O xornalista Lorenzo Milá obtivo o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Nas votacións realizadas nas últimas semanas polas persoas que integran estas dúas entidades, Milá superou á actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea.
Para o CPXG, Milá é un dos profesionais "que personalizan a mellor época de independencia nos informativos nos medios públicos", onde presentou La 2 Noticias e o Telediario 2. Desde o 2014, ocupa a correspondencia en Italia para a TVE, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a COVID-19. Nos últimos días coñeceuse que en breve abandonará este posto, para regresar a España, por decisión da nova dirección da TVE.
Dedica o premio a "tantos profesionais da comunicación que xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias"
Debido ás circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, non foi posíbel celebrar a rolda de prensa para anunciar o fallo desta edición do Premio Couso nin os tradicionais actos de entrega en Ferrol. O CPXG indica que "cando a situación o permita", realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón.
Lorenzo Milá enviou desde Roma un vídeo no que agradece o premio e llo dedica a "tantos profesionais da comunicación que se xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias, unha función crucial".
O CPXG indica que "cando a situación o permita", realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón
Leva traballando en TVE dende mediados dos anos 80, desenvolvendo distintas responsabilidades sobre todo na sección de informativos. Entre 2003 e 2004 foi correspondente adxunto na delegación de TVE en Washington. Posteriormente estivo no Telediario nocturno de La 1. En 2009 marcharía de novo a Washington, desta vez como correspondente principal. Foi tamén presentador e moderador da maioría das edicións do programa Tengo una pregunta para usted
Lorenzo Milá súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018) e Defende A Galega (2019) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.