"Se os poderes non cambian de táctica, ao final a marea vainos arrastrar"

Évole, entre os xornalistas Xaime Leiro e Xosé Manuel Pereiro, en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

"Recibir o Premio José Couso é para min unha honra e, ao mesmo tempo, éncheme de rabia porque oxalá non recibira eu nin ninguén este premio, porque iso significaría que a José Couso non o asasinaron nesa guerra indigna e inxusta”. Jordi Évole recolleu este martes en Ferrol o galardón que cada ano entregan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa da cidade departamental, que dende ahi once anos recoñece o traballo a prol da liberdade de información, dende Ali Lmrabet (2003), aínda perseguido polo réxime marroquí, a Mónica García Prieto (2013) ou os reporteiros de guerra Javier Espinosa, Ricardo García Vilanova e Marc Marginedas (2014).

Na cerimonia, celebrada no Teatro Jofre, en entrevistas e na rolda de prensa ofrecida no Concello, Évole falou moito de xornalismo, da necesidade de evitar que sexa o poder quen marque as axendas e da renacida fame de información da sociedade española, demostrada nas millonarias audiencias de Salvados e doutros programas. E lembrou en varias ocasións, ante os familiares do cámara ferrolán, a figura de Couso e as circunstancias da súa morte: “Ao recibir este premio quero lembrar a todos aqueles políticos que aplaudiron nos seus escanos o día que o Congreso aprobou a entrada de España naquela guerra, e que hoxe seguen nas súas poltronas ou que, se xa marcharon, marcharon de rositas”.

 

"Os cidadáns necesitan respostas a preguntas incómodas"

“Ao recibir este premio quero lembrar aqueles políticos que aplaudiron nos seus escanos o día que o Congreso aprobou a entrada de España na guerra, e que hoxe seguen nas súas poltronas ou que, se xa marcharon, marcharon de rositas

Vivimos un tempo de cambios, moi especialmente este semana, cos resultados das eleccións do domingo aínda frescos. Uns cambios nos que os medios de comunicación (os novos e os tradicionais) funcionan como campo de batalla e como actores. De feito, na valoración dos malos resultados obtidos polo PP nas eleccións do domingo, Mariano Rajoy fixo referencia aos erros comunicativos cometidos polo seu partido. Para Évole, os resultados “son consecuencia do fracaso de moitas políticas, non só a comunicativa, son consecuencia de erros na xestión e do afastamento da cidadanía". E quixo estender este diagnóstico á situación do xornalismo e á relación coa sociedade: "Este afastamento non só lles afecta aos políticos, senón tamén aos xornalistas, que ás veces temos a orella máis preto dos despachos que das rúas, e iso acaba por pasarnos factura, sobre todo na nosa credibilidade. Creo que os xornalistas temos que tomar boa nota do que lles pasa aos políticos”.

Hai crise nos medios, xusto nun momento no que a cidadanía está máis interesada que nunca pola información, como demostra o éxito de novas iniciativas xornalística da rede ou as cifras de audiencia de Salvados, El Intermedio ou das tertulias políticas televisivas. "O momento ten semellanzas co que sucedía na Transición. E agora que estamos vivindo unha segunda transición, volve espertar ese interese informativo que oxalá non desapareza nunca", di. "Da crise ten que quedar un incremento da conciencia cidadá e da conciencia crítica. Durante moito tempo, neste país, todos miramos cara a outro lado, porque a todos nos ía máis ou menos ben. Se todo isto non acaba servindo de nada é que somos un pouco burros. Sería bo que desta mala época aprendésemos algo, a non mirar cara a outro lado, algo que afectou moi especialmente á prensa", engade.

"Se todo isto non acaba servindo de nada é que somos un pouco burros. Sería bo que desta mala época aprendésemos algo, a non mirar cara a outro lado, algo que afectou moi especialmente á prensa"

Que temas faltan por tratar en Salvados? "Faltan moitos temas e tamén moitas voces. Nos últimos catro anos só conseguimos que un ministro deste Goberno pasase polo programa. Se cadra Rajoy cando falaba de problemas de comunicación tamén se refería a iso: a non ter dado a cara cando tocaba. Espero que o PP, continúe no poder ou non, cambie de actitude, porque os cidadáns necesitan respostas a preguntas incómodas, e se non entenderon iso é que non entenderon o que pasou nestes catro anos neste país. Se non se decatan do que cambiou aquí dende o 15 de maio de 2011 é que non se decataron de nada. Ou os poderes cambian de táctica, ou ao final a marea vainos arrastrar", di.

"O que pasou o domingo" -continúa- demostra que a xente non é tan parva. Se non falando dun tema se conseguise facer desaparecer ese tema, hoxe Ada Colau non sería alcaldesa de Barcelona". "A xente decátase de moitas cousas e cada vez quere saber máis. Neste país a cidadanía ten moito aguante, pero hai un gota a gota que vai caendo, e gota a gota ao final faise unha marea", engade.

"Hai unha nova xeración, moi ben formada, que viviu a precariedade, que ten pouco que perder, e iso fai que teña unhas ganas de cambio moi grandes. E esas xeracións conviven con outras, que si viviron os anos setenta e oitenta, e que están moi enfadadas, porque todo aquilo que lle dixeron naquel momento non se cumpriu. O cambio no país é bastante transversal, e cada vez súmase máis xente. Dende o poder quíxose lanzar a mensaxe que o 15M estaba morto, que era tan só un calentón de primavera, pero parece que esa primavera dura e comeza a ter froitos palpables. O cidadán converteuse en infiel a moitas cousas ás que antes non era infiel. Antes dicíase iso do voto do berce á tumba e iso é algo que agora cambiou", sinala.

