír da Ucraína e das que quedaron alí.

″O propio Vadim é un exiliado –apunta a actriz– e grazas a el puidemos contar a historia desde diferentes perspectivas. Parece que a Historia é cíclica e a repetimos sen aprender nada. Incluso os discursos que se están a escoitar no Congreso por parte de determinados partidos dan tanto medo como os que se produciron na etapa previa á guerra no 36. Hai un momento na obra no que lle digo a Vadim: ′A Historia repítese, aínda que non sei se está repetíndose ou estase copiando′. É terrible″.

En estado de urxencia

María Casares sacou de Melania Cruz cousas que quizá non sabía que tiña. A súa forza contaxiosa faite "sentir capaz de sobrepoñerte a moitas cousas que ás veces nos afunden". Por iso a obra está estruturada cun ritmo urxente, pois ten que seguir o ritmo vital de Casares. No dinamismo dos múltiples rexistros que soporta a protagonista na escena atoparon unha maneira de retratar como viviu, sen querer ser absolutamente fieis aos feitos.

"Marchar. Marchar dos teatros, das compañías, das relacións, dos sentimentos que nos arrasan. Marchar e non ter medo a facelo'. Iso dicía María Casares. E ser fiel a si mesma, sempre buscando novas sensacións, novos estados, novas táboas, novas curiosidades. Ela viviu así, en estado de urxencia", afirma Melania Cruz.

Cartel de 'Continente María' cunha ilustración de Lidia Cao © Ainé/A quinta do cuadrante

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.