"Siria é un taboleiro de xogos, como o foi a guerra civil libanesa. E a guerra ten moito máis potencial desestibilizador que calquera outro conflito da zona. A guerra vai durar anos". Mónica García Prieto vive en Beirut dende 2007 e dende alí leva anos informando sobre o terreo das primaveras árabes e nos últimos tempos, sobre todo, da Guerra de Siria. A xornalista recolleu o xoves o IX Premio José Couso de Liberdade de Prensa e reivindicou o importante labor dos freelance para informar do que acontece. De feito, declarou que entende o galardón como "un recoñecemento xeral á cobertura da crise de Siria", onde só traballan xornalistas freelance que "non atoparon cabida en medios convencionais".
"Siria é un taboleiro de xogos, como o foi a guerra civil libanesa. E a guerra ten moito máis potencial desestibilizador que calquera outro conflito da zona. A guerra vai durar anos"
Este venres mantivo un encontro con xornalistas en Compostela, no que destacou o paulatino empobrecemento da informacion internaciónal e da cobertura dos conflitos armados: "Case ningún medio está cubrindo a guerra de Siria, que é o conflito máis importante que temos aberto nestes momentos. Nin sequera a CNN, que pode mandar un equipo unha vez ao ano e o resto do tempo o cobre con freelances". Mónica García salienta que "dende o 2001 coas Torres Xemelgas e sobre todo dende o 2003 e a invasión de Iraq cambiou completamente o xornalismo internacional". E conclúe que "a única forma de reducir a propaganda nunha guerra é que haxa moitos xornalistas sobre o terreo".
"Case ningún medio está cubrindo a guerra de Siria, que é o conflito máis importante que temos aberto nestes momentos"
Un dos cambios máis importantes foi a práctica de empotrar os xornalistas nas unidades militares nortemericanas -viaxar con eles, ser protexidos por eles- como garantía para obter información en primeira liña. "Nunha guerra é moi difícil separar o xornalismo civil do militar, sobre todo dende que os redactores comezaron a ir empotrados. Vas cun chaleco e un casco coma os dos soldados. Por moito que leves roupa civil a min paréceme entendible que sexan disparados. E se non ías empotrado, ías acompañado por un camión cheo de soldados". Mónica García afirma que "iso fixo que se perdese o respecto polo reporteiro de guerra e ademais creou a paranoia de que é moi perigoso traballar nunha guerra. Sempre o foi, por suposto".
Todo iso acabou producindo, por unha banda, que os grandes medios deixasen de enviar xornalistas e cubrisen os conflitos por axencias ou a través de freelances. Outro dos cambios é que os grandes medios comezaron a traballar en grandes centros fortificados e a pagan mercenarios armados para os traslados: "pagas 3000 euros para un traxecto que podes facer en taxi por 30. Creouse un gran negocio ao redor dos correspondentes de guerra", explica. "Eu como freelance teño un plantexamento diferente: vou a un hotel pequeno e intento pasar desapercibida. Vestir como unha muller local, non falar en público para que non se note o meu acento e ir só acompañada por persoas da zona".
"Eu como freelance vou a un hotel pequeno e intento pasar desapercibida. Vestir como unha muller local, non falar en público para que non se note o meu acento e ir só acompañada por persoas da zona"
"Como os medios cada vez envían menos xente isto creou un espazo libre para os freelances, pero estes están mal pagados e non teñen apoios. E máis en Siria onde non funcionan as axencias de seguridade -mercenarios- coas que traballan os grandes medios", conta, "e así como en Bosnia había centos de xornalistas sobre o terreo e tamén en Afganistán ou Iraq, en Siria hai moi poucos que o cubran in situ. Todo isto provoca que a guerra se cubra mal con pezas soltas e de pouca profundidade e suxeitas á propaganda das dúas partes".
O traballo dunha xornalista na guerra
O traballo de Mónica pasa por seguir o gran curso da guerra: "hai que estar atenta a como evolucionan as frontes, que en Siria cambian moi rápido, porque hai combates todos os días e todos os días gáñase ou pérdese terreo". Pero tamén hai moitas historias persoais ou locais: "Eu estou en Beirut e vou a Siria cando teño un contacto. Pero en Beirut chegou xa un millón de refuxiados procedentes de Siria: son o 25% da poboación actualmente. A xente mendiga para que lle aluguen un cuarto, dorme na rúa, acampa onde pode ou aluga un anaco de terra para facelo".
"A versión do réxime chega pola axencia oficial Sana. E as dos rebeldes, como non teñen axencias ou medios de comunicación, chéganche por Skype ou polas redes sociais"
Como flúe a información nunha guerra? "A versión do réxime chega pola axencia oficial Sana. E as dos rebeldes, como non teñen axencias ou medios de comunicación, chéganche por Skype ou polas redes sociais". A xornalista engade que "agora aos rebeldes teñen moitas máis conexións por satélite e multiplicouse o número de persoas que che mandan información. E non sabes que crer. Cada información que chega tes que contrastala por dúas ou tres vías. Ou chamas a alguén polo terreo: despois de dous anos teño unha rede de persoas que coñezo por toda Siria".
A fiabilidade das información que se difunden polas redes sociais é un dos puntos clave nestes momentos. Foron varias as informacións difundidas polos medios occidentais contra o réxime de Assad que partiron de vídeos falsos ou de informes pouco contrastados. "O primeiro é rectificar. A Guerra de iraq sustentouse nunha mentira", afirma e explica que "son moi cauta cos vídeos que me chegan dos rebeldes sirios pero comprobos se son reais ou non polos uniformes e sobre todo polos acentos". Tamén afirma que "en cambio hai moitas cousas ás que non se lles está dando a importancia que merece. Por exemplo a matanza de Bayda realizada por Assad, da que case non se falou porque coincidiu co atentado de Boston"
O futuro da guerra
"Estanse destapando odios e feridas que nunca se pecharon. Tanto Iraq coma o Líbano tiveron as súas guerras civís entre sunitas e xiítas. E pecháronse en falso, como sucedeu en España"
Mónica García Prieto augura que a guerra durará anos: "Siria é un taboleiro de xogos. Como o foi a guerra civil libanesa. En Oriente Próximo, dende a invasión de Iraq que é a caixa de Pandora que destapa os odios entres sunitas e xiítas, hai unha guerra fría entre eles. Qatar e Arabia queren que Siria estea gobernados polos sunitas. E Irán quere manter o seu arco de poder entre Siria, Iraq e Irán. Teherán foi o único que gañou en Iraq pero non se está metendo directamente. Si están entrando en cambio en Siria xente de Hezbola e milicias xiítas dende Iraq".
"Os activistas que protestaban contra a ditadura xa se están desentendendo e din: esta xa non é a miña revolución, isto é unha matanza sectaria”
"Estanse destapando odios e feridas que nunca se pecharon. Tanto Iraq coma o Líbano tiveron as súas guerras civís entre sunitas e xiítas. E pecháronse en falso, como sucedeu en España. En Iraq vai estoupar unha guerra civil e en Libano xa está empezando con enfrontamentos en Tripoli". E conclúe: "Assad vai morrer matando e o pais está destruido con matanzas sectarias nun e noutro bando. Non tiña que ter habido guerra civil e se a houbo foi pola retórica do réxime, que asociaba todos os movementos de protesta na súa contra cos terroristas salafistas. Pero en realidade os activistas que protestaban contra a ditadura xa se están desentendendo e din: esta xa non é a miña revolución, isto é unha matanza sectaria”