O tribunal censura que España dese “por boas as reducidas explicacións” de Estados Unidos do seu ataque ao hotel no que estaba o cámara galego e non buscase “unha valoración obxectiva dos feitos, coas consecuencias que resultaran procedentes”
O Tribunal Supremo vén de confirmar a sentenza da Audiencia Nacional que hai ano e medio declarou a responsabilidade patrimonial do Estado polos prexuízos ocasionados á viúva e aos dous fillos do cámara galego José Couso por omisión de protección diplomática tras o seu falecemento por un disparo dun tanque estadounidense durante a toma de Bagdad o 8 de abril de 2003. O tribunal desestima o recurso de casación interposto polo Avogado do Estado contra a sentenza que recoñeceu o dereito a unha indemnización de 182.290 euros á familia do cámara (99.430 euros para a viúva e 41.430 para cada un dos fillos).
O Supremo examina a procedencia de que os cidadáns españois poidan invocar a protección diplomática do Estado español cando se lles ocasionou un dano por un acto internacionalmente ilícito por parte doutro Estado, determinando o contido da protección e os efectos no caso de que non se prestase na forma oportuna, podendo xerar a responsabilidade patrimonial da Administración pública, non en canto á indemnización do dano ocasionado, que non se garante coa protección diplomática, senón pola deficiente protección diplomática ou a denegación da mesma.
A sentenza declara, para os efectos de fixar xurisprudencia, que “os cidadáns españois teñen dereito á protección diplomática por parte da Administración nacional, para o resarcimento dos prexuízos ocasionados por un feito ilícito, conforme ao dereito Internacional, ocasionado directamente por outro Estado; a condición de que o propio prexudicado non puidese obter a reparación polos mecanismo de Dereito interno do Estado produtor do dano, sempre que estean establecidos e sexa razoable obter un pronunciamento expreso en tempo razoable”.
En consecuencia, indica o Supremo, “procederá a reclamación, en concepto de responsabilidade patrimonial da Administración, cando se acredite que o Estado español non prestou a protección diplomática, conforme aos requisitos que lle é esixido e atendendo á perda de oportunidade que comportaría dita omisión, sempre que concorran os restantes presupostos da devandita responsabilidade”.
“O Estado español estaba obrigado a facer xestións en prol dunha investigación internacional obxectiva dos feitos", di o Supremo, algo que constata que non fixo
No caso concreto, o Supremo conclúe que o Estado español omitiu a protección que lle foi requirida e que estaba obrigado a outorgar á familia de José Couso. Así, afirma que “o Estado español estaba obrigado, como se fai constar na sentenza recorrida, a facer xestións en prol dunha investigación internacional obxectiva dos feitos e, no seu caso, utilizar os medios que estimase procedente que puidese dar como resultado a reparación do dano ocasionado, non a dar a calada por resposta ou limitarse a dar por bos os argumentos dados en contra da ilicitude do feito polo Estado que o ocasionou en canto aínda que é certo que o Estado español non pode impoñer dita declaración no ámbito internacional, tampouco estaba obrigado o Estado español a dar por boas esas explicacións”. “O que non é admisible é omitir calquera acción que non sexa a de dar por boas as reducidas explicacións dadas polas autoridades do Estado que ocasionou o dano, senón a procura dunha valoración obxectiva dos feitos, coas consecuencias que resultasen procedentes”, engade.
O tribunal sinala que a discrecionalidade no dereito non comporta unha liberdade absoluta da Administración para adoptar unha decisión que puidese incorrer na arbitrariedade, ao apartarse dos fins para os que se confire esa potestade. “De aí a necesidade da motivación que, omitíndose de todo punto no caso de autos, xera o funcionamento, e ademais anormal por máis que sexa irrelevante, dos servizos públicos, xerando o dano que non é, en puridade de principios, o ocasionado polo falecemento do pai e esposo das recorrentes iniciais, senón a perdida de oportunidade de que estes obtivesen a reparación do dano ocasionado. E é esa perda de oportunidade a que se acolle pola Sala sentenciadora de instancia coa valoración dos prexuízos que se declaran na súa sentenza, que non se cuestionan en casación”, subliñan os maxistrados.
Na súa sentenza, o tribunal rexeita a alegación do avogado do Estado de que os recorrentes non esgotaron os recursos internos de reclamación ante os tribunais dos Estados Unidos. Neste sentido, afirma que unha pretensión desa natureza require unha importante dispoñibilidade económica da que non consta puidesen asumir os recorrentes. En definitiva, “se tan necesaria se consideraba pola Administración esa pretendida necesidade de realizar dita reclamación, ben se puido, non asumir esa reclamación a Administración española, que non está incluída na protección, pero si facilitar os medios para a devandita reclamación”.
Para os maxistrados o decisivo para rexeitar a argumentación do escrito de interposición é considerar que a Audiencia Nacional “non recoñece o dereito de resarcimento polo falecemento do pai e esposo dos recorrentes, menos aínda, porque deba o Estado español asumir o risco dun profesional nacional que falece no exercicio da súa actividade, senón que o título de imputación, necesario para apreciar a responsabilidade patrimonial, é o feito de que o Estado español omitiu a protección que lle foi requirida e que estaba obrigado”.