Anna, oito anos de vida en guerra de Donetsk a Kíiv

Unha rúa de Lviv antes da guerra na Ucraína © Ana G. Liste

Esta ucraína deixou a súa cidade con 30 anos, cando comezou a intervención rusa no Dombás, para ter un futuro mellor. Agora volve ter que coller as maletas para saír de Kíiv no medio dunha guerra que a persegue 

Na última década, Anna viuse obrigada a marchar da súa casa en dúas ocasións. A primeira foi cando tiña apenas trinta anos e comezou o conflito armado na súa cidade, Donetsk. ″Vin como a maioría das miñas amizades decidían marchar porque non querían vivir baixo esas novas condicións, pensei que non sería o mellor para o meu futuro así que me mudei a Kíiv –lembra–. O meu irmán foi máis listo ca min, marchou a Suecia e agora non ten que volver pasar por isto″. Isto é a guerra, di ela, a mesma guerra. Por iso non se permite acumular cousas e saíu da capital da Ucraína cara a Lviv –desde onde nos fala– cun par de maletas cando aceptou que o seu piso non era seguro.

Anna ten 38 anos e é economista. Neste momento o seu ben máis prezado é o seu traballo, que a mantén ocupada e lle permite sentir que a súa vida ten futuro. ″Teño moita sorte ao poder seguir teletraballando. Penso que é importante seguir traballando para manter a nosa economía e ao noso Goberno″, explica en perfecto castelán, unha lingua que aprendeu para ″satisfacer a curiosidade e ampliar coñecementos doutras culturas″, polo que tamén fala inglés. Fala ucraíno, pero a súa lingua materna é o ruso, pois a súa familia –como moitas na rexión de Dombás– é de orixe rusa.

O interior da estación de tren de Lviv convertida nun refuxio para mulleres e nenos este mes de marzo © UNICEF/UN0606571/Moskaliuk

"Todos soñamos con volver á vida normal e con recuperar o control das nosas vidas”, di Anna

O que pasa agora é moito peor que o que vivimos en Donetsk, ninguén puido imaxinar algo así. O 24 de febreiro, cando me chamaron os meus familiares para dicirme que estabamos en guerra, non o podía crer″, salienta. A incerteza protagoniza a súa vida neste momento e non se sabe por canto tempo será así. Non sabe cando poderá volver ver a súa nai. Ela seguiu vivindo en Donetsk e Anna conta que só podería abandonar a cidade a través de Rusia. Pero non saben se terá problemas unha vez alí, a pesar de coñecer ben o idioma.

″Ao principio estaba moi perdida. Estaba agardando. Pero cando pasaron dúas semanas penso que todo o país se decatou de que esta guerra ía durar moito. Dalgunha maneira, temos que aprender a vivir nestas novas condicións. Non quería irme de Kíiv, pero chegou un punto no que non podía máis. Estaba vivindo no décimo sexto andar dun edificio e tiña que pasar as noites no soto polos bombardeos. Traballaba todo o día e durmía alí porque a miña casa non era segura. Pero xa non podía aguantar, sentíame mal fisicamente″, relata.

"En moitas cidades a xente fala ruso, coma min, pero iso non significa que non me sinta ucraína"

Para Anna, a argumentación de Vladimir Putin para iniciar este conflito é só un pretexto. "Rusia di que vai salvar a poboación falante de ruso, paréceme ridículo. Queremos vivir na Ucraína, somo ucraínos. En moitas cidades a xente fala ruso, coma min, pero iso non significa que non me sinta ucraína. Non preciso que ninguén me salve –asevera–. Tamén din que o noso Goberno nos discrimina aos que falamos ruso e non pasa nada diso. Vivín en Kíiv os últimos oito anos falando case todo o tempo ruso e non tiven ningún problema. Nin no traballo nin na miña vida cotiá”. 

