O camarógrafo ferrolán José Couso morreu o 8 de abril do ano 2003 por un disparo dun tanque estadounidense durante a toma de Bagdad. A cobertura xornalística das guerras adoita ser incómoda para os exércitos en conflito, como se demostrou en Irak e como se está a demostrar, unha vez máis, na Guerra de Ucraína.
Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija cubriron ou están a cubrir o conflito entre Rusia e Ucraína e Mònica Bernabé destacou polo seu traballo en Afganistán
Nos seus case vinte anos de historia o Premio José Couso de Liberdade de Prensa recoñeceu en varias ocasións o traballo dos correspondentes de guerra (ou "correspondentes de paz", como adoita dicir Olga Rodriguez), como sucedeu nos casos de John Lee Anderson, o recoñecemento compartido para Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas ou o premio concedido a Mónica García Prieto, que nesta entrevista destacaba que "a única forma de reducir a propaganda nunha guerra é que haxa moitos xornalistas sobre o terreo"
Este ano, coincidindo coa declararación dunha nova guerra, desta vez en Ucraína, os galardóns ollan para a información internacional e, especialmente, para a que están realizando (ou intentan realizar) varios profesionais do Estado español. Así, á edición deste ano concorrerán Mònica Bernabé, xornalista destacada polo seu traballo en Afganistán; Pablo González, informador encarcerado en Polonia baixo a acusación de espionaxe; Víctor Guerrero, enviado especial da televisión pública á guerra de Ucraína; e Érika Reija, correspondente da TVE en Moscova.
Mònica Bernabé é unha comunicadora catalá coñecida especialmente polo traballo que desenvolveu como xornalista en Afganistán, onde viviu case oito anos, e polo seu labor como defensora dos dereitos humanos nese país. Na actualidade, é responsábel da sección de Internacional do xornal Ara.
Pablo González é un xornalista e politólogo vasco especializado na información da órbita ex soviética. Mentres informaba sobre o Donbass, foi acusado de "prorruso" polos servizos secretos ucraínos e convidado a abandonar o país. De volta en Polonia, cubría a chegada de refuxiados cando foi detido pola intelixencia dese país. Actualmente encóntrase no cárcere de Rzeszów, acusado dun delito de espionaxe.
Victor Guerrero, informador asturiano cunha ampla traxectoria nos medios públicos estatais, cubriu recentemente a guerra de Ucraína como enviado especial para Televisión Española. As súas informacións destacan polo rigor, o achegamento ás historias persoais que hai por tras dos enfrontamentos e unha continua cobertura da actualidade do conflito.
Érika Reija, xornalista lucense experta no mundo árabe, traballa na sección internacional dos servizos informativos de TVE desde o ano 2004. O pasado 5 de marzo abandonou a correspondencia de Moscova, que ocupaba desde o 2017, logo de que Rusia aprobara unha lei que sanciona con até 15 anos de cadea a publicación de informacións que o goberno considere como falsas.
"A única forma de reducir a propaganda nunha guerra é que haxa moitos xornalistas sobre o terreo", destacaba a gañadora do Premio Couso en 2013 Mónica García Prieto
O Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, chega este ano á súa 18ª edición. Ábrese agora o prazo para elixir a candidatura gañadora, para o que poderán votar todos os colexiados e colexiadas do CPXG e asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol ata o vindeiro 7 de abril. Como vén sendo habitual o galardón entregarase nos primeiros días de maio, coincidindo co Día Mundial da Liberdade de Prensa.
As dezasete edicións anteriores foron para Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).