"Se non se decatan do que cambiou aquí dende o 15 de maio de 2011 é que non se decataron de nada. Ou os poderes cambian de táctica, ou ao final a marea vainos arrastrar"

Cambia a política e cambian os medios e o consumo de información. "Vivimos nun momento de inundación informativa, e como di Iñaki Gabilondo, nun momento de inundación o máis difícil é atopar auga potable. Se cadra agora a auga potable hai que atopala buscando en distintas fontes, e agora iso é máis doado, cos medios dixitais e as redes sociais, cos que ti fas o teu propio menú informativo", destaca Évole, que confía en que os cambios sociais leven a un xornalismo máis libre, tamén nos medios públicos: "Négome a pensar que isto vai ser sempre así, que cos cambios políticos que está habendo e vai haber os novos gobernos van poñer á fronte dos medios públicos aos seus, igual que fixeron os outros. Non me dá a gana. Temos que pelexar para que iso non sexa así".

 

O xornalismo como trincheira

“Considérome un auténtico privilexiado", recoñece. "O equipo de Salvados ten a forza de toda a xente que nos ve; iso choca cos intereses da túa propia canle e do teu grupo mediático, pero ti tes que facer valer esa forza para publicar o que queres publicar, máis aló de que non lle guste ao teu patrón. Para facer un programa coma o que facemos, necesitamos directivos forte, e ata agora os do grupo Atresmedia fórono e moito", di. "A nosa forza é a audiencia. O día que non teña audiencia, pegaranme unha patada, pero cando menos quero que cando ma peguen, poida dicir: 'é que ma están pegando con razón, o que non sei é como non ma deron antes'", engade.

"A nosa forza é a audiencia. O día que non teña audiencia, pegaranme unha patada"

"Por desgraza hai poucos xornalistas que teñan a forza que temos nós. A precarización é o cancro desta profesión", subliña. "A solución pasa por unha redistribución da riqueza. Porque segue habendo xente que gaña moitos cartos cos medios e iso non chega ás redaccións, a eses xornalistas que teñen que cubrir tres roldas de prensa cada mañá e aos que ademais se lles esixe que publiquen temas orixinais e de investigación", denuncia. Évole reclama que sexan os xornalistas os que lles marquen a axenda aos poderes, e non ao revés: "Hai unha tendencia a que aos xornalistas lles marquen a axenda, pero isto pasa en parte porque os xornalistas nola deixamos marcar. Pois se cadra non fai falla ir ás roldas de prensa das institucións, dedicando ese tempo a pisar as rúas e sacar temas propias, e que despois sexa o político de turno o que teña que convocar unha rolda para dar explicacións sobre o tema que levantou o xornalista".

A clave, repite, é marcar a axenda e resistir as presións: "Onde peor están os xornalistas é nos lugares pequenos, porque o poder está máis cerca. Cando máis cerca está o xornalismo do poder, en peor situación está. Hai unha elite económica e política á que lle resulta moi doado coller o teléfono e presionar o director dun medio. O que queren é que baixemos os brazos e isto é o que non podemos facer". E lembra unha frase do periodista catalán Josep Maria Huertas, que dicía que "cada xornalista tiña que converter a súa mesa nun Vietnam, nunha trincheira, defender o que quere publicar mesmo por riba dos intereses do seu medio”.

 

O éxito de Salvados

"Cada xornalista tiña que converter a súa mesa nun Vietnam, nunha trincheira, defender o que quere publicar mesmo por riba dos intereses do seu medio”

Évole defende e reivindica a mestura de formatos á hora de informar, coma a que practica no seu espazo: "Gústame a mestura, cada vez me gusta menos a pureza, de formatos e noutras cuestións". E ante o estupor que provocaron nalgúns sectores algúns dos seus programas, afirma que aspira a "seguirmos explorando esas fronteiras e eses límites". En canto aos temas nos que atopou máis dificultades para sacar adiante, comenta que ás veces, máis que polo tema en si, "é máis difícil romper a axenda, recuperando asuntos algo esquecidos, dos que xa se falou nalgún momento e dos que xa non se fala". "Pasounos co caso do Metro de Valencia e mesmo coa entrevista a Iñaki Rekarte, pola que nos dixeron 'pero se xa ninguén fala de ETA, para que vas sacar o tema outra vez'?”, di.

"Máis que a obxectividade, gústame practicar a honestidade: explicar a realidade que atopei, non modificala para poñela ao servizo do que eu xa pensaba"

Preguntado sobre se entrevistaría os asasinos de José Couso, Évole di que "si, por suposto, faría esa entrevista. É que eu creo que o xornalismo é iso. E moitas veces o xornalismo pode chocar coa dor dunha vítima, pero se ti cres que esa entrevista achega unha nova información, unha nova perspectiva, tes que facela”. Que posición debe adoptar como xornalismo ante un tema e ante un entrevistado? Que valor ten a obxectividade? "Cando facemos unha entrevista, todos imos cunha idea preconcibida, cuns certos prexuízos, e a min encántame que nunha entrevista se me rompan eses esquemas, e aparezan matices. Cando era pequeno, pensaba que a vida era de bos e malos, pero a medida que fun crecendo, decateime de que nin os bos son tan bos, nin os malos son tan malos". "Máis que a obxectividade, gústame practicar a honestidade: explicar a realidade que atopei, non modificala para poñela ao servizo do que eu xa pensaba", conclúe

Jordi Évole, recollendo o Premio José Couso no Teatro Jofre de Ferrol Dominio Público @esmudiense
Évole, asinando no libro de honor do Concello © CPXG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.