Mudarse en guerra

Uns amigos lles deixaron o seu coche a Anna e á súa parella para viaxar a Lviv, a cidade máis próxima á fronteira con Polonia que se converteu na vía de saída da maioría das persoas que foxen da guerra. É un traxecto que normalmente duraría unhas sete horas e que a eles lles levou máis de dous días polos atascos que se forman nos controis. Custoulles atopar un piso para alugar, pasaron varios días indo e vindo desde unha vila próxima na que uns familiares que non coñecían en persoa os acolleron. ″Estamos moi perdidos, non sabemos o que vai pasar nin canto vai durar isto. Pero, de momento, sentímonos mellor aquí″, defende.

Prefire que non aparezan o seu apelido nin a súa imaxe para evitar ter problemas no traballo, pero non quere deixar de explicar o que está a vivir. ″Son unha afortunada –repite–. Tiven moitísima sorte, aínda que estou vivindo isto por segunda vez, toda a miña familia está viva. Seguimos traballando, temos onde vivir e que comer... Non sei, tiven moita sorte e creo que teño que dicilo porque vexo o que lle está pasando a tanta xente do meu pobo a diario; e isto non é nada en comparación″.

Cada día ten unha reunión no traballo para comprobar que todos seguen ben. Conéctanse por vídeoconferencia para vérense as caras, algúns dos seus compañeiros están fóra do país. Outros, como Anna, tratan de resistir dentro das fronteira da Ucraína. Porén, ela incide en que non se quere deixar levar polo odio. ″Coa guerra volve o odio outra vez, como nas guerras eternas do pasado. Os problemas entre Rusia e Ucraína xa duran séculos. No cole aprendemos poemas dos nosos poetas de hai un século e, agora, estounos lendo e todos son pertinentes. Cada palabra. E o inimigo é o mesmo aínda que se nomee de diferentes formas: Rusia″.

″Cando remato co traballo non teño enerxías nin forzas, non podo nin ver películas nin ler libros. Só vemos as noticias"

Escápaselle un ″estou furiosa″. Intenta manter a mente fría, así o explica, porque sabe ″que as guerras non son eternas″ e que cando isto remate, pase o que pase, o camiño tampouco será doado. E ela quere ter un futuro na Ucraína. A guerra xa tivo demasiados efectos nos seus plans de vida. Séntese agradecida polos familiares e amigos que a axudaron nestas semanas, pola solidariedade entre a xente no medio dos bombardeos. En Lviv séntese máis protexida, obedece ás alarmas que soan varias veces ao día e baixa ordenadamente ao refuxio do edificio no que está a vivir, pero di que non é comparable coa situación en Kíiv. ″Aquí chegan menos misís″, asegura.

Traballa unhas 12 horas diarias e cada día ten que resolver novos problemas. Nos momentos libres está comprobando todas as novas que aparecen nos medios de comunicación e as informacións que lle chegan a través do seu círculo máis íntimo. Co sucedido en Bucha, o seu teléfono encheuse de imaxes que quedarán gravadas na súa retina por moito tempo. ″Cando remato co traballo non teño enerxías nin forzas, non podo nin ver películas nin ler libros. E todo o mundo está así, só vemos as noticias″, apunta.

Persoas que foxen da Ucraína pola guerra agardan para subir aos autobuses na fronteira coa República Moldova © UNICEF/UN0612412/Vladimir

Bucha, un punto de inflexión

″Lamentablemente, semella que a guerra é a única opción que temos se queremos ser independentes, soberanos″, afirma Anna, quen considera que hoxe ″máis xente apoiaría o rumbo de achegamento a Europa″ dentro da Ucraína, como defende o presidente Volodímir Zelenski, pois cre que hai ″máis consciencia″. A masacre civil de Bucha está recente, supón un golpe máis de realidade para ela dentro do horror da guerra. Semella que sexa un punto de inflexión. Con todo, marchar non entra nos seus plans porque a súa parella pertence a esa franxa de idade á que non se lle permite saír do país.

″Non tiñamos e non temos outras opcións. Tivemos que tomar unha decisión sobre os nosos valores e agora, como Rusia ten outros plans, temos que defender a nosa escolla. Antes non o entendía, pero agora entendo que é inevitable. Esta guerra tiña que pasar. Se queremos seguir sendo un país independente temos que pelexar por iso. Todos soñamos con volver ás nosas vidas normais e con recuperar o control das nosas vidas, porque agora non estamos controlando nada″, debulla.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.