O xornalista afgán de 24 anos Mohammad Ali Pakdel leva seis meses en Ourense xunto a oito membros da súa familia despois de fuxir de Kabul coa toma do poder dos talibáns
Na familia de Mohammad Ali Pakdel son tres as xeracións marcadas pola guerra en Afganistán. O seu avó facía ″unha vida moi normal″, tiña sete fillos e traballaba nunha tenda para manter a familia. Esa vida mudou cando foi asasinado durante a invasión soviética a finais dos anos setenta, convertendo o pai de Mohammad nun refuxiado en Irán, onde naceu el. Alí, a súa familia refixo a súa vida e traballou ″de todo″ para saír adiante. No ano 2002, coas posibilidades de cambio en Afganistán, regresaron ″coa esperanza de mellorar a situación do país″.
Hoxe, vinte anos máis tarde, Mohammad Ali Pakdel e oito membros da súa familia son hoxe refuxiados en Ourense tras lograr saír de Kabul despois da toma do poder por parte dos talibáns. ″A historia repítese e eu volvo ter que comezar unha nova vida con status de refuxiado nun país que non é o meu″, afirma. Os seus pais, a súa irmá e dúas das súas fillas, o seu irmán e mais a súa parella, que teñen un bebé, están a salvo grazas a actuación de Reporteiros Sen Fronteiras sobre o terreo, que logrou que o Goberno de España os trouxera nun dos voos que autorizaron nos primeiros días da represión talibán no país.
Mohammad Ali Pakdel ten 24 anos e é xornalista. Este luns falou de privilexios, de conciencia social, de liberdade de expresión, de responsabilidade e de paz na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela nunha xornada aberta ao alumnado, Informar en Afganistán: A ameaza dos talibáns, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, na que tamén participaron o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, e mais o decano da facultade, Xosé Ramón Pousa Estévez.
Para el as guerras son unha constante. Conta que o conflito en Afganistán non cesa ″porque hai moitos países que buscan o seu beneficio en terras afgás″. De feito, lembra que cando a súa familia regresou en 2002, xunto a outras moitas no exilio, o país ″precisaba máis atención das grandes potencias mundiais e axuda″. ″Pero en 2003 comeza a guerra de Iraq, os Estados Unidos e a OTAN están alá e toda a atención vira cara alá, e Afganistán queda esquecido de novo″, lamenta, pois considera que ese baleiro é aproveitado polos talibáns para reorganizarse e chegar ás institucións.
″Se traballas correctamente como xornalista en Afganistán estás xogándote a vida″
Isto é o que advirte que pasou nos últimos anos, outra vez. ″A situación actual en Afganistán é realmente mala, especialmente para as mulleres e para os medios de comunicación; pero en occidente ninguén fala xa de nós″, critica o xornalista, que traballaba na axencia de noticias afgá Ava Press en Kabul. En 2017, un atentado suicida nas oficinas nas que traballaba matou a varios dos seus compañeiros. ″Se traballas correctamente como xornalista no meu país, estás xogándote a vida″, asegura.
″Parte prioritaria do traballo como xornalista é coidar dun mesmo, teño visto xornalistas que se achegan ao lugar dunha explosión e, de pronto, hai unha segunda detonación que os mata. Non hai que precipitarse″, aconsella desde a súa experiencia. ″Aquí tedes a oportunidade de medrar e ser bos xornalistas, de contar o que está a pasar no mundo. Nós podemos traer o cambio, todos podemos facer algo pola paz. Non queremos vivir nun mundo en guerra, queremos a paz para as xeracións futuras. Temos que crear unha nova conciencia á hora de informar″.
Así se dirixiu ao alumnado en Santiago, onde falou desde ″o privilexio″ de estar ″a salvo″ e saber que a súa familia máis próxima está ben. O mesmo ″privilexio″ que considera que hai en occidente para informar sobre a corrupción e as guerras, pois ″a diferencia de ser xornalista en España ou en Afganistán é que alí hai cousas que non podes facer porque é a túa a vida a que está en xogo″. ″Espero que todas as guerras rematen″, di, pensando nos millóns de persoas refuxiadas e as que permanecen en Ucraína loitando na guerra iniciada por Vladimir Putin. “Mando todo o meu apoio ao pobo ucraíno, pero non quero que occidente esqueza o meu pobo”, engade.
"Queremos comezar unha vida normal desde aquí"
Mohammad Ali Pakdel, que contou coa axuda de Felipe Outeiriño para traducir as súas palabras do inglés ao galego, está agora aprendendo castelán para ″ser útil aquí″. ″Non quero estar na casa facendo cousas que non son importantes. Quero poder traballar como xornalista en España e seguir sendo un altofalante da realidade do meu país″, defende, ″ninguén quere os talibáns e eles queren vinganza de todos os afgáns, sobre todo das mulleres que vivían con liberdade e agora están no cárcere ou non poden facer a súa vida, non poden seguir os seus estudos″.
″Creo que vou estar en España moitos anos porque a situación no meu país non é boa. Para os meus pais está a ser máis duro adaptarse, para os máis novos é máis doado. Pero para todos nós é moito mellor estar aquí. Queremos comezar unha vida normal desde aquí″, apunta consciente de que isto é ″un privilexio″ que non tiveron moitos dos seus amigos en Afganistán.
O verán pasado, cando tivo lugar a revolta dos grupos talibáns, marchou para o aeroporto de Kabul. Tivo claro que non podía quedar no país e permaneceu á intemperie coa súa familia mentres buscaba unha vía de escape. Fixo de intérprete para soldados españois e entrou en contacto cun xornalista chileno, Jorge Said, que foi quen acudiu a Reporteiros Sen Fronteiras para axudalo.
Mentres Mohammad Ali Pakdel aterraba en Madrid coa súa familia, dous dos seus compañeiros xornalistas morreron nunha explosión en Kabul. Ten amigos escapados en Pakistán e Irán, e moitos que seguen en Afganistán e non poden traballar. Pídenlle axuda e sente impotencia, pero non ten como axudalos: ″Só podo contarlle a todo o mundo o que vin alí, o que está pasando no meu país, para que non se esqueza. O único que podo facer é espallar a súa voz″.