Svitlana, de Kíiv a Compostela: "Na Ucraína ninguén fala do futuro"

Svitlana Baranenko en Kíiv, co río Dnipró detrás © S. B.

Svitlana Baranenko ten 23 anos e nunca antes saíra da Ucraína. A guerra cambiou a súa vida sen previo aviso. ”Antes da guerra cada un tiña a súa propia vida, tiña plans... E agora non podemos facer nada”, di. Leva tres semanas en Santiago e está a buscar un traballo 

O 24 de febreiro Svitlana Baranenko ergueuse ás sete da mañá como nun día normal. Antes de saír da casa para ir á escola na que traballaba recibiu unha mensaxe dun amigo de Mexico que a sobresaltou, preguntáballe que pasaba e faláballe dunha guerra que xa comezara. Ela non entendía nada, non sabía a que guerra se refería. Comentouno coa súa nai, que estaba a recibir mensaxes da súa filla maior sobre a cantidade de xente con maletas que había esa mañá no metro de Kíiv. Comezou buscar información e chamou á escola. As clases estaban suspendidas. O seu pai tampouco foi traballar ese día.

Svitlana ten 23 anos e nunca antes saíra da Ucraína. Leva tres semanas en Santiago de Compostela despois dun periplo por Europa coa axuda de amizades dos seus pais. ″A miña familia segue alí, a miña avoa está enferma e non se pode mover. Miña nai non pode traballar porque ten que coidala. Pero meus pais quixeron que a miña irmá, o seu fillo e mais eu marchásemos para estar máis seguros″, explica.

Persoas agradando na estación central de trens de Kíiv nos primeiros días da guerra na Ucraína © UNICEF/UN0622029/Kochetova

”Rusia di que nos axuda, que nos libera. Como vexo eu a situación, a súa xente non é libre”

Non entende os ′motivos′ desta guerra iniciada por Vladimir Putin: ″Rusia di que nos axuda, que nos libera. Como vexo eu a situación, a súa xente non é libre. Penso que primeiro deberan liberar a súa xente. Non deben meterse nas cousas doutro país porque a nosa xente non pedíu axuda doutros países. Ademais, vendo o que están facendo no noso país... roubando e facendo cousas malas a nenos e mulleres. Cal é a súa axuda? Non o entendo″.

Recoñece que na súa xeración non se fala de política, non era moi consciente de que a chegada de Volodímir Zelenski á presidencia do país significaba un achegamento á Unión Europea. Pero si tiña claro que existía unha división nos apoios e que a metade da Ucraína non o quería: ″En cambio, agora vexo que todo o mundo está contento con el porque coa guerra demostrou que é un presidente moi serio, podemos crer nel. O que máis me gusta é que, coa guerra, todos os ucraínos se uniron e se comunican aínda que non se coñezan″.

”Santiago parécese moito a Leópolis, estou moi cómoda”

Estudou a carreira de Filoloxía hispánica nunha universidade de Lviv, onde vivíu seis anos. En Santiago sentiuse cómoda desde o principio porque a zona vella lémbralle moito á que fora a capital da rexión de Galitzia. ″Santiago parécese moito a Leópolis, estou moi cómoda. Gústanme moito as cidades pequenas e antigas, se falo da Ucraína prefiro unha cidade como Lviv a Kíiv [onde naceu]″, conta.

Levaba un ano e medio de volta na capital, vivindo de novo coa familia, mentres traballaba como profesora de castelán e se preparaba para entrar na escola de tradución de Kíiv. ″O que quero ser é tradutora, por iso tiña dúas clases á semana cunha tradutora que me estaba axudando para ir aprendendo antes de matricularme na escola de tradución, da que saes cun título oficial que che permite traballar. Pero agora xa non pode ser″, detalla Svitlana. Todo isto agora semella moi lonxe, pero era o seu día a día hai pouco máis de dous meses.

Agora busca traballo desde Compostela. ″Podo traballar do que sexa″, salienta, despois de decatarse de que non é doado atopar un emprego como profesora, ou como tradutora e intérprete de ucraíno. Grazas á normativa aprobada pola UE xa está dada de alta e ten o seu NIF e tarxeta sanitaria para acceder aos seus dereitos como unha cidadá máis.

Protesta simbólica no centro de Lviv, en marzo, contra as mortes de nenos e nenas durante a guerra © UNICEF/UN0609902/Filippov

”Non sabes que agardar. Non sabes cando tes que correr para baixar ao refuxio”

Non quería marchar da Ucraína. ″Sinto que é como traizoar á xente″, di. Pero no fondo sabe que é afortunada: ″Agora síntome segura″. Co inicio da guerra comezou dar clases online [coas que continúa], pero conta que era imposible concentrarse coas sirenas soando. ″Non sabes que agardar. Non sabes cando tes que correr para baixar ao refuxio. Non podes facer nada. Case nin comer porque te sentas a cear, e escoitas as alarmas, e non sabes se podes seguir comendo ou tes que ir para o sótano. Non podes concentrarte en nada″. Así describe aqueles días, nos que agradeceu non vivir no centro da capital: ″Sempre me queixaba por non vivir no centro de Kíiv, pero coa guerra vin o bo do noso barrio, a onde non chegaban os bombardeos. Escoitábase moito ruído, ao principio pensaba que escoitaba avións voando e despois souben que eran misís″.

Foise da casa coa súa irmá maior e mais o seu sobriño. Foron en tren ata Lviv –″Volver nestas circunstancias foi moi raro″, lembra– e alí colleron un autobús que cruzaba ata Polonia. ″Había moito caos, pensabamos que había un transporte gratuíto pero tivemos que pagar para cruzar a fronteira. Houbo moitos momentos de tensión porque había moita xente que quería subir, e non cabía, e berraba que tiña fillos e quería subir″.

A súa irmá segue en Polonia co seu fillo e está en contacto con ela e cos seus país en todo momento. ″Ela non fala nada máis que ucraíno, polo que o tería difícil para adaptarse a calquera sitio –sinala–. Pero meus pais intentaron que eu puidera vir para España porque sabía o idioma, aínda que así estou moi lonxe″. Pasou tres semanas en Polonia ata que puido desprazarse con seguridade ata Viena e de alí veu para Santiago, onde xa leva tres semanas.

Svitlana tiña moitos plans de futuro, mais agora esa palabra xa non está no seu vocabulario. Non fala coas súas amizades do futuro porque lles resulta demasiado incerto. ″Na Ucraína ninguén fala do futuro –asegura–. Antes da guerra cada un tiña a súa propia vida, tiña plans... E agora non podemos facer nada. Entendes que perdiches a vida que tiñas″. Mentres intenta atopar un traballo aquí, mantén a esperanza de regresar a casa coa súa familia. ″Quero volver, boto moito de menos a Ucraína. Alí o teño todo. Teño o meu traballo, a miña familia e a miña xente. E teño a miña casa. Hai moita xente que xa non ten casa polos ataques. Pasas toda a vida traballando para ter unha casa bonita e un día non tes nada″.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.