O 28 de xuño de 1936 Galicia celebrou o plebiscito do seu primeiro Estatuto. Máis dun milleiro de documentos daquel histórico proceso están dende agora dispoñibles para o seu libre acceso a través de internet
O 28 de xuño de 1936, hai agora 89 anos, Galicia celebrou o plebiscito do seu primeiro Estatuto de Autonomía. Aquela histórica votación viña culminar un proceso a prol do autogoberno que tivera un dos seus principais fitos na Asemblea de Concellos celebrada en Santiago en 1932, da que xurdiran acordos como a creación do Comité Central da Autonomía, órgano encargado de negociar coas autoridades da II República a convocatoria do referendo.
O "si" á votación foi obtido polos autonomistas galegos mediante un decreto en 1933, pero a vitoria electoral da Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) freouno. "Os galeguistas xuramentámonos para gardar silenzo, a ver se o Goberno se esquecía de derrogalo", escribiu Castelao en 1948. En 1936, o triunfo do Frente Popular permitiu desbloquear o proceso e, non sen atrancos, chegar a celebrar un plebiscito que, segundo a acta oficial de escrutinio, aprobou o Estatuto con 993.351 votos a prol fronte a 6.161 en contra e 1.351 en branco

Esa acta foi elaborada a partir dos certificados das Xuntas Provinciais do Censo Electoral examinadas nun pleno do Comité Central da Autonomía celebrado no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago o 5 de xullo de 1936. O histórico escrutinio xeral é, de agora en diante, parte do milleiro de documentos do Fondo do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía que están dispoñibles para o seu libre acceso a través de internet.
Actas, informes, recortes de prensa ou cartas son parte do valioso legado entregado ao CSIC por Baldomero Cores, gran estudoso do Estatuto do 36, a través dun dos fillos de Enrique Rajoy Leloup, secretario xeral do Comité Central da Autonomía
O traballo de dixitalización, froito da colaboración entre o CSIC e a Consellería de Cultura, dá unha nova vida dixital ás nove caixas de documentación física custodiada na biblioteca do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Este centro, participado polo CSIC e o Goberno galego, recibiunos como doazón a finais da década de 1990 por parte do avogado, xornalista e sociólogo Baldomero Cores Trasmonte, primeiro letrado da historia do Parlamento de Galicia e gran estudoso do Estatuto de 1936.
Quen fixo efectiva esa doazón -lembra o CSIC- foi Enrique Rajoy Sobredo, un dos fillos de Enrique Rajoy Leloup, na altura concelleiro na corporación compostelá, secretario xeral do Comité Central da Autonomía e un dos impulsores clave do Estatuto. Rajoy Leloup foi tamén o avó de Mariano Rajoy, ex-presidente do Goberno de España e do PP e antigo vicepresidente da Xunta.

Esa ampla documentación permite achegarse a moitos detalles do proceso estatutario. Son actas de xuntanzas, cartas, informes ou emendas aos artigos do Estatuto, mais tamén recortes de prensa ou papeis empregados polos seus impulsores, dende os máis simbólicos aos máis cotiáns, como as indicacións para aloxarse en Santiago durante a Asemblea de Concellos ou os prezos e listas de asistentes ao xantar organizado para asembleístas que chegaban de fóra da cidade. Entre eles, tamén, algunhas fotografías publicadas por xornais da época.
"O traballo polo recoñecemento da súa personalidade que hoxe realiza o país galego" é a "a obra secular dun pobo que aspira á libre gobernación dos seus peculiares intereses", explicaba o manual manexado polos asistentes á Asemblea de Concellos de 1932
Unha boa mostra é a publicación dun cento de páxinas elaborada para a Asemblea de Concellos de 1932, coa emblemática capa deseñada por Camilio Díaz Baliño. O fondo dixitalizado polo CSIC e a Xunta amosa, concretamente, o exemplar do libro manexado por Rajoy Leloup naquela asemblea -así o indicou el mesmo de maneira manuscrita na portada-. Os seus contidos inclúen o proxecto de Estatuto e as emendas formuladas, as normas de funcionamento da Asemblea, unha reflexión histórica e política sobre a autonomía e tamén indicacións prácticas de transporte e aloxamento na cidade.
"O traballo polo recoñecemento da súa personalidade que hoxe realiza o país galego non é o anhelo dunha xeración que se mova baixo a orientación de calquera moda política nin o reflexo dun feito alleo á nosa terra, senón a obra secular dun pobo que aspira á libre gobernación dos seus peculiares intereses dentro da solidariedade moral, económica e xurídica do Estado español", resaltaba a publicación. A organización da propaganda ou as comunicacións entre persoeiros como Castelao, Bóveda ou o propio Rajoy Leloup fai parte tamén dun fondo concibido para espallar a memoria dun Estatuto que, como é sabido, tras a súa aprobación en referendo non chegou a culminar por mor do golpe do 18 de xullo de 1936 e a posterior ditadura. Pero cuxa existencia foi clave para o acceso á autonomía pola vía rápida tras a ditadura.

A importancia do Estatuto de 1936 para a consecución do de 1981 foi lembrada polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, no acto oficial de presentación dos traballos de dixitalización, esta semana en Santiago xunto ao CSIC e á Xunta. O Goberno galego, pola súa banda, encadra a apertura desta "importante fiestra documental a un dos procesos históricos máis relevantes de Galicia" como unha "das iniciativas máis significativas" na conmemoración do Ano Castelao.