A fulgurante conquista da práctica totalidade de Afganistán por parte das forzas talibáns leva meses provocando a fuxida de milleiros de persoas do país, un éxodo incrementado pola toma da capital, Cabul. Nos últimos días foron moitos os chamamentos para poñer en marcha dispositivos de acollida de refuxiados e refuxiadas e dende algúns países e territorios anunciouse a posta á súa disposición das infraestruturas dispoñibles.
Varias comunidades autónomas puxeron as súas infraestruturas para levar a cabo esta acollida, realizando chamamentos públicos ao Goberno central para que acelere os procesos que permitan o traslado destas persoas
No Estado español, o Goberno central ofreceu recibir de inmediato os ao redor de 400 afgáns que traballaron nas institucións europeas para posteriormente ser distribuído entre os distintos países da Unión Europea. Ademais, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, afirmou que "o noso sistema de Protección Internacional xa está preparado para dar unha acollida digna a todas as persoas que cheguen de Afganistán coas súas familias".
Así mesmo, varias comunidades autónomas puxeron as súas infraestruturas para levar a cabo esta acollida, realizando chamamentos públicos ao Goberno central para que acelere os procesos que permitan o traslado destas persoas, que poden estar ameazadas polo novo réxime talibán que agora controla o país. Así o fixeron Baleares, Cataluña, Castela-A Mancha ou Aragón, o mesmo que Gobernos municipais coma o de Barcelona, o de Valencia ou o de Madrid; tamén Euskadi, Navarra, Castela-A Mancha, Cantabria ou a Comunidade Valenciana realizaron declaracións manifestando que os seus recursos están a disposición do que decida o Goberno central.
"Un pobo como o galego, que sempre foi solidario, que viviu a emigración que viviu e o refuxio despois dunha guerra, ten que dar exemplo", dixo Gómez Reino
En Galicia son varios xa os chamamentos dirixidos á Xunta para que poña en marcha os seus dispositivos de axuda e acollida, especialmente pensando nas mulleres e nenas afgás, principais prexudicadas pola vitoria talibán. Podemos Galicia instou o martes ao Goberno galego "a dar auxilio á poboación afgá que busque refuxio tras escapar do seu país e da ofensiva dos talibáns, unha grande cantidade de civís que deixan o seu fogar por medo, froito do recordo da brutalidade por parte do grupo fundamentalista islámico".
O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, afirmou que “é o momento de tomar partido para minimizar o nefasto papel que tivo Occidente da man de Estados Unidos neste conflito. É o momento de abrir vías seguras para todas as persoas que necesitan fuxir ante unha realidade tan difícil”. “Temos que evitar una crise humanitaria e unha crise migratoria sen precedentes. Entendemos que un pobo como o galego, que sempre foi solidario, que viviu a emigración que viviu e o refuxio despois dunha guerra, ten que dar exemplo. Pedímoslle a Feijóo que dea un paso adiante e diga que Galicia tamén está disposta a acoller un número importante de refuxiados e refuxiadas afgáns no momento que máis o precisan”, engadiu Gómez Reino.
As Xuventudes Socialistas reclámanlle a Núñez Feijóo que "abandone o seu silencio e poña a disposición infraestruturas do país para acoller refuxiados"
Tamén dende as Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) demandaron á Xunta que "abra as portas de Galicia aos refuxiados afgáns, sobre todo mulleres e nenas", reclamándolle a Núñez Feijóo que "abandone o seu silencio e poña a disposición infraestruturas do país para acoller refuxiados". Xurxo Doval, representante das XSG, manifestou que “é aterrador escoitar ás mulleres afgás que choran pola súa vida e pola das súas fillas ante un futuro incerto marcado polo terrorismo machista máis macabro do fundamentalismo islámico, non podemos deixalas soas, débese actuar xa”.